—
TERCEIRA DIVISIÓN 2014/15: C.D. AS PONTES – R.C. VILALBÉS (0-0)
O As Pontes segue sen gañar no que vai de liga, pero alomenos colleitou un punto diante do Vilalbés nun partido que comezou con ocasións para os visitantes e no que os ponteses intentaron controlar os rápidos contragolpes dos chairegos. Pero, unhas veces a defensa vilalbesa e outras os desacertos do árbitro do encontro -por certo, un dos peores que pasaron polo Poboado nas últimas tempadas- impediron que os ponteses lograsen a primeira vitoria da tempada; aínda que o empate final sen goles pode considerarse xusto a tenor do amosado polos dous equipos ó longo dos noventa minutos.
A primeira parte comezou cun tanteo entre os dous equipos. Pero, pouco a pouco foise impoñendo o control do Vilalbés e así xa na primeira ocasión Poratti estivo a piques de marcar, pero Adrián rexeitou. Uns minutos despois tivo que esforzarse o meta pontés para rexeitar outro forte disparo do mesmo xogador que se foi ó longueiro. Un pouco máis tarde, Pablo Domínguez mandou un forte disparo que Viusqui desviou a córner. Despois (minuto 18) sería Hugo quen mandaba o esférico ó longueiro e xa na recta final Iván González, por parte do As Pontes, enviou un forte chut que rexeitou a córner o meta vilalbés.
No segundo tempo, maior intensidade por parte pontesa tratando de lograr a primeira vitoria de liga ante un Racing Vilalbés ben posicionado no campo e con rápidos contragolpes. A primeira ocasión para marcar foi de Muíña nun testarazo que se foi ó poste da portería local. Uns minutos despois, Chicho enviou un forte disparo que se foi un pouco alto. Paradoxicamente, trala expulsión de Bossa cunha segunda amarela moi rigorosa, o As Pontes atacou con máis intensidade intentando acadar a primeira vitoria do campionato, que ó final non chegaría.
C.D. AS PONTES: Adrián, Hugo, Nano, Dani, Aitor, Pablo Domínguez, Iván (Javi, 89), Bossa (exp. 73), Sergio Arias, Chicho (Diego Chis, 62) e Santi (Álex, 65).
R. C. VILALBÉS: Viuski, Dani García, Javi Varela, Muíña, Hugo (Villares, 88), Javi Otero (José Varela, 66), Poratti, Iván, Justino (Javi Rey, 82) e Maque.
ÁRBITRO: Mal arbitraxe de Javier González Arévalo, descendido de Segunda División B, asistido de Gándara Bello e Trigo Martinez, da delegación da Coruña. Expulsaron ó capitán pontés, Bossa, por dobre cartón amarelo (a segunda moi rigorosa) e ó adestrador local, Iván Rodríguez, simplemente por pedir explicacións a unha xogada. Tarxetas amarelas a Dani, do As Pontes, e a Javi Varela, Muíña e e Dani García, do Racing Vilalbés. Tamén foi amoestado o preparador físico do As Pontes.
GOLES: SEN GOLES.
CAMPO E INCIDENCIAS: Partido da cuarta xornada de liga disputado no campo do Poboado ante uns 300 espectadores nas gradas, con presenza de seguidores vilalbeses. Tarde agradable e terreo de xogo en boas condicións.
Nova de A.F. e X.F.
—
CLUB DEPORTIVO AS PONTES: RESULTADOS 12-13-14 DE SETEMBRO
SEGUNDA AUTONÓMICA
CD San Sadurniño – CD As Pontes B (1-5)
O segundo equipo pontés comeza ó grande a competición de liga, gañando en San Sadurniño por 1-5, e de non ser pola goleada 6-1 do A Capela ante o Cariño, comezaría de líder. Precisamente os dous equipos enfróntanse no Poboado a vindeira xornada. Tres goles de Adán, un de Pablo e outro de Totti. Xogaron Krikry, Criado, Ross, Totti, Darío, Juan, Adán, Toni, Marcos, Samuel e Pablo, e no segundo tempo entraron os xemelgos Fernando e Carlos, ademais de Pedro e Esteban.
SEGUNDA DIVISIÓN FEMININA F-8
CD As Pontes – SD Rápido de Neda (2-3)
Mal comezo de liga do equipo feminino que perdeu na casa 2-3 ante o Rápido de Neda, con goles de Yara e Lía. Ben é certo que o equipo é moi noviño e do conxunto que comezou a súa andaina hai seis anos só continúa no equipo Carlota. Ademais tiraron un tiro ó poste e outro ó longueiro. Polo visto no campo, mereceron cando menos o empate. Visita ó Val B a seguinte xornada. Xogaron polo As Pontes Alba, Carlota, Lía, Nuria, Andrea, Nicole, Paula, Xeila, Noelia, Ángela e Yara.
COPA XUVENIL COMARCAL
Eume Deportivo – CD As Pontes (1-0)
Tampouco empezou con bo pé, aínda que o rival era de tronío, o xuvenil pontés, no seu regreso, moitos anos despois, á liga comarcal, e perdeu 1-0 en Pontedeume. Na segunda xornada de copa reciben no Poboado ó Rápido de Neda.
COPA CADETE COMARCAL
SDR Portuarios – CD As Pontes (1-1)
O conxunto cadete empatou a un gol en Ferrol ante o Portuarios no seu debut na copa. Na segunda xornada recibe no campo do Poboado ó Narón BP.
COPA INFANTIL COMARCAL
CD As Pontes – Barallobre SD (13-0)
O equipo infantil comezou a súa andaina na competición de copa cunha goleada (13-0) ante o Barallobre, equipo que só puido poñer vontade neste choque ante un As Pontes superior. Este resultado colócao na primeira posición antes de visitar ó Cedeira, que é segundo tras gañar por 5-0 ó Portuarios B.
LIGA ALEVÍN
CD As Pontes – R. San Pedro (1-1)
R. San Pedro B – CD As Pontes B (4-1)
O alevín A comezou cun empate 1-1 (gol de Hugo Bouza) co San Pedro antes de visitar ó Narón O Freixo. Pola súa banda, o alevín B perdeu por 4-1 co San Pedro B e recibirá o vindeiro sábado ó Cedeira.
LIGA PREBENXAMÍN
CD As Pontes – CD As Pontes B (5-1)
Derbi pontés na primeira xornada de categoría prebenxamín, onde o equipo A gañou ó B por 5-1. Ambos equipos enfrontaranse ó Rápido de Neda A e B, respectivamente, na próxima xornada.
Nova de X. Ferreiro e AF
—