CD As Pontes Feminino

CÚMPRENSE DEZ ANOS DA CONVOCATORIA DE DANI CARBALLEIRA COA SELECCIÓN ESPAÑOLA

Este mes de Marzo, dos días 7 ó 9 concretamente, cumpríronse dez anos da convocatoria do futbolista pontés Daniel Carballeira Doce (22-06-1990) coa selección española sub15.

Dani iniciouse ben pequeno no Endesa de As Pontes, e coa maravillosa xeneración de 1990, “a quinta de Rochela”, foi Campión de Liga Alevín imbatido en 2002 (so cederon un empate co Narón), e Campión de Copa de Ferrol en 2001 (4-0 ó Rápido de Neda) e 2002 (7-0 ó Narón BP onde xogaba un tal Juan Domínguez).

Xoga co As Pontes a Liga Galega Infantil e Cadete, ata que sendo cadete de segundo ano ficha polo RC Deportivo de A Coruña, equipo co que gaña a Liga Cadete de División de Honra en 2006 e a Liga Nacional Xuvenil en 2007, curiosamente a mesma Liga 2006-07 na que o As Pontes logra o histórico ascenso a División de Honra Xuvenil.

Precisamente a tentación de regresar a casa coa familia e axudar ó xuvenil na gloriosa tempada na División de Honra 2007-08 fanno voltar a As Pontes.

Tamén xogou Dani este anos mozos coas seleccións galegas sub16 e sub18 en Portugal, Tenerife e Vigo, e con esa experiencia coa selección española sub15 forma parte do clube dos “cinco magníficos”, xunto a Rochela, Adrián, Fornos e Xoel.

Xa con 18 anos debuta co primeiro equipo, consigue o ascenso na 2010 e forma parte do plantel na primeira campaña do regreso a Terceira, 2010-11. O seu primeiro gol co As Pontes anotouno un 26 de Abril de 2009 ante o Santiago de Compostela, 2-0, curiosamente o outro goleador aquel día foi o gran Adrian Boo, hoxe segundo adestrador da SD Compostela.

Despois ficha polo Galicia de Mugardos de Preferente co que consigue 17 goles na 2011-12, logo está no Narón (2012-13) e Betanzos (2013-14), equipos desgraciadamente descendidos de Terceira, e esta tempada 2014-15 atópase outra vez no Mugardos, na cuarta praza da Preferente Norte e loitando por ascender a Terceira División.

Daquela experiencia de tres días en Madrid cos mellores xogadores españois da súa xeneración, dinos Carba “Íamos tres galegos, Diego Penas, Pablo Lede e máis eu, e compartira habitación con Porfi, un dianteiro do Atlético de Madrid. Recordo que a Bojan se lle deixabas un milímetro armábacha, e a Fran Mérida non había quen lle quitara o balón. Tamén me lembro dun central moi bo do Real Madrid, Arroyo, un dos máis aclamados eses días, xunto con Bojan, e outro central altísimo colchoneiro, Pichu Atienza. Asombroume moito un extremo rápido e con regate, do Mallorca, Xisco Servera, sen embargo algo máis desapercibido para min pasou outro rapaz e mira onde chegou, Illarramendi (risas). Faime gracias que eses días adestrara tamén a sub17, e no aeroporto antes de coller o avión, estiven con Alex López, e cun rapaz do Osasuna que xa adestraba co primeiro equipo … Javi Martínez”.

Dos 24 convocados naquela cita, seis foron Campións de Europa sub17 dous anos e dous meses despois, Bojan, Fran Mérida, Pichu Atienza, Yelco, Dani Aquino e Ximo. Curiosamente Illarramendi fora un dos catro descartados e Jordi Pablo faltou por lesión.

Desa concentración daquela segunda semana de Marzo hoxe en día vemos a Asier Illarramendi no Real Madrid, Bojan Krkic no Stoke City, Fran Mérida no Atlético Paranaense ou a Joel Robles no Everton.

Na Segunda División atopamos a Alain Eizmendi (Leganés), Sergi Enrich (Numancia) ou Jordi Pablo (Mirandés).

Na Segunda B todos coñecemos ó vallecano Jose Manuel Alcañiz, central da SD Compostela, ou ó tamén central Pichu Atienza no Hércules, o punta Dani Aquino no Atlético B e ó medio Ximo Forner, que regresou ó Linense trala súa experiencia de impagos no Larissa grego.

Dos galegos que compartiron experiencia con Dani, Pablo Lede está agora no Xuventude de Sanxenxo tras pasar nos últimos meses por Pontevedra e Alondras, e o cancerbeiro Diego Penas estivo a pasada campaña no Negreira.

Caso curioso o dos dous sevillistas que estiveron en Las Rozas, Carlos Giráldez hoxe en día segue nos terreos de xogo … como fisioterapeuta, namentres que Jose Julio Jurado, que tras Nervión chegou a pasar polo xuvenil do FC Barcelona, atopábamolo no Arahelense da cuarta rexional andaluza, ata a súa recente fichaxe polo Gibraltar Scorpions FC.

O no seu día considerado mellor central de 1990, Arroyo, despois do seu paso pola canteira do Real Madrid, estivo uns días no Deportivo B, e logo pasou por Canillas (equipo que tivera gran revuelo mediático no seu día pola presenza do fillo de Mourinho), Colmenar Viejo, San Fernando e ahí se lle perde a pista, igual que a Yelco Ramos, que na selección rochelista Campiona de Europa sub17 lle facía a competencia ó mesmísimo De Gea. O seu último equipo coñecido, o Puerta Bonita de Carabanchel de Terceira.

O compañeiro de habitación de Dani nesa concentración, Porfirio, xoga no Atlético Villanueva da Primeira Rexional Andaluza, e o medio ex merengue, Mario Saiz, en Villanueva del Pardillo (Terceira Madrileña).

Pouco máis se soubo de Xisco Servera, quizáis o Arenal da Primeira Rexional Balear foi o seu último clube, Mario Delgado ou Jorge Belda. Tampouco de Óscar Ramírez, xunto con Dani, o único convocado dos 24 que non pertencía a un equipo dunha gran cidade, un no As Pontes e o outro no Ferrán Martorell.

Convocatoria adxunta (PDF)

5

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Esta entrada foi publicada en Deportistas destacados/as ponteses/as. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A <span>%d</span> blogueros les gusta esto: