75 ANOS DE HISTORIA

 

75 ANOS DE HISTORIA DO FÚTBOL EN AS PONTES

 

ANTÓN FERREIRO

 

 

        Este ano cúmprense os setenta e cinco do fútbol en As Pontes, co que o actual Club Deportivo As Pontes entra no grupo selecto dos clubs  con tres cuartos de século de historia. Unha efeméride que está a pasar case desapercibida para a maioría dos ponteses.

        Foi alá polo verán de 1933 cando se constituiu o Club Deportivo Puentes, grazas á iniciativa dun tal Rebollar. Francisco Penabad Dopico é o primeiro presidente deste histórico club que competía contra equipos de localidades veciñas, principalmente en partidos amigable no verán. O seu terreo de xogo era o vello Campo da Feira, lugar que hoxe ocupa a casa do concello e o parque municipal, onde antano tamén se celebraban as verbenas das festas patronais.

        O seu primeiro equipo estivo formado por Pirucho, Basanta, Nazario, Rafael, Ruso, Pernas, Tocayo, Pepe de Soto, Cabarcos, Juan Rey e Pancho Bellas, os cales podemos considerar como os pioneiros do fútbol pontés. Os seus rivais foron o Racing Vilalbés, Viveiro, Galiano, Tirso, Juventud de Hierro (Ortigueira), Furia de Cuíña, Mezquita de San Claudio, Ártabro de Ares, Xubia, Ximnástica Lucense, etc.

 

                       

             CD Puentes 1951: O Puentes que goleou ó Viveiro no seu campo (1-13) en agosto de 1951

 

 

        Durante e despois da guerra civil o fútbol estivo esquecido, xa que había que preocuparse doutras cousas máis necesarias. En 1944 xurde de novo con xogadores como os Yllade, Rivera, Bellas, Cabarcos e outros. Presidía a entidade Guillermo Gastiosoro Iglesias, á quen seguiu Cesáreo González Dopeso, médico da localidade, e finalmente Manuel Tojeiro Díaz. Na década dos cincuenta destacan Pico, Chucho, Parada, irmáns Cayetano, Penaro, Arias, Alvariño, Yebra, Jerónimo, Maltrana, Sito, Fresco, Galiana, Cao, Liló e outros.

        Nun principio a súa vestimenta era camiseta azul-granate e calzón azul, despois camisa roxa cunha franxa central branca e calzón branco. Cando se denominaba Xuvenil Puentes  era totalmente branca.

Histórica foi aquela goleada ó Viveiro no seu propio campo, despois de perder o anterior domingo en As Pontes por 1-3. Era agosto de 1951 e aliñación presentada polos ponteses foi a formada por Bouza, Nistal, Alvariño, Lesta, Suso Cayetano, Chucho, Rivera o “mudo”, Manolo Cayetano, Abelardo, Rocoy, Tito e Jerónimo. Neste histórico partido os ponteses gañaron por un claro e contundente 1-13.

 

PRIMEIRO CLUB FEDERADO: O CALVO SOTELO

 

        En 1960, co apoio económico da empresa Calvo Sotelo, o club inicia a súa etapa oficial ó federarse o 28 de setembro tomando o nome da empresa e iniciando a súa andadura na máxima categoría rexional, a Serie A, na que estivo nove temporadas con tres pasos pola terceira división e unha na segunda rexional.

        Os primeiros partidos disputounos no antigo campo da Feira. Logo pasou a xogar no da academia Calvo Sotelo e finalmente no do Poboado, que foi inaugurado o 18 de xullo de 1961 nun partido entre o Calvo Sotelo e o desaparecido Arsenal de Ferrol. Gañaron os ponteses por dous goles a un. Este campo foi remodelado posteriormente e na actualidade conta cunhas das mellores instalacións deportivas de Galicia.

        A vella vestimenta do Puentes foi trocada pola de camisa branca e roxa e calzón azul e en 1966 sufriu un novo cambio ó pasar a ser totalmente de cor azul.

        Moitos foron os xogadores que pasaron polo histórico “Calvo”, dende a primeira plantilla  que comezou adestrando Simón –aquel gran porteiro do Deportivo e Celta de Vigo- e na que estaban Nando, Jerónimo, Diego, Nené, Cela, Eliseo, Se, Anillo, Cao, Requeté, Manolo, Saavedra, Sito, Maltrana, Rafa, Orizales, Jenjo, Teruel, Anca, Salazar, Fernando, Tito e Cabarcos; ata a derradeira dos Bra, Leal, Vilaboy, Servando, irmáns Roca, Forxa, Pazos, Antonio, Calpita, Miguel, Isaac, Fresco, Silva, Pena, Barcia, Beceiro, Nacho e Tomé.

