—
FALECEU CHAO, O QUE FORA DEFENSA CENTRAL DO ENDESA AS PONTES NA DÉCADA DOS OITENTA
Este mércores faleceu na Coruña, tras unha dura loita contra a enfermidade, José Manuel Prieto Chao, quen durante seis tempadas fora defensa central do entón Club Deportivo Endesa a finais da década dos setenta e os primeiros anos dos oitenta do século pasado.
Coñecido deportivamente por Chao, naceu na veciña vila luguesa de Muras o 26 de maio de 1961, iniciándose no mundo do fútbol no ano 1976 no equipo xuvenil do Club Deportivo Endesa, logrando o subcampionato de liga. Dous anos despois debutou no primeiro equipo que militaba entón na Primeira Rexional.
Foi o substituto de Manolo Vilaboy no posto de defensa central no Endesa que adestraba naquela tempada outro gran futbolista pontés, Celso Roca. O seu debut no primeiro equipo foi no campo do Poboado o 10 de outubro de 1978 contra a Sarriana. Os ponteses venceran ós da vila luguesa por 2-0.
José Chao foi compañeiro e amigo de moitos que o coñeceron, unha desas persoas que tiña tempo para todo e ademais facíao ben. Como a outros daqueles anos, gustáballe o fútbol; e así comezou no equipo xuvenil do pobo para subir despois ó primeiro equipo. Foi un canteirán que destacou de central pola súa nobreza, forza e valentía. Deixou a práctica do fútbol ó remate da tempada 1983/84, na que o Endesa As Pontes lograra o ascenso á Terceira División. Anos máis tarde marchou para A Coruña, cidade onde onte faleceu. Esta tarde será enterrado no cemiterio dos Alimpadoiros da vila pontesa.
Nova de A.F.
—