CD As Pontes Feminino

ENTREVISTA Ó PRESIDENTE, VICEPRESIDENTE, E ADESTRADOR DO ESTEO FS, FRAN FERNÁNDEZ, JUAN RODRÍGUEZ E DIEGO PAZ. POR ANTÓN E XOSE FERREIRO.

O Esteo de Fútbol Sala conseguiu a temporada pasada, despois de catro intentos fallidos, o seu merecido ascenso á 2º División B do fútbol sala estatal. A unha semana de encarar a súa participación nesta 2013-14 na que enfrontará a seis equipos galegos, Noia, Prone Lugo, Ventorrillo, Mosteiro Bembrive, Pizarras Tres Cuñados, Cidade de Narón, e seis de Castela Léon, Albense Salamanca, Universidad de Valladolid, Cuéllar-Cojalba, Arlequin, Rueda de Guardo e Zamora, co gran obxectivo de conquerir a salvación, puxémonos en contacto cos dous máximos mandatarios do clube e o seu adestrador e estas son as súas impresións.

esteo

Ola ós tres, antes que nada gracias por concedernos estes minutos e felicidades polo ascenso ¿Como o celebrachedes despois de tantos anos quedando ás beiras? Si, xa sei que me ides a dicir que moita festa e moita alegría (risas), pero aparte diso, ¿que sensación tivechedes nese momento?, tranquilidade, alivio, por fin xa o conseguimos …

Juan: Ola, gracias, a miña opinión persoal do ascenso da temporada pasada eu creo que se está vendo esta pretemporada realmente, eu creo que a xente tiña moitas gañas de ascender, e notolles que están moito máis motivados, quero dicir, cando ascendemos a festa e todo iso estivo ben, pero a xente estaba moi cansa, tanto xogadores como afeccionados, de quedar sempre ás portas do ascenso, e notoo nestes primeiros días da nova temporada, que a xente está máis motivada, dandoo todo, e menos “acomodada”. digamos.

Fran: Ola, eu penso o mesmo, xa era moito tempo quedando ás portas e ó final os xogadores e a propia afección xa tiñan moitas gañas de ascender.

Diego: Ola, en xeral moita satisfacción polo ascenso que levabamos dous ou tres anos que se escapaba polos pelos.

Nas catro temporadas anteriores quedachedes cuartos, segundos, terceiros, outra vez segundos, ¿Cal creedes que foi a diferencia de que ascenderades a tempada pasada e non facelo os anos anteriores? ¿Cales creedes que foron as claves para conseguir definitivamente o ascenso?

Diego: Eu creo que empezou todo isto o día do partido de Bembrive fai un ano e medio que puidemos gañar e empatamos, e quedamos sen ascenso, eu penso que dende aquela o grupo uniuse máis, e sobre todo a tempada pasada creo que a clave foi que cos rivais de arriba gañamos todos os partidos, e iso marcou a diferencia, e tamén sobre todo o inicio que foi arrollador, 11 xornadas, 10 victorias e 1 empate. E iso que para min dos últimos 5 anos foi quizais a Liga máis igualada e máis forte.

Juan: Eu creo que foi un traballo bo, e dende logo que hai que felicitalos, dende o meu punto de vista que non estou tan metido no equipo, anque o sigo día a día, creo que a xente lle ten que dar o valor que ten, que tanto os xogadores como Diego, como o delegado, o encargado … traballamos todos moito e costounos moito, moitísimo, a xente cree que non, pero falamos de categorías e as categorías poñen a cada un no seu sitio, non é tan fácil, hai xente que di que non había moito nivel, pero eu niso non estou de acordo, a xente cando ías por ahí dicíanos que eramos o mellor equipo, porque realmente nos partidos claves cos rivais directos, pasamolo mal aquí co Leis, que nos gañaran ben, tamén co Coruña, o Burela tamén tiña moita xente xove que estaba moi motivada aquel día e nos pasou por encima aló, pero co resto fomos moi superiores, e iso que no último mes perdemos tres partidos, houbo baixas durante a temporada, como a de Rubi ó final de Liga, a plantilla era algo xusta e a xente chegou moi castigada ó treito final, por exemplo incluso a veces Fran xogou trinta e pico minutos por partido.

Fran: Eu creo que foi todo a base de traballo e seriedade.

esteo

Fran Fernández Pardo

Sobraronvos catro partidos para certificar o ascenso, pero ata que se consigue non se pode cantar victoria, ¿cal creedes que foi o encontro que marcou ese punto de inflexión no que pensachedes “isto xa está, este ano non se nos escapa”? e , ó marxe do día do ascenso, ¿cal pensades que foi o voso mellor partido da tempada pasada?

