CD As Pontes Feminino

BOA VITORIA DE MIGUEL ALVARIÑO NO GRAN PREMIO DE ESPAÑA 

O deportista pontés Miguel Alvariño García desprazouse esta fin de semana á localidade malagueña de Torremolinos para a disputa do Gran Premio de España.

Nas tiradas previas, dos 35 participantes, acabou no posto terceiro (655), tralo seu compañeiro de selección Juan Ignacio Rodríguez (665), e o cuarto integrante da selección, Miguel Ángel Pifarre (661).

Nas roldas eliminatorias, nas que participaban os 32 mellores, Miguel foi vencendo sucesivamente a Ernesto García (7-1) en dezaseisavos, o seu compañeiro e amigo Dani Castro (6-2) en oitavos, e o compañeiro da selección Antonio Fernández “Yiyo”(7-3) en cuartos.

Xa na loita polos metáis, venceu en semifinais a Miguel Ángel Pifarre por un axustado 6-4, o mesmo resultado que o seu contrincante na final, o suizo Florian Faber, ante Elías Cuesta, olímpico en Londres.

Na final adiantouse Miguel 4-0, tras un 30-24 e 28-26 nos dous primeiros sets, pero o helvético cun 26-29 puxo o 4-2 no electrónico. Sendos empates nos dous últimos sets, un dobre 28-28, situaron o 6-4 definitivo.

Tamén participou Dani Castro, que foi 14º nas tiradas previas (623), e logo venceu a Manuel Calahorro na frecha de desempate, antes de cruzarse con Miguel.

maikel2

Nova cortesía de Xose Ferreiro

BOS RESULTADOS DO MOO DUK KWAN NO CAMPIONATO GALEGO 

Esta fin de semana disputáronse en Teo os Campionatos Galego de Técnica e Freestyle.

Gabriel Tembrás Corrales logrou dúas medallas de ouro, en técnica junior, por diante de Carlos Rey (Neka), e en Freestyle 12-17 por diante de Manuel Paz (Hebe).

Tamén foi prata xunto á súa compañeira do Moo Duk Kwan de Vilalba, Beatriz Felpeto, en parellas Junior e en Freestyle Parellas 12-17, en ambas por detrás de Samuel Alves e Andrea Vilas (Tao).

Tamén Bea logrou outras tres medallas de prata na competición, en técnica junior, por detrás de Andrea Vilas, en freestyle 12-17, por detrás de Barbara Di Martino (Hebe), e en técnica trío Junior, xunto a Silvia García e Uxía Rodríguez.

A próxima gran competición será o Open de España a disputar en Abril.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

ACTUACIÓN DE BORJA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE INVERNO 

Esta fin de semana celebrouse en Sevilla o Campionato de España de Inverno de Piraguismo. Era a proba que inauguraba o calendario piraguístico español neste 2016 olímpico.

Na xornada do sábado competíase na proba senior dos dous mil metros e na do domingo a de cinco mil.

O piragüista pontés do Covadonga, Borja Prieto Valera, participou nas dúas probas. En dous mil metros foi 22º cun tempo de 8:13:16.

Gañou o gran Paco Cubelos (7:54:96), por diante do compañeiro de Borja, Javi Hernanz (7:57:29), e o Campión Mundial sub23 do K4, Albert Martí (7:57:64).

A xornada do domingo era a proba dos cinco kilómetros, nos que Borja foi 50º, cun tempo de 21:47:59.

Doblete do Tudense, con Gabriel Campo (19:42:61) e Rubén Millán (19:43:10), habituais compañeiros no K2, e terceiro Javi Hernanz (19:43:48).

Nova cortesía de Xose Ferreiro

TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 2 – VERÍN CF 1 

Triunfo moi importante dun As Pontes que alcanza os 40 puntos, nun partido que se lle acabou complicando moito ó cadro de Pablo López, que alcanzou plácidamente o descanso con 2-0, pero acabou sendo embotellado.

Encontrábanse no Poboado dous conxuntos coa mesma dinámica, nove puntos nos últimos doce encontros (igual que o próximo visitante de O Poboado, o Bouzas). Tan só acumulaba peor racha o Barbadás, con sete puntos. Algo máis lóxica a do cadro verinense, con moitos xogadores lesionados e o que fóra seu xogador estrela, Iago Beceiro, á mesma hora, curiosamente estaba marcando para o Astorga a escasos kilómetros, en Somozas.

Tivo dúas seguidas o cadro visitante, unha de Sergito, que Marcos sacou co corpo, e a continuación, tras saque de meta, un roubo de balón dun atento David Soares, rematouno precipitado ás mans do meta local (9´). Tamén tivo unha moi clara o cadro pontés, tras córner botado por Cañi, cabecea Santi no primeiro pau, e antes de que entre o balón polo escuadro do segundo, salva in extremis Pablo Roca (20´).

Nunha xogada iniciada por Adri, prolongada por Bossa, picalla Toni a Cañizares, que no límite do fóra de xogo, controla e fusila por baixo a David García (22´). O choque púxose inmellorable para os azuis, cando tras un pase de Hugo, Santi, sen oposición, controla dentro da área e dispara a media altura ó segundo pau onde non pode chegar o meta visitante (34´). Incluso antes do descanso, bo centro de Alex, e remata frouxo na área Toni, ás mans de Diego (39´).

No segundo tempo, co 2-0, e con varios defensas visitantes apercibidos, parecía feito. Nada máis lonxe da realidade. E iso que comezou avisando Bossa cun disparo lonxano que fixo saltar a Diego (52´). Pero o Verín foise estirando, e a pesar de ser rodeado por varios defensas, David Soares consegue centrar de banda, e dende atrás chega o máis pequeno da clase, Sergito, que cabecea, e pese a que un zagueiro local tenta despexar o balón, este xa traspasara a liña (58´).

O cadro ourensán embotellou ó equipo local, e superouno físicamente, e Marcos salva co corpo un disparo de Anderson (62´), Dani anticipase nunha xogada na que dous visitantes encaraban desmarcados e sós (65´), e un disparo dende uns 35 metros de Soares á altura do longueiro desvíao a córner Souto coa luva in extremis e co sol de cara (67´).

Era tal o agobio que o cadro local apenas pasaba de medio campo, e Pablo López sacou ó único dianteiro por un tercer central. Antes de ser sustituido, Domínguez busca o gol olímpico pero Marcos desvía a córner (74´).

O As Pontes apenas trenzaba xogadas, nin tampouco soubo aproveitar as múltiples ocasións en que Diego García actuaba de auténtico porteiro-xogador de fútbol sala. Apenas resaltar unha contra na que Pablo Domínguez a enviou á nubes (89´).

Incluso con dez, tiveron os ourensáns unha última ocasión para empatar, nunha falta ó borde da área, pero Ramos disparou alto e respirou a parroquia local (93´).

Tercer duelo oficial no Poboado e segunda vitoria pontesa. Anteriormente, 3-1 e 0-1, entre 2000-2002.

O As Pontes alcanza os 40 puntos, na novena posición. Alonxa en once os postos de descenso directo e en sete os posibles arrastres. Volverá a xogar en casa ante o Bouzas, sexto con 43.

2 CD As Pontes. Marcos, Hugo (Pablo Domínguez 68´), Alex, Nano, Dani, Adrián, Óscar (Samu 79´), Bossa, Santi (Chote 72´), Cañi, Toni.
1 Verín CF. Diego, Fran, Viti, Pablo, Salomon, Lamelas (Manu 45´), Karim, Sergito, David, Anderson, Domínguez (Ramos 75´).
Goles: 1-0, Cañizares (22´), 2-0, Santi (34´), 2-1, Sergito (58´).
Árbitro: Alexandre López Vila (A Coruña). Auxiliado por Blanco Rodríguez e Morlán García. Amoestou a Viti, David, Salomon, Karim, Diego. Expulsou a Abel Afonso no 73´ e a Sergito por dobre amonestación no 91´.

Campo e incidencias. Campo de O Poboado. Uns 100 espectadores en tarde fría e soleada. Gardouse un minuto de silencio polo falecemento do pai do directivo local, Lolo Durán.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

SEGUNDA DIVISIÓN “B” DE FÚTBOL SALA: O ESTEO F.S. – U.V. VENTORRILLO F.S. (2-5) 

Moi merecido triunfo do equipo coruñés, que tras dominar toda a segunda metade, se impuxo nos últimos segundos a un irrecoñecible Esteo.

E iso que as cousas comezaban ben para os locais co gol de Bertito. Certo é que pouco despois empataba Andrés, xogador que o ano pasado anotara cinco tantos no lembrado 5-10. Pero mediado o primeiro tempo Héctor anotaba o 2-1 e Púas estrelaba un balón na cruceta, se ben é certo que Javichu facía dúas boas paradas antes do descanso, presaxiando o que ía a acontecer nos segundos vinte minutos.

Segundo tempo que é do peor que se lle recorda ó equipo local, apático e totalmente dominado polo cadro coruñés. A pouco de sacar de centro, quedou só o capitán Matos na área, e coa punteira púxoa onde Javichu non puido chegar. Aínda dominando o equipo visitante tívoa Tucho nun balón que non agardaba, e mandou moi apurado ó poste.

Pero o perigo dos brancos era constante, sobre todo nos pés de Buxía, e crearon tres ocasións claras consecutivas. Nunha perda de balón de Cospe como último home, salvou Javichu e despois Bertito baixo paus. