—

XXIV TROFEO VILA DE AS PONTES. CD AS PONTES 0 – UD SOMOZAS 3
Partido con pouca historia o vivido na tarde do domingo no Campo de O Poboado. O Somozas fixo valer o peso de xogar nunha categoría superior, cun plantel de maior calidade, e gañou sen moito esforzo.
Non estivo atinado Krikry, nun frouxo lanzamento de falta do ex céltico Antón de Vicente, que se convertiu no 0-1 ós cinco minutos.
Disparo de Amado a rentes do pau (15´). Nunha mala cesión de Bossa puido facer Cubas o 0-2, pero entre Kriky e Dani salvaron a situación (26´).
Tras unha internada por banda esquerda do incisivo Añón, que se foi de Hugo, cedeu a Varela, que marcou a pracer, adiantándose a Dani (42´). Apenas un minuto máis tarde, nunha xogada parecida e cos mesmos protagonistas, a Varela, en boca de gol, pásalle o balón entre as pernas.
No segundo tempo, o máis salientable foi unha ocasión de John, que salvou Souto (72´), e a falta de nove minutos, outra vez John, estampou unha ocasión no poste, o balón pasease pola área local, e coa caña preparada Diego Rey fixo o 0-3. Un par de minutos despois nun despexe de Criado que rebotou en Diego a piques estivo de chegar o cuarto.
No encontro da volta a casa de Dopico, apenas tiveron traballo os porteiros visitantes, e onte non foi da partida a recente fichaxe, Javier Mandaluniz, que fora suplente de Adán no Mundial Sub17 de Finlandia 2003, no que España quedara segunda con Fábregas, Silva, Jurado, Javi García ou David Rodríguez.
O equipo azul terase que conformar coas súas oito conquistas, mentres o Somozas alzouse coa 24º edición do Trofeo de Vila de As Pontes, o segundo consecutivo. Entregaron as copas, Manolo mesa, da Federación Galega, e Chicho Tembrás, Concellal de Deportes.
Tres a cero foi o resultado a prol do As Pontes, no Poboado, cando se enfrontaron ambos equipos en Terceira División na 1994-95. No Trofeo Concello de San Sadurniño de 2009 foi o Somozas o que venceu ó cadro azul por ese mesmo marcador. O ano do retorno do As Pontes á Terceira, tres goles de Felipe Varela en Somozas valeron un 0-3 na terceira xornada da 2010-11. Hoxe voltou a repetirse o resultado, nesta ocasión, a prol dos branquiverdes.
0 CD As Pontes: Krikry, Hugo, Toni, Dani, Manu, Edi, Samu, Bossa, Rubén, Amado, Pablo. No segundo tempo entraron Marcos Souto, Alex, Chote, Chicho, Guille, Nano, Criado, Óscar, Moi, Damián, Marcos Novo e Casas.
3 UD Somozas. Manu, Adrián, Dopico, Alex Bao, Antón, Antonio, Varela, Joseba, Cubas, Antas, Añón. Saiu Juan polo lesionado Cubas no primeiro tempo e xa no segundo, Diego Rey, Remeseiro, Julio Camba, Mateo, John e o cancerbeiro Fidalgo.
Árbitro: Adrián González Franco (Ferrol). Auxiliado por Santos González e García Rey.
Goles: 0-1, Antón (5´). 0-2, Varela (42´). 0-3, Diego Rey (81´)
Campo e incidencias. Campo de O Poboado. Uns 300 espectadores, moitos visitantes, en tarde soleada.
Gardouse un minuto de silencio polo falecemento da nai do Presidente do Somozas.
Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.
—