Fran: O mellor partido da temporada para min foi o de Cinco Coruña na casa, tiñamos baixas incluso, por iso ten máis mérito, eu penso que ahí é onde gañamos a Liga, pero bueno, como dixo Diego, dos once primeiros partidos gañamos dez e iso marca a diferencia.

Diego: Coincido con Fran, o día do Cinco Coruña, e en canto ó mellor partido para min hai tres ou catro bos, pero por exemplo digoche o que xogamos contra o Pazos de Borbén, que alí na súa casa non gañara ninguén, gañamos a semana antes de ascender, e creo que foi un partido moi bo.

Juan: Ese é un partido que eu recordo perfectamente porque ademáis eu estaba so na grada, e é un pavillón onde o público apreta moitísimo, e foi un partido no que perdoamos moitísimas ocasións, gañamos 4-6, pero con moitas ocasións falladas, e incluso ó final veu un matrimonio a felicitarnos e a dicirnos que mereciamos ascender porque o resto de equipos non estaban ó noso nivel. Foi un gran triunfo, pola dificultade do rival tamén.

¿Que esperades do día do debut este sábado contra o Rueda de Guardo?, tanto a nivel deportivo como de público. Os que son fieis de sempre xa van a estar ahí, como di Diego, a afección máis numerosa de Terceira a tempada pasada, pero ¿qué lle diriades ó resto da xente para que acuda a animarvos?

Juan: A tempada anterior a xente cumpriu con nosoutros, o Esteo tenlle que estar moi agradecido a afección, iso teñoo clarísimo, axudounos moitísimo, ¿Qué este ano nos vai a volver a axudar? Eu creo que tamén, pero este ano vainos a facer máis falta, pois a tempada pasada eramos un equipo candidato ó ascenso e este ano o obxectivo é claro, manterse, non se vai a meter presión ó equipo de ningún tipo, non nos volvemos tolos, foise un xogador e fichamos a outro, fichamos a un segundo adestrador que creo que a Diego lle ven moi ben, unha persoa con experiencia e tamén a un preparador físico, que eu creo que foi un acerto total, así Diego está máis liberado, e a partir de ahí eu creo que a xente vai a responder, As Pontes é un sitio onde sempre houbo afección ó fútbol sala, e que eu creo que vai a responder sen dúbida algunha.

esteo

Juan Rodríguez Martínez

Neste grupo primeiro da Segunda División B do fútbol sala español hai 13 equipos, 7 galegos e 6 de Castela León ¿Como vedes o campionato?, ¿quen creedes que serán os rivais máis fortes?, ¿en que posición creedes que quedaredes? ¿cal é o obxectivo do equipo?

Diego: Rivais eu creo que hai 4 ou 5 moi fortes, eu creo que Narón, Noia, despois Zamora, Valladolid e Albense de Salamanca, eu penso que eses cinco son os candidatos a estar pelexando polo ascenso, despois os demáis cada un terá que traballar o seu, e pelexar, sobre todo ser forte na casa que é o importante nesta categoría polo que se ve, equipos como Bembrive e Tres Cuñados que ascenderon fai pouco, estes anos que o fixeron ben foi sobre todo a raíz de facerse fortes en casa. O Noia é un equipo que mantivo o plantel do ano pasado que xa quedara primeiro e queren ascender como sexa, e logo o Cidade de Narón fai pouco fichou a dous bos xogadores, que o ano pasado a plantilla era algo curta, e penso que tamén estará ahí.

Juan: Eu creo que a Liga vaina gañar o Noia, e logo nos, eu recordo por exemplo na época do Autos Puentes que se salvava sempre nas dúas últimas xornadas, que aquí non quería vir ninguén, igual ían fora e lles metían trece goles, pero gañar aquí era moi compricado, eu creo que ese espítitu segue e que temos equipo para competir, non sei o que haberá por ahí, sabe moito máis Diego, pero eu creo que en casa imos a ser moi fortes.

Fran: Eu creo que vai a haber moitas sorpresas, e deses que dixo Diego, que para min están por encima un pouco tamén en principio, pero despois, hai que traballalo. Se ti tes un equipo que cada ano queda primeiro ou segundo, varios anos seguidos, xa te deixas ir un pouco, e sempre aparece algún equipo que te sorprende, e eu creo que algúns dos que aparecen como favoritos van a quedar pola metade da táboa. Pola nosa parte eu creo que imos a quedar de cuartos (risas).

Juan: Ademáis eu digoche unha cousa, neste equipo eu penso que hai xogadores que non deron todo o que podían dar, eu creo que temos xogadores cunha capacidade tremenda, por exemplo Héctor, que chegou ó final de tempada e que é moi bo xogador e unha vez que se adapte nos vai dar un plus tremendo nesta categoría, é un home que sabe e fisicamente é un portento, Rober tamén, e logo Rubi, Bolly, Gerardo, Gerveno, Fran  … son xente que da máis, bueno, Fran xa ten 35 anos así que con que se manteña non lle imos a pedir máis (risas), e logo veñen rapaces novos con moitas gañas, estase adestrando de maravilla, e a xente está moi motivada, si hai calidade e lle pos gañas, ansia, e outro espíritu … eu digoche que moitos equipos que veñan aquí as van a pasar canutas.

Diego, senon é moita indiscrección, ¿por que che deu por facerte adestrador?

En principio, bueno, meu pai era o conserxe do pavillón e tamén lle gustaba moito o fútbol sala, e xa me foi entrando o gusanillo por ahí, e logo eu xoguei nos cadetes do Autos Puentes, pero xa se veía que desde que tiña 20 ou 21 anos a min o que me gustaba era adestrar, dirixir, e nada, fai dous anos saquei o nivel 1 e 2 de adestrador e este ano saquei o 3, que xa o aprobei, e nada, aínda me queda moita formación, pero bueno, aínda son novo, teño 30 anos.

esteo

Diego Paz Romero

Diego, o equipo con respecto ó ano pasado, a grandes rasgos, perdeu a Pellón e gañou a Rober Paz, volveu o porteiro Ito e tamén subiu o xuvenil Pablo ¿como ves o teu plantel para afrontar a temporada?

Primeiro, todos estivemos de acordo en renovar a todo o plantel, foi un premio para todos, para delegados, adestrador, presidente e xogadores, e o equipo eu estou moi contento con él, non quixemos facer máis fichaxes, creo que tampouco nos facían falta, iso si, fichamos a Rober porque se foi Pellón, e eu creo que Rober é un xogador que ten moita experiencia, xa en Segunda B, incluso en Plata, é un xogador polivalente, universal, do estilo de Pellón, bo pasador, ten regate, incluso ten gol, e é un xogador de equipo que vai a participar moito no xogo, e que nos vai a aportar cousas moi boas, e despois subimos a Pablo, un xuvenil, o ano pasado xa debutaron cinco xuvenís, e o noso proxecto para un futuro é ter máis xente de As Pontes, ir formandoos e conseguir que vaia entrando no equipo máis xente da casa.

Diego, ¿Qué crees que che poden aportar o segundo adestrador Manel Naveiras e o preparador físico David García?

Manel experiencia, xa foi segundo adestrador de Venancio, o adestrador da selección española, e tamén de Pulpis, en Plata, ten experiencia e pode aportar moitas cousas boas ós xogadores, detalles que ó mellor os xogadores non ven, e tamén me pode axudar moito a min no tema dos vídeos, que ata agora non o facíamos, e este ano imos a facelo, o de estudiar ós rivais en vídeo, entón creo que me ven moi ben, e despois no aspecto físico, os outros anos levabao eu, pero nesta categoría xa é un plus o tema do aspecto físico, é moi importante, entón por iso nos decidimos a traer un preparador físico porque así eu tamén me podo centrar en outras cousas, antes levaba eu todo, e agora podo dispoñer de máis tempo para preparar outras cousas, e eu creo que ambos fichaxes son un acerto, levamos xa traballando catro semanas, e a verdade é que estamos todos moi contentos con eles.

esteo

Diego, con respecto ó cambio de categoría, por exemplo, a nivel de adestramentos, técnicamente, tácticamente, intensidade, ¿en que estás cambiando con respecto ó ano pasado ou segue máis ou menos igual que sempre?

En pretemporada os anos anteriores adestrabamos entre dous e tres días, máis ben tres, e agora estamos adestrando catro sesións á semana, teremos cinco partidos, tres de Copa Xunta e dous amistosos, antes de comezar a Liga, e estamos subindo un pouco o nivel de carga física. Tacticamente eu creo que este ano o equipo vai a cambiar moito, en Terceira non nos exixían tanto os equipos e eu creo que este ano tácticamente e tecnicamente imos a ter que estar moi ben se queremos puntuar.

Diego, agora vemos a moitos técnicos galegos e españois triunfando polo extranxeiro. ¿Gustariache nun futuro, dentro de dez anos digo (risas), probar sorte na diáspora si se che dera esa oportunidade?

