CD As Pontes Feminino

CHUS CAÑIZARES VOLVE Ó CD AS PONTES

O futbolista pontés de 23 anos, Jesús Cañizares Sánchez, xogará no CD As Pontes esta temporada 2015-16. Tras militar dous anos no Deportivo de A Coruña B, volve ó equipo da súa terra.

Chus iniciouse no As Pontes con nove anos e pasou por tódalas categorías inferiores do clube, gañando unha liga alevín e outra cadete, e catro copas, dúas na categoría alevín e outras dúas cos cadetes.

Na 2010-11 ficha polo Racing de Ferrol xuvenil de División de Honra, regresando ó primeiro equipo do CD As Pontes no que xoga dúas tempadas na Terceira División, chamando a atención do clube herculino.

Fai a pretemporada co primeiro equipo do Deportivo en 2013, da man de Fernándo Vázquez, xogando en cinco amistosos, un deles no Teresa Herrera, contra o Real Madrid, e dous partidos oficiais, en Copa contra o seu Córdoba e tamén co Xaén.

En dúas temporadas no Fabril, o mediapunta pontés logrou cinco goles na primeira, e sete tantos na segunda, pero ó esgotar o seu periplo sub23, ó igual que os seus compañeiros de xeneración, caso de Adrián Martínez, co que volverá coincidir esta tempada no vestiario pontés, tivo que poñer fin ó seu periplo no filial deportivista.

Escoitou algunha que outra oferta de Segunda B non o suficientemente satisfactoria para os seus intereses, e unha vez esgotado o prazo este 31 de Agosto decidiu quedar esta campaña no clube pontés co que xa levaba varias semanas adestrando.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

O ESTEO FS – PRONE LUGO FS (5-4)

Vitoria de prestixio do Esteo pontés ante un dos grandes do fútbol sala español, o antigo Azkar Lugo, campión da Recopa de Europa en 2006, e 14 tempadas na máxima categoría do fútbol sala estatal, que afronta esta campaña na División de Prata xunto a O Parrulo Ferrol e Cidade de Narón.

Adiantáronse os lucense mediado o primeiro tempo, nun barullo na área do que sacou partido Palermo, o almeriense ex do Montesinos Jumilla (9´). Logo, Saúl Marrupe enviou por alto un balón franco (11´).

Foi nunha gran xogada de José López, que regateou a varios e disparou, e cando o balón estaba a piques de entrar, remata sobre a mesma liña Púas conseguindo o empate (14´).

Aínda que pouco durou a ledicia no cadro local, porque nun gran disparo lateral dende fora da área de Nacho Pedraza, marcaba o ex de Burela, Carnicer, Puertollano ou Guadalajara (16´).

No inicio do segundo tempo voltou a crear perigo Pedraza e o seu disparo rozou na parte de arriba do longueiro (24´). O mesmo xogador tirou preto do poste un pase franco de Saúl (26´). Foi mediado o segundo acto, cando Bertito cede a Jose López, quen, tras unha serie de rexeites, acaba quedando só e marca a porta baleira (28´).

Posteriormente Marrupe queda só ante Iván que salva o 2-3 (30´), mentres que a falta de cinco minutos é Héctor o que prolonga sobre Bertito, e este adianta ó Esteo de forte disparo cruzado.

Nos derradeiros minutos xogou o equipo lucense co porteiro Óscar Iglesias de xogador e, ante a presión de Púas, nun balón atrás de David Muñoz, o esférico pasa entre as pernas dun compañeiro, recorre todo a pista e acaba entrando a porta baleira (37´). Parecía que sentenciaba o equipo de Suso Rey pouco máis tarde cun balón que controla Jose e acaba marcando dende media pista cun tiro colocado (38´).

Semellaba que a vitoria ía ser clara dos locais con tres goles de vantaxe, pero nada máis lonxe da realidade. A falta dun minuto Marrupe estampou o balón no longueiro, o perigoso peche, ex de Santa Coloma, Playas de Castellón e Atiesse italiano. Quedando medio minuto Palermo regatea dentro da área e fai o 5-3, e a falta de 15 segundos Muñoz chegando dende atrás o 5-4. Aínda a tivo o Prone na última xogada para empatar pero o tiro marchou moi alto.

Vitoria sufrida pero merecida do Esteo ante un conxunto histórico no día da súa presentación ante a afección pontesa de cara a esta tempada 2015/16. Gustou o equipo pontés, que semella que pouco a pouco vai collendo o ritmo de xogo necesario para afrontar con solvencia unha tempada máis na categoría de bronce.

FICHA DO PARTIDO

O ESTEO FS: Javichu, Héctor, Quique, Bertito, Pablito –cinco inicial- Púas, Cospe, Pedro, Jose López, Tucho e Iván.

PRONE LUGO FS: Juan, Saúl Marrupe, Nacho Pedraza, Nilo, Iago –cinco inicial- Palermo, Diego Núñez, David Muñoz, Álvaro, Juan e Óscar Iglesias.

ÁRBITROS: Roberto Amor Vizoso, Manuel Dans Brey, de Ferrol, e na mesa Berta García Vázquez (A Coruña). Amoestaron a Jose López e Palermo.

GOLES: Min. 9 (0-1), Palermo. Min. 14 (1-1), Púas. Min. 16 (1-2), Nacho Pedraza. Min. 28 (2-2), Jose López. Min. 35 (3-2), Bertito. Min. 37 (4-2), David Muñoz (p.p). Min. 38 (5-2), Jose López. Min. 39 (5-3), Palermo. Min. 40 (5-4), David Muñoz.

INCIDENCIAS: Partido de presentación do Esteo ante a súa afección, disputado no pavillón municipal da Fraga, que rexistrou unha entrada duns 200 espectadores na noite deste mércores, 2 de setembro.

Nova de Xosé A. Ferreiro e A.F.

OS EQUIPOS DE BASE COMEZARON A SÚA PREPARACIÓN DE CARA Á VINDEIRA TEMPADA 2015/16

Dende hai uns días voltaron ós adestramentos os equipos cadete e infantil, logo de que xa o fixeran no seu día o primeiro equipo, o segundo, o xuvenil e o feminino.

O equipo cadete xogará no grupo segundo xunto a outros 10 equipos, CD Narón A, O Val, Galicia de Caranza B, Portuarios B, Numancia de Ares, Cedeira, Amistade de Meirás, Galicia de Mugardos, Cariño e San Sadurniño. Os seis mellores clasificados a unha soa volta pasarán á Liga dos mellores cos outros seis primeiros do grupo segundo. Tamén, os dous primeiros de cada grupo serán semifinalistas de Copa. O Cadete foi segundo clasificado na liga o ano pasado, a un so punto do Racing de Ferrol B, e semifinalista de Copa, rolda na que perdeu co Galicia de Caranza B.

Pola súa banda, o infantil está encadrado no grupo segundo xunto a Eume Deportivo, Amistade de Meirás, Meirás, Cedeira, Portuarios B, CD Narón B, Galicia de Caranza C e Barallobre. Aínda que, nesta categoría son tres os grupos, sendo os catro primeiros e os dous mellores quintos os que pasan á primeira Liga. Tamén o campión de cada grupo e o mellor segundo xogarán as semifinais de Copa. O infantil, aínda que só puido ser oitavo na Liga, foi o protagonista da tempada pasada ó conquistar a Copa Afaco e a Copa de Ferrol sendo o mellor dos 25 participantes.

Esta semana tamén comezaron os adestramentos os equipos dos máis pequenos, os de fútbol 8, alevíns, benxamíns e prebenxamíns, tanto os de segundo ano coma os de primeiro de cada categoría. Tamén, dentro de dez días comezará a adestrar o equipo de biberóns.

Nova de Xosé A. Ferreiro e A.F.

Esta entrada foi publicada en Novas equipo masculino C.D. As Pontes. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: