CD As Pontes Feminino

GABRIEL TEMBRAS DOBLE CAMPIÓN DE ESPAÑA EN BENICASSIM

O taekwondista pontés Gabriel Tembrás Corrales desprazouse á Comunidade Valenciana para a disputa do Campionato de España de Clubes, tanto en Combate como en Poomsae e Hapkido.

Trouxo catro metais, dous deles de ouro, en técnica cadete, en individual, e tamén en parella xunto á súa compañeira Beatriz Felpeto.

Na competición de Freestyle, de 12 a 17 anos, especialidade na que Gabi foi Campión de Europa Junior hai dous anos e medio, conseguiu o bronce individual, e a prata por parellas, xunto a Beatriz, que tamén foi bronce individual feminino, e tivo unha actuación excelente en Castellón ao completalo cun ouro en trío cadete, en técnica, xunto a Silvia García e Uxía Rodríguez.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

ULTIMO PARTIDO DE ADESTRAMENTO SUB16 ANTES DO CAMPIONATO DE ESPAÑA

O futbolista pontés do Racing de Ferrol, Sergio Otero Pedre, foi convocado por cuarta vez coa selección galega sub16, para un encontro amistoso que se levará a cabo este venres contra o Celta de Vigo de Liga Nacional Xuvenil.

Xogarase este martes ás 18:00 no Campo de Coia na gran localidade olívica. Tamén vai o seu compañeiro de equipo, o medio centro Manuel Fernández. É novidade Brais Rodríguez, porteiro do Galicia de Caranza.

Van 20 xogadores, dos que en principio sairán os 18 que disputarán a primeira fase do Campionato de España.

RC Celta de Vigo: Diego Varela, Ignacio Pego, Johannes Serpa, Jose Fontán, Martín Rafael, Samuel Vilariño, Sergio Barcia
RC Deportivo de A Coruña: Adrián Casariego, César Rodríguez, David Rojo, Javier Armas, Rodrigo Sánchez
Bertamiráns CF: Manuel Xiraldez, Víctor Vilariño
Racing Club de Ferrol: Manuel Fernández, Sergio Otero
CD Lugo: Pablo López
Pabellón Ourense CF: Carlos Villar
CD Lérez: Darío Ferradás
SCDR Galicia de Caranza: Brais Rodríguez

Nova cortesía de Xose Ferreiro

TERCEIRA DIVISIÓN. RACING VILALBÉS 3 – CD AS PONTES 1

Derrota do As Pontes no derbi co Racing Vilalbés (3-1) nun encontro que tivo un final escandaloso.

Ambos equipos afrontaban o partido en desigual situación. Os azuis con 28 puntos e os locais con 19, sólo dous por riba do descenso.

Foi o As Pontes o que tivo as primeiras ocasións e Óscar (5´), Pardo (10´), e Cañizares (13´) realizaron senllos disparos cruzados que marcharon lamendo o poste.

Sen embargo, o ex pontés Sergio Arias controlou o balón, arrastrou a varios defensas azuis, e serviulle o balón en bandexa a Make, que ante a saída de Cristian marca de tiro cruzado (19´).

Xerra de auga fría para os ponteses. A continuación é Pardo o que fai estirar a Diego López (23´), e tras un córner, nun desvío cara atrás de Santi, o balón pega no longueiro pola parte de arriba (25´).

Tras un xogadón de Pardo por banda dereita, Santi só a ten que empurrar ó fondo das mallas (30´). Empate a 1-1 e táboas no marcador.

Buscou o segundo o conxunto local antes de encarar o descanso, e así Villares fixo un xogadón (37´), un despexe de Chote a córner marchou cerca do pau (38´), e un disparo de Villares foise a pouco do longueiro (41´).

Tamén Santi avisou cun zapatazo que se foi ó escuadro pero polo lateral da rede (42´) concluíndo o primeiro tempo.

O segundo comezou con unha ocasión de Cañi (55´), pero sobre todo un cabezazo de Muíña que é salvado por Cristian cunha estirada (58´).

Tras unha falta a Cañizares, e un despexe da defensa, Chote, Nano e Cristian non son capaces de chegar antes que Gerardo, que marca de cabeza por alto ante a saída do porteiro (65´).

Outra xerra de auga fría para os ponteses. Un zapatazo de Varela que se pasea pola área visitante (72´), e chegou a xogada polémica do encontro (77´), Dani fai unha entrada a un local, e sacanlle a segunda amarela. Apenas levaba nove minutos no campo. Tarxeta que se pode aceptar. Inconcebible é que nunha trifulca entre Nano e López, o naronés fose expulsado e o lateral local só viu amarela.