        Os afeccionados lembran con nostalxia aquel primeiro ascenso á Terceira División na temporada 63/64, con Moar como adestrador e unha plantilla formada por Man, Loira, Nené, Sé, Modesto, Barreiras, Tella, Dictino, Requeté, Gondell, Rajoy, Nito, Iván, Roca, Cofaga, Canosa e Teruel. Presidía a entidade un directivo da empresa, Fernando Alarcón Hernández -sucesor de Ramón Tobar- e que ocupou o cargo durante doce anos.

 

                                            

 

                       Calvo Sotelo 63/64: Plantilla do primeiro ascenso a categoría nacional (Calvo Sotelo 1963/64).

 

 

        CAMBIO DE NOME: ENDESA AS PONTES

 

        O 12 de xullo de 1973 pasa a denominarse Club Deportivo Endesa, nome ó que se lle engadiría o da vila en 1982, continuando coa mesma equipación, totalmente azul, aínda que en 1983 o calzón pasou a ser branco, cores que continúan na actualidade.

Tras unhas temporadas afundido nas categorías baixas do fútbol galego (segunda, primeira e preferente rexional) o club retorna á Terceira División e despois dá un salto importante ó alcanzar a Segunda B, categoría na que militou nove temporadas en dúas etapas de seis e tres anos. Evidentemente, o apoio económico foi unha das bazas importantes, aínda que tamén hai que salientar o traballo das directivas, en especial as presididas por Fermín Gil, Pepe Dasilva e o desaparecido Tino Parajón, quen marcou unha das etapas máis gloriosas do fútbol pontés, chegando incluso a participar na promoción de ascenso á Segunda División A na temporada 1991/92.

Xogadores de renome e calidade pasaron por este Endesa As Pontes, que, como sinalei antes, marcou toda unha época na historia do fútbol pontés. Os Nando, Quique, Alfonso, Ramiro, Bandín, Ramón, Pradera, Alfredo, Quico, Salido, Rebolo, Carou e unha longa lista fixeron que os afeccionados ponteses gozaran do fútbol durante máis dunha década. O campo do Poboado enchíase de afeccionados (en ocasións dous ou tres mil espectadores) para ver a clubs históricos, como o Salamanca, Real Madrid Castilla, U.D. Las Palmas,  Sporting de Gijón, Celta de Vigo, Cultural Leonesa, Almería, Ponferradina, Deportivo da Coruña, Pontevedra, Lugo, Ourense, Ferrol e outros equipos de toda a xeografía española.

 

                          

                                         

              Endesa As Pontes 91/92:  Endesa As Pontes que xogou a fase de ascenso á Segunda División A (1991/92).

 

 

O CLUB RECUPERA O SEU PRIMEIRO NOME

 

        Logo desta histórica etapa, a entidade pontesa comeza o seu declive, en gran maneira propiciado pola considerable diminución do apoio económico do seu principal patrocinador (Endesa). O equipo baixa á preferente autonómica, categoría na que leva sete temporadas; aínda que, en opinión de todos, o seu sitio natural é a terceira división. É nesta época cando en 2002 volve a recuperar o seu primeiro nome, Club Deportivo As Pontes. Un As Pontes que, por outra banda é unha clara referencia en canto á labor de canteira, pois dende hai case trinta anos a entidade promociona o fútbol base e na actualidade, ademais do conxunto senior, conta con dez equipos, dende prebenxamíns ata xuvenís, con preto de douscentos xogadores. Este temporada que acaba de comezar creouse o primeiro equipo feminino da localidade que está a competir na liga galega.

 

                                                             

       

                                        

 Club Deportivo As Pontes 2007/08 (Preferente autonómica)

    

          Nas décadas dos sesenta e setenta había unha gran afección ó fútbol, de aí que proliferasen nas distintas parroquias e lugares do concello numerosos equipos de afeccionados que competían en torneos das diversas festas patronais de cada lugar. Podemos sinalar ó Deportivo Saa (máis coñecido polos “Tritóns”), a Unión Ximnástica da Casilla, Ponte da Pedra, o da Carretera, Campeiras, Ribadeume, Faeira, Meidelo, Atlético Gondré, etc.

En resume, setenta e cinco anos deron para moito. Épocas gloriosas e épocas case no esquecemento, alegres vitorias e amargas derrotas, máis de 2.500 partidos disputados, varios títulos de liga e de copa e numerosos trofeos de torneos amigables. Por eso, os ponteses poden presumir de ter un club histórico que entrou xa  no grupo selecto dos privilexiados e na propia lenda do tempo.

        Dentro de dous anos cumpriránse os cincuenta da federación do club, pois o 28 de setembro de 1960 a entidade pontesa entrou oficialmente na federación galega de fútbol. Hai tempo suficiente para conmemorar esta efeméride.

 

As Pontes, Outubro de 2008

 
Esta entrada foi publicada en Historia do Clube. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s