Non sei, a xente que vai fora eu creo que ten moito desgaste, eu penso que esta xente a familia tena que deixar un pouco de lado, e irse sos para alí, porque eu con Pablo Prieto falo bastante, tamén con Bruno, que agora se foi a adestrar á selección de Perú, e eu creo que lonxe da familia non podería estar, se algún día non teño outro tipo de traballo pois non me importaría ir, pero iso si, levando sempre á familia.

esteo

Diego, dentro do mundiño do fútbol sala, que ti dominas ben, me imaxino que terás moitos, con algúns incluso tes trato, pero ¿hai algún adestrador ó que admires?

Sobre todo Duda, o de El Pozo, eu son de El Pozo dende ben pequeno, e despois, agora saiu Diego Ríos (Azkar Lugo) fai uns anos, teño contacto con él e a verdade é que pola súa idade e polos coñecementos que ten, e tamén por como é, tamén teño admiración por él.

Sen acritude (risas) ¿Como vedes a Diego como adestrador?, sobre todo ti Fran que eres o seu discípulo (risas).

Fran: Vexo que este ano lle veu moi ben que o equipo ascendera, creo que mellorou moito en algúns aspectos, como por exemplo o tema de falar, que sei que é difícil, pero coñecementos ten moitos, aparte gustalle moito aprender por iso se relaciona con xente de Primeira División e eu vexo que gran parte do mérito que ten o Esteo é de Diego.

Juan: Eu sendo obxectivo, diriache que o Esteo deulle moito a Diego, confiou moito en él, pero a día de hoxe podemos presumir de que Fran e Juan fan moitas cousas, vale, pero hai un traballo detrás que fai Diego, que a xente sabe, Diego é unha peza fundamental no Esteo, igual que o podemos ser Fran e máis eu, el fai moitas cousas, este ano ademáis de ser o adestrador do primeiro equipo vai a ser o secretario técnico, vai a coordinar as categorías de base, vai a estar en contacto cos adestradores, para axudarlles na formación, cousas que se teñen que facer cos nenos … e a nivel de adestrador, sei que sabe moito de fútbol sala, moitísimo, eu sei que el é xove e traballa con xente maior, e é máis difícil de tratar, esas cousas vaichas dando a experiencia e o feito de pelexar ahí día a día, vaille vir moi ben o tema do segundo adestrador en plan de que si hai que botar algún berro, pois hai que facelo e punto. Pero dende logo nos o agradecemento é enorme cara a persoa de Diego. Ademáis a día de hoxe el é un amigo para nos, empezamos sendo coñecidos pero hoxe en día xa é un amigo.

esteo

Fran, sei que no seu día, concretamente no ano 1997, fuches Campión de España coa selección galega, ¿que nos podes contar desta experiencia?, porque houbo moitos ponteses que foron Campións de España e casi nunca se falou deles, ou non todo o que merecían, o último deles Roi.

Pois foi un torneo para min moi especial porque eu era ademáis o máis novo de todos os xogadores, tiña 19 anos, o adestrador era Pablo Prieto, e de feito puxome a min de capitán por ser o máis pequeno, foi unha experiencia inolvidable porque xogara moitos minutos ademáis e había un grupo moi bo con xente que despois incluso chegou a xogar en Primeira División, e pasaramolo moi ben. Gañamos o título contra Castela A Mancha, nunha final apretada, pero gañaramos ben.

Fran, pregunta de difícil resposta, nos teus moitos anos de carreira, porque falamos de Pellón, pero ti levas toda a vida aquí (risas), se me tiveras que dicir algún partido, algún gol e algún compañeiro co que xogaras que admirases moito o seu talento.

O partido, porque é o que está está máis preto, diriache loxicamente o do día da Pontenova, porque o Esteo é moi especial para nosoutros, e foi o día do ascenso, aparte foi un partido moi igualado, gañamos ó final, foi unha forma incluso bonita de gañar, e logo recordo un gol en Cistierna co Galparket, que íamos a 2-2, quedando un minuto, e si gañabamos alí xogariamos o ascenso a semana seguinte na casa, e eu metín o 2-3. E logo eu, o mellor xogador co que compartín equipo penso que sería Pellón seguramente, tanto como persoa, como compañeiro, como xogador, foi unha referencia a nivel nacional así que pouco máis se pode dicir.

esteo

Fran, despois de moitos anos pelexando, ti e máis os teus compañeiros, consigues o ascenso, merecido, ¿como o estás vivindo, e que esperas de ti e do teu rendemento esta temporada?

Pois agora a verdade teño gañas de poñerme ben fisicamente porque xa teño uns aniños e non teño gañas de arrastrarme na pista, entón estoume preocupando bastante polo nivel físico, e creo que vou a aportar cousiñas como todos.

Fran, ¿que nos podes dicir do porque do nome do noso equipo?, O Esteo, que eu diría hai algunha xente que non o sabe, sobre todo os rapaces máis noviños.

O nome do Esteo é unha cousa moi curiosa, nosoutros cando fixemos o equipo íamoslle poñer un nome, que xa non se podía poñer, que era As Pontes Fútbol Sala, non nos deixaban, negaronos o nome, e estabamos moi xustiños de tempo, entón xurdiunos unha idea, pensamos na casa dos meus avós, que se chama O Esteo, e pensamos que ese nome seguro que non estaba collido (risas). E puxemosllo.

esteo

(Risas) Juan, a ti coñezote dende ben pequeno, ti fuches un gran xogador de baloncesto (risas), pero o fútbol tamén se che daba moi ben, metías moitos goles, e tamén pasaches polo equipo, ¿que opinión tes dos teus anos de fútbol sala?

Eu pouco rendín, estiven ahí uns aniños, e por temas de traballo tiveno que deixar, a min o fútbol sala é un tema que me gusta moito de sempre, pero creo que hai que deixar paso ó que vale, é o que non pois para outras cousas, que é ó que me adico eu aquí, eu fun un xogador normal, e sempre digo o mesmo, penso que as categorías están para algo, non me canso de dicilo, eu na Liga Local pontesa, quedara máximo goleador ou un dos máximos goleadores, nunha Liga Local moi boa, marcara 50 ou 52 goles, e despois chamoume o Autos Puentes, daquela xogabamos en Primeira B, e viñamos a adestrar desde Lugo dúas veces á semana, pero resulta que chegaba Toji, que traballaba tódolos días soldando 12 horas, que igual non podía vir a adestrar ou como moito viña un día á semana, e chegaba o día do partido e eu xogaba 5 ou 6 minutiños e Toji xogaba 35, metía goles, pelexaba, así que eu creo que hai categorías e categorías.

¿Como vos xurdiu a ambos, a ti e a Fran, o tema de tomar as rendas do equipo?

Juan: Nos compartimos a dirección do equipo, pero calquer problema, si é de ámbito deportivo, tratamos de resolvelo os tres, e si é por temas de pago ou patrocinadores, pois Fran e máis eu levamos a batuta, e isto da moito traballo, eu teño unha labor que facer pois máis de oficina, de temas económicos, que é o que xestiono eu, pero realmente o Esteo é unha familia.

esteo

esteo

¿Que agardades ambos do clube, xa non digo so nesta tempada senon nun futuro a corto e medio prazo?

Juan: Eu dende o meu punto de vista creo que estamos facendo as cousas ben, cos nosos fallos, pero imos paso a paso, moita xente dicianos que para esta temporada había que fichar, pero nos tiñamos claros os obxectivos do Esteo, que son clarísimos, seguir coa canteira, fomentar que veñan rapaces novos, e que aquí algún día poda haber dez rapaces de As Pontes xogando no primeiro equipo, é fundamental para nosoutros, estamos centrados niso ó cen por cen, fichamos a algunha xente para o primeiro equipo pero o Esteo está traballando, coas limitacións que ten, pasiño a pasiño, sen volvernos tolos, pouco a pouco, cumprindo con todo o mundo, cos nosos fallos, que agora hai cativos e hai unhas responsabilidades, e cometes fallos, pois non somos perfectos.

Fran: A curto prazo o primeiro equipo está no máis alto que pode estar, agora mesmo, pois a Segunda División xa é algo inaccesible, imposible, e logo potenciar a canteira, e si sae dentro duns anos unha remesa boa pois aproveitala, pero a curto prazo canteira e nada máis.

¿Que supón para vosoutros representar a As Pontes por Galicia adiante, e agora incluso viaxando por España, como cabezas máis visibles do Esteo?

Juan: Eu dende o meu punto de vista, é algo moi bonito, pero aquí o que importa é o clube, despois as persoas, pois si, chamante, apareces, pero por riba de todo está o equipo, é un orgullo tremendo porque ó final te identifican, porque este ano vai a vir xente de Salamanca, xente de Valladolid, e esa xente ven e estás con eles, e eu creo que iso é bo para As Pontes.

Fran: O Esteo é un pouco especial porque aquí incluso o presidente vai comprar auga ó supermercado, fai os bocadillos … aquí tes saber facer un pouco de todo, e aquí todo o mundo ten voz e voto.

Juan: Da moitísimo traballo, eu a tempada pasada saia de traballar ás nove, e viña ós adestramentos, agora en verán cando non se adestraba era todos os días canteira, xogadores, roupa, dietas … da un traballo tremendo, e hai moita xente ó cargo e queres contentar a todo o mundo, e iso non é doado, pero bueno, a xente que estivo no Esteo e que se foi por circunstancias eu creo que quedou contenta, imos a Ferrol e por ahí, e a xente tennos un cariño impresionante, a xente sabe que aquí ós xogadores se lles trata moi ben, tamén os pais dos xogadores da canteira, a xente está contenta. E logo, alto cargo, bueno, eu vou co equipo por ahí e vou para a grada co chandal como un máis.

Diego: Vas para a grada a dar voltas por ahí (risas)

esteo

esteo

(Risas) ¿O mellor momento persoal desde que formades parte do Esteo?

Fran: A min gustoume moito o ano pasado cando debutaron as categorías de base, os nenos pequeniños, pois os nenos son algo especial, o ascenso deportivamente, pero as categorías de base é unha cousa moi bonita e da gusto velos.

Diego: Eu, aparte do ascenso, o ano pasado, na Liga Nacional Xuvenil, a verdade é que tiña un equipazo, eran bos rapaces, estabamos todos contentos, xogabamos contra os mellores equipos de Galicia, e na segunda volta incluso puidemos competir cos de arriba, foi unha experiencia moi bonita.

Juan: Eu quedome un pouco con todo, pero hai momentos como por exemplo o Campus deste ano cos nenos foi unha auténtica pasada, ver a 50 nenos ordeados, en fila india, coa súa roupa, todos encantados, catro días, e se puideran estar 12 horas ó día pois estaban 12 horas. Despois tamén me gusta moito cando organizamos o maratón de verán, gustanme moito esas fechas, que se move todo o Fútbol Sala aquí en As Pontes, ven xente de fora, estamos todos xuntos, non durmimos … logo como comentou Diego, o dos xuvenís pois tamén está moi ben. Xa so o día a día é moi bonito, da moito traballo, pero bueno, estamos traballando e convencidos do que facemos, que iso é o fundamental.

Acabades de empezar hai pouco co tema da canteira, sei que é momento de ir aglutinando cativos sen mirar máis adiante, pero ¿que tal estes primeiros meses? ¿Por qué a tempada pasada non había nin equipo alevín nin infantil? Me imaxino que por falta de rapaces para completar o equipo, ¿non?.

Diego: En Alevín e Infantil había nenos apuntados pero como dis ti non nos chegaban para completar un equipo. Pero eu creo que este ano imos ter algún equipo máis. A canteira da moito traballo pero é moi bonito traballar cos cativos, agardamos que en 4 ou 5 anos poida haber algún xogador máis no primeiro equipo. O ano pasado xa debutaron cinco xuvenís.

esteo

esteo

esteo

Esta pregunta gustame moito facela sempre, todos cando eramos cativos iamos ver ó antigo Autos Puentes, e ós sucesivos equipos posteriores, que anda que non tivo bos xogadores, a bote pronto veñenseme á cabeza Walter, Pereira, Fernando, Pellón, Josito, Cóndor, Andi, Pepe, Susín … e moitos máis que non me quero deixar no tinteiro ¿con cal vos quedades e que equipo de que época foi o que máis vos fixo disfrutar do fútbol sala cando erades mozos e máis vos enganchou a este deporte?

Fran: Eu cando empecei a xogar, adestrabamos xusto antes de que xogara o Autos Puentes, e nos fixabamos en Walter, pero os rapaces mirabamos todos para Pellón, porque era un rapaz que era de aquí, facía xogadas que de aquela o pavillón volcabase con él, aparte era un neno, pois tiña 16 ou 17 anos, e eu quedaríame con ese equipo, o de principios dos 90. Logo despois nos tivemos dous anos de xogar fora da casa co Autos Puentes que iso era outro nivel, a Segunda División B de hoxe comparada coa de antes é outro nivel, nos íamos xogar a Ourense, e metíanos 15, acordome un partido que fomos xogar contra Parrillada El Ancla, que comezamos gañando 0-1, no pavillón igual había 500 persoas, e perdemos 15-1, en oito partidos igual levabas de dez goles para arriba, pero aínda así aquí houbo moita sorte sempre cos xogadores que tivo o noso equipo pois moitos dos rapaces desa época hoxe en día serían grandes xogadores para o Esteo.

Juan: Eu recordo cando viña ver ó Autos Puentes, eran sobre todo as últimas épocas nas que aquí as pasaban canutas e acordome sobre todo de Óscar, un ferrolán, non baixaba de media pista, defendían tres e el estaba arriba, era un espectáculo velo, era tremendo, poñíase de espaldas, marcaba 3 ou 4 goles, creo que quedara dos máximos goleadores das categorías nacionais. Eu a Pellón non o vin xogar, pero recordo ese Autos Puentes que as pasaba canutas e veías a eses rapaces atrás, Susín, Pepe, que era todo a base de bregar, bregar, e logo chegaba este home e arriba metíaas todas.

Diego: Eu do que máis me acordo é de Susín, de Fran de moi pequeno, eu a Pellón non o vin, pero bueno, Susín, Andi e Toji son dos que máis me acordo.

Fran: E tamén Expósito …

¿En que aspecto creedes que ides a notar máis a ausencia de Pellón? ¿Como valorades a súa traxectoria? ¿Creedes que nun futuro pode chegar a haber un xogador tan exitoso e lonxevo coma el aquí en As Pontes?

Juan: A miña opinión sobre Pellón, un xogador coma él, eu creo que a día de hoxe sería difícil atopalo, primeiro porque o fútbol sala de aquela época dabache outras posibilidades económicas que hoxe sería imposible de asumir, hoxe en día vivir do fútbol sala salvo en Primeira División para o resto da xente é imposible, é difícil que saia un xogador e que chegue a onde chegou Pellón. Eu a Pellón como xogador non cho vou a descubrir, destacaría que é unha persoa directa, si che ten que dicir algo dicho á cara, que é algo moi bo e que moita xente non fai, é unha persoa de vestiario, que mira polo grupo, que axudou e lle deu un impulso extra ó Esteo nestes anos que estivo aquí, a súa experiencia, o tema de nunca confiarse, deportivamente na pista axudache un montón, un gran pasador … a Pellón fixemoslle unha homenaxe como creemos que se merece, porque parte do éxito do Esteo debemosllo a él.

Fran: Eu creo que cando máis nos axudou foi o primeiro ano, que ademáis estivo de segundo adestrador de Javi Saa, deunos un impulso.

Diego: Pellón aínda xogando en Terceira División seguía co “chip” profesional, era un gañador nato, con moita experiencia, incluso esta temporada do ascenso, aínda con 38 anos, eu creo que foi a mellor del, estaba motivadísimo.

esteo

esteo

¿Que me podedes dicir de Noé e do seu rendemento estes dous anos en Portugal? O primeiro ano chegou ós playoffs e o segundo alcanzou as semifinais e por riba creo que foi o quinto máximo goleador.

Diego: Noé ten condicións, eu creo que lle chegou a oportunidade un pouco tarde, igual lle debería haber chegado dous ou tres aniños antes, eu sigoo desde que comezou en Fene, que eu xa tiña trato con él, logo estivo en Portonovo e Narón, neste último equipo comezara moi ben e logo pois tivera diversos problemas, e logo foi unha sorte que viñera ó Esteo eses catro anos que estivo que a verdade é que nos aportou moitas cousas boas, pero eu creo que 2 ou 3 anos antes lle debería haber chegado a oportunidade de estar xogando profesionalmente, agora está adestrando dobre sesión, aprendendo moitas cousas que antes non sabía, con 28 anos, se lle houbera chegado con 24 ou 25 anos sería moito mellor para él. E logo alí en Portugal pois está acomodado, paganlle ó día, e está nun equipo punteiro.

Juan: Noé foi unha oportunidade que se nos presentou no seu día, veunos moi ben, e deportivamente crecemos un montón con él, era unha pasada velo xogar, xa o vimos todos, as condicións que tiña, un goleador, unha forma de pegarlle ó balón que aquilo era tremendo.

Fran: E un crack nas ceas … (Risas)

esteo

(Risas) Eu sei que o fútbol campo vos gusta moito e de feito xa vos puiden ver o día que España gañou o Mundial que estabades bastante contentos (risas), pero, ¿Porque fútbol sala e non fútbol campo? ¿Porque animariades a unha persoa a ver ou a practicar este deporte?, Porque antigamente se dicía que o que non valía para fútbol campo, que marchara a fútbol sala, e aínda a día de hoxe por desgracia hai xente que o pensa a pesar da tremenda evolución deste deporte.

Diego: Para min é moito máis vistoso, en catro minutos podes ver sete ocasións de gol, en fútbol ó mellor en 90 minutos ves un tiro a portería entre os dous equipos, logo en aspectos técnicos hai moitas máis florituras e regates, que é bo para o espectador, e para os nenos axudalles a ter unha base.

Fran: É certo o que dis que hai moita xente que pensa iso de que senón vales para fútbol campo xa terás tempo de ir a fútbol sala, e iso é un erro, eu recordo que antes había xente que xogaba ata os 35 anos a fútbol campo e logo viña a xogar á Liga Local de Fútbol Sala, pero eu creo que o Fútbol Sala creceu moito máis que o fútbol, aquí hoxe en día pode vir un rapaz que igual é moi bo en campo e logo en sala igual non se entera. Incluso para os nenos ata unha certa idade é totalmente positivo para coller o trato do balón, sobre todo si non tes campos de fútbol.

Juan: O outro día entereime que un xogador cambiou o fútbol sala polo fútbol campo despois de que lle insistiran moito e incluso o seu futuro adestrador, con título, felicitouno por deixar o “fútbol de mentira”, e iso non me parece correcto, un cativo que estea no fútbol sala, que probe, que logo pode xogar no fútbol campo sen problema ningún, hai unhas categorías a partir de infantil ou cadetes, para adiante, que xa sabe o cativo o que quere, pero ¿que dano lle fai a un cativo xogar a fútbol sala?, que xogue ó que queira e logo cando xa se vaia facendo maior que escolla, se ó fin e ó cabo todos os grandes futbolistas de hoxe en día, Messi, Zidane, Ronaldinho … pasaron polo fútbol sala.

Como apaixonados do fútbol sala que sodes ¿que tal vedes a Liga este ano?, o Barça mantén o bloque que tanto éxito lle esta dando, aínda así este ano perderon a Copa de Europa e so puideron quedar terceiros, e xa leva tempo que non fai fichaxes, aínda así estarán ahí como tódolos anos, logo El Pozo, o mesmo de sempre, dise que lles afecta a crise pero logo sempre están ahí, Duda facendo milagres, inda por riba ficharon a Raul Campos, o Inter nos últimos anos da a sensación de ter esa urxencia histórica de ser o equipo máis laureado que necesita gañar títulos canto antes, e baixo meu punto de vista fai moitas fichaxes á desesperada, cambia moito de adestrador, agora fichou a Ricardinho, a ver que tal lles vai, logo o Caja Segovia por desgracia xa non será de División de Honra, e logo dos de aquí, o Santiago Futsal ano a ano perde efectivos e agora foiselle probablemente un dos seus mellores xogadores, Raul Campos, todo o contrario que o Burela, que xa se reforzara con Matamoros a final de tempada e agora fichou a Burrito e a varios do Caja Segovia, e o Azkar Lugo está sacando rapaces novos moi  prometedores, como os irmáns Diz, ou o cierre Mouriz, que todos eles pasaron polas seleccións españolas inferiores.

Diego: Eu aposto sempre por El Pozo, eu creo que é o equipo que mellor está facendo as cousas, está facendo canteira, e nos dous últimos anos subiu a seis rapaces, incluso o seu filial  quedou terceiro en Segunda División, xogando con rapaces moi novos. O Inter Movistar non sei que problemas ten, cambia moito de adestrador, cada ano cambia media plantilla, a base de talonario, nunca rinde, non sei cal é o problema.

Fran: Eu penso que mentres o presidente do Barcelona non se canse de pagar, a Liga vaina gañar o Barça. Pero penso que como di Diego, El Pozo está facendo moi ben as cousas, está traballando moi ben, ten moito mérito, e seguramente en tres ou catro anos o FC Barcelona non pagará o que paga agora e tampouco terá tantos brasileños e daquela terá que tirar un pouco da canteira e terá que comezar de cero, mentres El Pozo xa terá o camiño feito.

Juan: Eu son culé, Visca Barça! (risas)

esteo

(Risas) Pois aquí rematamos, O Esteo terá a Fran e a Juan na presidencia, Diego de adestrador, Manel será o seu segundo, e David García o preparador físico. O mítico Macanás será o adestrador de porteiros, Marquiños delegado, Moi, encargado de material e o non menos mítico Rosendo o delegado de pista. Formarán o plantel, 1 Choto, 2 Pelu, 4 Pablo, 5 Diego Pellón, 6 Gerveno, 7 Gerardo, 8 Fran (Capitán), 9 Héctor, 10 Bolly, 11 Rubi, 13 Iván, 14 Rober Paz e 15 Ito.

Os tres amosan o seu agradecemento ós clubes galegos polo apoio que están recibindo deles, e tamén fan un chamamento ós afeccionados ponteses para que acudan a animar ó Pavillón Municipal da Fraga, e se fagan socios, a cuota para esta tempada na Segunda División B será de 30 euros, coma a do ano anterior.

DENDE A WEB DO EQUIPO FEMININO, EN NOME DE TODA A AFECCIÓN PONTESA, QUEREMOS DESEXARLLE Ó ESTEO MOITA SORTE, MOITO ÁNIMO E TODO O NOSO APOIO NO SEU PRINCIPAL OBXECTIVO DE PERMANECER NA SEGUNDA DIVISIÓN B UNHA TEMPORADA MÁIS.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Esta entrada foi publicada en Futbol Sala As Pontes. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s