Con dous xogadores menos os azuis, acabouse o partido. Cristian despexou dous disparos de Varela e Alex (86´), e unha moi clara de Iago que quedou só, e volveu a salvar o gardameta (87´). Tanto foi o cántaro á fonte que nunha contra varios xogadores locais quedaron sós por arriscar co fóra de xogo, e foi Diego Villares o que acabou marcando (90´). Non é que o As Pontes non xenerase xogo con nove, pero as súas ocasións acababan morrendo nas beiras.

Concluiu o encontro e tres puntos vitais para os locais que se quedan con 22, e o As Pontes segue cuns enganosos 28 puntos, tendo que recibir ó líder Cerceda, e visitar consecutivamente ó gran Deportivo B e a un Bergantiños que se xoga a vida. Esta xornada gañaron os de Carballo, Ribadumia e Ribadeo, así que ollo que queda moita Liga.

3 RACING VILALBÉS. Diego López, López, Alex, Xusto, Muíña, Varela, Rubén, Make, Arias (Iago 86´), Gerardo (Hugo 74´), Villares.

1 CD AS PONTES. Cristian, Alex, Nano, Chote, Edi (Dani 68´), Cañi (Juan 81´), Óscar, Bossa, Santi, Pardo (Samu 74´), Pablo.

Goles: 1-0, Make (19´), 1-1, Santi (30´), 2-1, Gerardo (65´), 3-1, Villares (90´).

Campo e incidencias: Campo de A Magdalena. Tarde fría e soleada. Uns 200 espectadores. Moitos ponteses.

Árbitro: Breogán Martínez Vila (Ourense). Auxiliado por Pérez Dapía e Dacal Rodríguez. Mal arbitraxe. Non mediu co mesmo raseiro ós dous conxuntos. Amarelas a López, que debeu ser expulsado, e Hugo polos locais, e polos visitantes Cañi, Edi, Santi e Alex. Expulsados Dani por doble amarela e Nano con vermella directa, ambos no 77´.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

SEGUNDA DIVISIÓN B DE FÚTBOL SALA: O ESTEO F.S. – CD ALBENSE F.S. (4-5)

Nova derrota dun Esteo, e xa van catro seguidas, que outra vez volveu a tropezar na casa contra un rival dos de abaixo, cunha pésima actuación arbitral, que non quita que este equipo necesite un cambio de rumbo.

No primeiro tempo, nun choque entre Javichu e Gerardo na frontal da área aproveitouno Juanto para marcar o primeiro dos seus tres goles. Pero noutro fallo, neste caso visitante, o porteiro introducía de cabeza para atrás o balón na súa propia porta situando o empate no marcador.

Antes do descanso, Gerardo tivo unha moi clara e Bertito arriscou moito nunha falta innecesaria que xerou un dobre penalti que por fortuna acabou fóra.

Un mal comezo do segundo tempo custou o partido ós locais. Un forte disparo de Juanto dende lonxe colóuselle a Javichu, e posteriormente unha contra, na que Rober chegou ata a cociña, e tirou por alto, conseguiu o 1-3. Froito da súa calidade individual Ayala poñía o 2-3 de tiro cruzado, pero de pouco serviu porque noutra contra de libro tras unha perda de balón, Juanto anotaba o seu hat trick poñendo o 2-4.

Preto do final, e con porteiro-xogador, o balón cae nos pés de Tucho que anota o 3-4, e despois tras un disparo desviado de Bertito, caza o balón, e mándao ó fondo das redes chegando o empate a a catro goles.

Eran dous últimos minutos emocionantes, con ambos equipos con porteiro xogador, pero os colexiados, máis preocupados de que o quecemento dos suplentes non lles molestase, que de atender ó xogo, cargáronse ó espectáculo expulsando por segundo cartón a Jose López, que debería estar máis comedido, e concedendo unha rigorosa sexta falta que o capitán Óscar non desaproveitou faltando un minuto.

Os locais buscaron o empate nos últimos segundos pero non puido ser. Penúltimos cos doce puntos de hai moitas xornadas, só o Cistierna e o Bueu con nove van por debaixo, tendo que visitar a complicada cancha do Bembrive e recibindo nun duelo a vida ou morte ó equipo de Bueu no final da primeira volta.

O Esteo necesita un revulsivo e aire fresco, porque vai camiño de parecerse ó do ano pasado, que se salvou porque había un equipo de nivel similar, o Leis, e outro que só conseguiu 4 puntos, tres na Fraga, o Ventorrillo.

FICHA DO PARTIDO

O ESTEO FS: Javichu, Cospe, Héctor, Jose López, Ayala –cinco inicial- Bertito, Púas, Kike, Gerardo, Fran, Tucho.

CD ALBENSE FS: Miguel, Joselu, Diego, Óscar, Isaac –cinco inicial- Marco (ps), Alex, Juanto, Berti, Rober.

ÁRBITROS: Adolfo Díaz Arias, Andrés Vanegas Betancurt (Asturias) Complicaron eles sós un partido que transcorría por canles normais. Amoestaron a Cospe e expulsaron a Jose López a minuto e medio do final, por segundo cartón amarelo, e ó delegado local por protestar.

GOLES: Min. 5 (0-1), Juanto. Min. 11 (1-1), Miguel, p.p. Min. 22 (1-2), Juanto. Min. 24 (1-3), Rober. Min. 25 (2-3), Ayala. Min. 26 (2-4), Juanto. Min. 35 (3-4), Tucho. Min. 38 (4-4), Tucho. Min. 39 (4-5), Óscar.

INCIDENCIAS: Decimo terceira xornada de liga de Segunda División B e sétimo partido no Pavillón Municipal da Fraga, que rexistrou unha entrada duns cento cincuenta espectadores.

Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e AF

SEGUNDA TERRITORIAL GALEGA: CR FENDETESTAS – KELTIA RUGBY OURENSE (0-24)

Non puido ser, e o Fendetestas pontés caeu este pasado sábado no campo Monte Medulio ante o intratable líder Keltia Ourense por 0-24.

Os dous equipos querían rematar o ano como único líder do grupo, levándose o gato á auga o conxunto ourensán, que soubo facer fronte ó poderío físico dos ponteses, que comezaron presionando, pero foron os visitantes os que pouco a pouco ían anotando nun partido que resultou moi tenso polo que se xogaban no mesmo.

Noutros encontros da xornada o Santiago gañou 55-5 ó Crat B, namentres que o Zalaeta se impuxo ó Universidade de Vigo B por 5-52.

Os ourensáns suman 24 puntos, por 20 dos ponteses. Con dez estarían Zalaeta de Arteixo e Santiago. Ambos equipos teñen pendente o seu enfrontamento.

Penúltimo estaría o CRAT Coruña B con 5 puntos e con menos un pecharía a táboa o Universidade de Vigo B.

A competición recomezarase a terceira fin de semana de xaneiro de 2016, xa co comezo da segunda volta, na que o Fendetestas renderá visita ó Santiago.

Cabe recordar que os catro primeiros clasificados xogarán a fase de ascenso

Nova de Xosé A. Ferreiro e AF

feminino_008-1

CLUB DEPORTIVO AS PONTES: RESULTADOS 11-12-13 /DECEMBRO/ 2015

Xornada aciaga esta fin de semana para a maioría dos equipos do CD As Pontes con final polémico en Vilalba.

Sálvanse da queima o conxunto cadete, que segue a realizar unha excelente campaña, e o cadro feminino, que suma a quinta vitoria consecutiva.

En Vilalba, nun derbi zonal pola proximidade entre as dúas vilas, o encontro rematou con vitoria local (3-1), un resultado que na opinión de moitos afeccionados resulta enganoso, xa que o As Pontes mereceu un mellor resultado e cando en momentos se propuxo dominou claramente ó Vilalbés, equipo que se viu beneficiado pola nefasta arbitraxe do ourensán Breogán Martínez Vila, que non mediu na mesma medida ós dous equipos, deixando ó As Pontes con dous xogadores menos cando aínda faltaban case quince minutos para o remate do partido.

Ó final tres importantes puntos para os vilalbeses e o As Pontes, que, aínda que segue na zona alta da clasificación, deberá esmerarse nos vindeiros choques ante o líder Cerceda, e logo nas dúas saídas seguidas diante do Fabril e Bergantiños.

