—
DANIEL CASTRO CAMPIÓN DE ESPAÑA JUNIOR DE TIRO CON ARCO
O arqueiro pontés Daniel Castro Bárcala, ven de proclamarse esta mañá en Madrid Campión de España Junior de Tiro con Arco.
Xa fora primeiro nas tiradas do sábado desde 70 metros con 644 puntos
Nas roldas eliminatorias gañou sucesivamente ó representante da Comunidade Valenciana 6-2, Iván Marí (Baleares) 6-2, Pablo Acha (Castela León) en semifinais 7-3, gañando na final a Alejandro Costa Cardona (Baleares) por 6-0.
Pola súa banda, a súa irmá, Cristina Castro, aínda cadete, superou a primeira rolda pero caeu na seguinte ante Oceanía Morago 7-1 quedando definitivamente sexta.
Dani foi convocado hai uns días pola selección española para o Mundial Cadete e Junior de Triro con Arco que se disputará en EEUU no mes de xuño.
Nova cortesía de Dani Castro e Xose Ferreiro.
—
TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 1 – CCD CERCEDA 0
Hoxe si podemos dicir oficialmente que o As Pontes será outra vez de Terceira División a campaña 2015-16.
Non foi un partido doado, como non podía ser menos ante o terceiro clasificado, cun ataque do mellor da categoría. Un Cerceda dos ex ponteses Lemos, Juan e Angeriz.
Se ben a primeira ocasión foi para os visitantes tras escaparselle a Hugo Jorge Cano, pero cando o pichichi da tempada pasada encarou a Marcos Souto soupo solventar a papeleta o porteiro local (13´).
Foi nun pase ó oco de Fidi a David Amado que o dianteiro naronés pica o xusto ante a saída de Diego e o balón alcanza despaciño o fondo das mallas (31´). 1-0.
Antes do descanso é Uxío quen regatea a Rochela, dispara ante Souto, e este co corpo envíaa fora, aínda que o balón saiu preto do escuadro (44´). O saque de córner posterior cabeceao Cano ó poste (45´).
Na segunda metade xogadón de Herbert que deixa só a Uxío aínda que volve a salvar Souto providencial (50´). Como o Cerceda buscaba o empate, cun defensa menos, era o As Pontes o que tiña as contras e así Amado encarou a Diego pero trastabillase e o balón acabou en córner (54´).
Granada completamente só chega ó balón antes que Souto, cede atrás a Uxío que remata pero saca Rochela baixo paus (58´). Tras saque de falta cabecea en posición franca Cano fora (60´).
Respondeu o As Pontes cun desmarque de Santi que tira frouxo (63´), e outra vez Amado volve quedar só, pica ante Diego e o balón marcha lamendo o poste (69´). Foi o mago Bossa quen nunha falta dende 60 metros colleu adiantado ó meta visitante, probou, e o balón marchou preto do escuadro (71´).
O Cerceda seguiuno tentando, tiro de Hebert preto do poste (82´), pero foi no desconto cando Arias puido aumentar a vantaxe, recorreu 60 metros co balón pegado ós pes ata que en boca de gol o defensa e o porteiro acabaron botándoselle enriba.
Non se moveu o marcador e o As Pontes con 51 puntos xa si pode dicir que oficialmente seguirá sendo de Terceira ó quedar tres xornadas e sacar nove puntos ós quintos pola cola, Boiro e Silva, que ó xogar a próxima semana entre eles é imposible que os dous alcancen 51 puntos, e tampouco parece probable que descenda ninguén por arrastre, pois o Celta B parece salvado.
Polo tanto, próxima visita ó complicado Pontevedra, coa tranquilidade da permanencia, ante un equipo co que o As Pontes perdeu os seus sete enfrontamentos nestas catro campañas. Debutou o rapaz do B, Toni Rodríguez.
1 CD AS PONTES. Marcos Souto, Hugo, Nano, Rochela, Aitor, Fidi, Santi (Toni 69´), Bossa (Piña 88´), Arias, Amado (Chicho 81´), Domínguez.
0 CCD CERCEDA. Diego, Noé (Dani 55´), Juan, Angeriz, Marcos, Pablo Rubio, Cano, Granada, Uxío (Abelenda 74´), Herbert, Martín (Bilal 69´).
Árbitro: Daniel García Lesta (Pontevedra). Auxiliado nas bandas por Díaz Álvarez e Vilar Álvarez. Amonestou a Hugo, Bossa e Angeriz.
Goles: 1-0, David Amado (31´).
Campo e incidencias: Campo de O Poboado, uns 200 espectadores en tarde soleada. Partido correspondente á 35ª xornada.
Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.
—
CLUB DEPORTIVO AS PONTES: RESULTADOS 24-25-26 / ABRIL / 2015
TERCEIRA DIVISIÓN
CD As Pontes – CCD Cerceda (1-0)
O CD As Pontes garantiu de xeito matemático o domingo a súa presenza un ano máis na Terceira División tras gañar por 1-0 ó Cerceda e sumar 51 puntos. O As Pontes ten nove puntos de vantaxe sobre Boiro e Silva, que con 42 puntos marcan a criba do arrastre dun posible descenso do Celta B, equipo que, a falta de tres xornadas e con seis puntos por riba, semella que manterá a categoría tras o seu triunfo en Logroño. De tódolos xeitos, Boiro e Silva enfróntanse a semana que vén e para un deles será imposible alcanzar os 51 puntos do As Pontes. Quédanlle tres partidos ós azuis, visitar o vindeiro domingo (17,30) ó Pontevedra e na derradeira xornada ó Ribadeo antes de recibir no Poboado ó Bergantiños. Hai que pensar que 12º con 51 puntos está a só tres puntos da quinta praza, polo que haberá que pelexar ata o final para quedar na mellor posición posible.
SEGUNDA AUTONÓMICA
AD Miño – CD As Pontes B (5-0)
De mala maneira rematou o segundo equipo, cunha goleada na casa do líder, Miño (5-0), dous goles do ex pontés Alberto Fornos, David, Pablo e Miguel, que gaña a liga e ascende, con 75 puntos, segundo o Galicia Caranza que xogará a Fase de Ascenso, con 67 puntos, e terceiro As Pontes con 63. Xogaron Krikry (Tembrás), Moisés (Jorge), Darío, Carlos, Totti, Juan (Alex), Criado, Nando, Danilo, Adán e Rubén. Toca pensar na Copa.
1ª AUTONÓMICA XUVENIL
SDR Numancia de Ares – CD As Pontes (1-3)
Moi ben o equipo xuvenil que gañou en Ares ó Numancia 1-3 con remontada incluida e semella que se xogará a Liga co Portuarios. Nun Prados Vellos ateigado de xente, xogaron polo equipo de Mieres Ángel, Caínzos, Jorge, Moi, Jandro, Cabarcos, Nahum, Iván, Alex Fernández, Casas e Pita, saíndo no segundo tempo Brais, Xose, Rey e Alex Blanco. Comezaron gañando os da terra do gran Marcelino pero tres goles no segundo tempo de Pita, Casas e Rey déronlle a volta ó marcador e así Portuarios lidera con 41 por 40 do As Pontes e 39 de Numancia que descansa a vindeira xornada. Nin que dicir ten que o As Pontes-Portuarios da semana que vén decidirá o título de Liga, e os azuis necesitarán gañar. Na última xornada xogaría o Portuarios contra un Numancia que aínda podería ter algunha opción pola liga, e moitas de xogar a fase de ascenso, e o As Pontes visita San Sadurniño.
SEGUNDA DIVISIÓN FEMININA F-8
CD As Pontes – Narón BP (1-2)
De mala maneira acabou a Liga o equipo feminino, pois perdeu 1-2 co Narón BP, co que finaliza na sétima praza en detrimento das naronesas que acaban sextas. Xogaron Nicole, Nuria, Noelia Ameneiro, Andrea Pita, Paula Castro (1), Carlota, Paula Baamonde, Yara, Alba, Uxía e Xeila.
Acaba a liga o feminino en sétima posición con 45 puntos, 13 vitorias, 6 empates e 9 derrotas, con 50 goles a favor e 37 en contra.
Os goles quedan distribuídos da seguinte maneira, Carlota (12), Paula Castro (8), Paula Baamonde (5), Alba Romero e Indira (4), Andrea Montero, Andrea Pita e Noelia Ameneiro (3), Yara (2), Nato, Lía, Uxía e Noelia Santalla (1), por dous en propia meta.
A liga gañouna o Racing de Ferrol, que se impuxo na derradeira xornada na casa do Mandiá por 0-1 e conquistou o título con 72 puntos por 70 de Mandiá e San Sadurniño, Maniños 62, O Val B 55, Narón BP 46 e As Pontes 45.
1ª AUTONÓMICA CADETE
CD As Pontes – SRD Portuarios (8-1)
Sensacional o equipo cadete, que asegurou a súa presenza na fase de ascenso, tras golear a todo un equipazo como o Portuarios (8-1). O infantil Dani fixo un póker de catro goles, tres e hat trick para Jandro e un de Ayrton. Xogaron Lino, Fraga, David, Antón, Ayrton, Otero, Andrés, Josiño, Jandro, Adrián, e Dani, saíndo no segundo tempo Alberte, Carlos, Manuel, Bruno e Malena. A pesar de que se adiantaron os visitantes de penalti, en 12 minutos os locais marcaron seis goles e marcharon 6-1 ó descanso. R.Ferrol B 50, As Pontes 44, Portuarios 40. Visita ó oitavo clasificado, O Val, na penúltima xornada. Asegura a Liga o equipo verde pois ten mellor goal average que o As Pontes e leva seis puntos de vantaxe faltando dúas xornadas.
1ª AUTONÓMICA INFANTIL
Racing de Ferrol B – CD As Pontes (3-0)
O Infantil perdeu (3-0) na súa visita ó segundo clasificado, Racing Ferrol B, nunha liga na que o Eume xa é o campión, pois ten 61 puntos, por 54 dos verdes, e quedan dúas xornadas por xogar. O As Pontes, oitavo con 29 puntos, réstalle recibir ó Eume precisamente, no que será o seu final de liga, pois na última xornada descansan. Xogaron Juan, Vicente, Carballeira, Javier, Alex, Alejandro, Mateo, Xoel, Joan, Antón e Jose, saíndo no segundo tempo Santiago, Nesy, Silvén, Cillero e Mohamed.
LIGA ALEVÍN
SCDR Galicia de Caranza – CD As Pontes (1-4)
CD As Pontes B – San Sadurniño CF (1-4)
Proclamouse este sábado campión o Alevín A tras vencer na súa visita a Ferrol 1-4 ó Galicia de Caranza, co que con 44 puntos e cun marxe de catro de vantaxe sobre o Amistade de Meirás B (40) a falta da derradeira xornada xa é campión matemático. Sen nada en xogo, recibirá na casa ó sexto R. Ferrol D para celebrar o título. Dous goles de Alejandro López, Manuel e Sergio. O Alevín B pola súa banda perdeu 1-4 co San Sadurniño, terceiro, despedindo a liga na casa do futurible campión, Cedeira B, namentres que o colista San Pedro B e o antepenúltimo Cañoles se enfrontan tamén nesta derradeira xornada, polo que si os verdes puntúan, os azuis acabarían a liga de últimos. Gol de Joao.
LIGA BENXAMÍN
SCDR Galicia de Caranza – CD As Pontes (5-1)
CD As Pontes B – CD Cariño (2-3)
O Benxamín A perdeu 5-1, gol de Alex Montero, na súa visita ó Galicia de Caranza, segundo clasificado. Oitavos con 13 puntos despiden a Liga recibindo ó Eume, sexto. Púxollo complicado o Benxamín B ó Cariño, que non gañou ata os últimos minutos, 2-3, goles de Ángel e Diego Purriños, co que os visitantes, segundos, manterán o pulso co Cabanas na loita pola Liga ata a última xornada. Os azuis, novenos con 14 puntos, despiden a Liga contra o Eume B, sexto.
LIGA PREBENXAMÍN
SD O Val – CD As Pontes (2-1)
CD As Pontes B – SCDR Galicia de Caranza C (2-1)
O Prebenxamín A caeu 2-1 (Destaw) na casa do segundo clasificado do grupo dos mellores, O Val, e oitavo con 14 puntos recibe ó Numancia de Ares, cuarto, mentres que o Prebenxamín B, sufriu, pero gañou, 2-1 ó Galicia Caranza C, dobrete de Nicolás Meizoso, co que aínda ten unha mínima esperanza con 46 puntos por 50 do Narón BP, ó que visitan precisamente a vindeira xornada e ós que deberán tentar gañar para manter opcións na loita pola Liga.
Nova cortesía de Xose A. Ferreiro e AF
—