SEGUNDA AUTONÓMICA GALEGA (Ferrol)
UD Cebarca – CD As Pontes B (1-1)

O segundo equipo empatou na casa do colista Cebarca (1-1), que suma o seu primeiro punto. Un empate que sabe a pouco, porque si ben Marcos Novo adiantou ós ponteses de penalti xusto antes do descanso, no desconto do segundo tempo igualaron os locais por medio de Daniel. Xogaron Rafita, Ángel, Jandro, Diego, Darío, Totti, Criado, Guille, Marcos, Rubén e Aitor, saíndo despois Miguel e Alejandro. Os de Paco López son cuartos con 5 puntos, recibindo a vindeira semana ó Numancia de Ares.

LIGA FEMININA F8 (D. Ferrol)
CD As Pontes – CF Mandiá (3-1)

Sensacional o equipo feminino que gañou a un rival de tronío coma é o Mandiá, 3-1. Xogaron Leti, Yolanda, Uxía, Nuria, Indira, Noelia Ameneiro, Noelia Santalla, Vicky, Paula Castro, Carlota, Paula Baamonde, Xeila e Nicole. Ó pouco de comezar marcou Carlota e despois a irmá pequena de Raquel, Nicole Béjar. Antes do descanso Juliana poñía a emoción no taboleiro, pero nada máis comezar o segundo período era unha xogadora nova, Yolanda Ares, a que facía o 3-1 definitivo. O As Pontes é sexto con 23 puntos antes de visitar ó intratable R. Ferrol, que conta con pleno de vitorias (15).

PRIMEIRA GALEGA XUVENIL (D. Ferrol)
Numancia de Ares – CD As Pontes (8-0)

Auténtica desfeita do xuvenil pontés, que caeu goleado en Ares (8-0) ante o Numancia. Na temporada 2007-08 o xuvenil pontés estaba na División de Honra (no Poboado chegou a xogar Sergio Canales), e apenas sete anos despois o equipo foi vapuleado na Liga Comarcal. Nin na tempada na máxima categoría do fútbol español se recibiu tan serio correctivo coma visitante, e iso que se xogou contra equipos de tronío coma o Celta de Vigo (4-0), Deportivo de A Coruña (5-1), Oviedo (4-1), Racing de Santander (4-0). Incluso se empatara contra todo un Sporting de Gijón (2-2).

Xogaron Nesi, Alex Pico, Jorge Rodríguez, Caínzos, Alex Blanco, Alex Cabarcos, Xose, Iván, Ayrton, Casas, Rey, e depois Jandro, Nahum, Martín, Iago e Antón. Na portería pontesa, un rapaciño de 14 anos, que pouco máis puido facer. Os locais sentenciaban o encontro con tres goles en sete minutos. Antes do descanso, 5-0, tanteo redondeado nos seguintes 45 minutos. Anotaron Ángel (2), Carlos (2), Raúl (2), Elías e Marcelo.

Con pouco que facer pola Liga, nin de cara á fase de ascenso, a semana que vén visita As Pontes un gran equipo coma o Ánimas, terceiro con nove puntos, conxunto que, coma o Numancia, tan só perdeu contra o intratable Portuarios.

PRIMEIRA GALEGA CADETE (D. Ferrol)
CD As Pontes – Galicia de Caranza B (2-1)

A alegría da xornada, e do que vai de ano, foi o cadete, que coa sufrida vitoria (2-1) ante o que era seu máis inmediato perseguidor, Galicia de Caranza B, ponse líder en solitario. Non hai tempo para celebrar moito, pois a Liga está moi comprimida, As Pontes 12, Portuarios 10, Caranza B 9, Numancia 9 e Eume 7. Co perigosísimo Numancia xogarán a semana que vén noutro partido que será clave.

Xogaron Andrei, Alex López, David, Fraga, Bruno, Pani, Carlos, Mateo, Dani, Alberte e Chema, saíndo despois Germán, Alex Barro, Cazás, Andrea e Diego. A pouco de comezar, adiantou Alberte ós locais, e a cinco do final Dani poñía a puntiña. Deu algo de emoción ó encontro Miguel no desconto.

PRIMEIRA AUTONÓMICA INFANTIL (D. Ferrol)
CD As Pontes – Amistade Meirás (0-7)

Non comezou con bo pé o Infantil na Liga dos mellores. Se a semana pasada caía 4-0 ante O Val, nesta ocasión era goleado na casa polo Amistade de Meirás (0-7). Tócalle outro partido consecutivo na casa, e non será ante un rival doado, o Galicia de Caranza B, que suma dúas vitorias. Xogaron Juan, Eyob, Iván, Santi, Carballeira, Xan, Manuel, Javi, Joan, Adrián, Vicente, saíndoo despois Xavi, Eloy, Mohamed, Joao e Elso. Dous goles de Jonathan ó pouco do comezo, e no segundo tempo tres de Alejandro e un de Juan e Yoseph.

PRIMEIRA CATEGORÍA ALEVÍN (D. Ferrol)
Eume Deportivo – CD As Pontes (3-2)
CD As Pontes B – Eume Deportivo B (2-2)

Non comezou con bo pé no segundo grupo o Alevín A pois perdeu 3-2 na súa visita a Pontedeume. Chegaron a empatar un 2-0 adverso con tantos de Íker Castro e Xoel Purriños, pero a pouco do final chegou o 3-2 do Eume A. Na segunda xornada reciben no Poboado ó Perlío B.

O Alevín B pola súa banda iniciou cun empate a súa participación no grupo terceiro da segunda fase ante o Eume Deportivo B. Comezaron perdendo, Eloy Pita e Martín Calvo déronlle a volta ó marcador pero un despiste no último minuto trouxo consigo o empate definitivo dous goles. Visitan na vindeira xornada ó San Sadurniño.

Nova de Xosé A. Ferreiro e A.F.

ACTUACIÓN DO OLYMPO NO CROSS DE A MALATA

O equipo pontés de Atletismo desprazouse este fin de semana á localidade departamental para a disputa da cuarta edición do Cross de A Malata.

Na carreira infantil Antón García rematou no posto 21º.

Na carreira absoluta masculina, Miguel Vilaboy foi sexto e segundo veterán. Carlos Fernández foi oitavo e terceiro xuvenil.

Na categoría feminina venceu a gran Susana Castro, cun tempo de 18:16.

Nova cortesía de Atletismo Olympo e XF

LIGA DE FÚTBOL DE VETERANOS DE AS PONTES 2015/16 (8ª Xornada)

Non hai variación nos primeiros postos da clasificación da liga de fútbol de veteranos de As Pontes, que segue liderada polo Santaballés e a un punto atópase Mobles Eume, equipo que nesta xornada goleou por 5-0 á A Cepa. Vitorias apertadas de Farmavida e Santaballés e un pouco máis folgada de La Galaxia. Empate no encontro MMYPEM-Galiorient.

Por mor das festas nadaleñas a competición suspéndese ata o sábado 16 de xaneiro de 2016, na que se disputará a derradeira xornada da primeira volta.

En canto ós goleadores, segue na primeira posición destacado Iván Ferreiro, de Mobles Eume, con 14 goles, despois dos tres logrados nesta oitava xornada. Na segunda posición está Fernández, con seis tantos. A continuación seguen dous xogadores do Santaballés, Valú Susito, con 5 tantos; e con 4 Kata, do Galiorient.

8ª XORNADA
12-13 / Decembro / 2015
Farmavida – Electricidad J&O    (1-0) Mele
Mobles Eume – A Cepa  (5-0) Iván (3), Martín e Rubén
Bar Xardín – Santaballés   (1-2) Cascudo / Pedro e Rivas
MMYPEM – Galiorient    (1-1) Paredes / Suso
As Pontes 74 – La Galaxia    (1-3) Paz / Fontao (2) e Sito

 CLASIFICACIÓN

PUNTOS
 SANTABALLÉS V. 20
 MOBLES EUME 19
 BAR XARDÍN 14
FARMAVIDA 13
LA GALAXIA 12
 AS PONTES 74 11
 GALIORIENT 8
 A CEPA 7
 MMYPEM 5
10º  ELECTRICIDAD J&O 1

GOLEADORES

IVÁN FERREIRO  (M. Eume) 14
FERNÁNDEZ  (A Cepa) 6
VALÚ   (Santaballés) 5
SUSITO  (Santaballés) 5
KATA  (Galiorient) 4

9ª XORNADA
16-17 / Xaneiro / 2016
La Galaxia – Electricidad J&O (Sáb.  16,  19:00 h)
Farmavida – Santaballés (Sáb. 16,   20:00 h)
Bar Xardín – MMYPEM (Dom. 17,  10:00 h)
A Cepa – As Pontes 74 (Dom. 17,  11:00h)
Mobles Eume – Galiorient (Dom. 17,  12:00 h)

Toda a familia do fútbol de veteranos de As Pontes, afeccionados, así como os que informan desta competición desexan a tódolos ponteses unhas boas festas e moita ventura e todo o mellor no vindeiro 2016.

Nova cortesía de A.F.

Esta entrada foi publicada en Novas equipo masculino C.D. As Pontes. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: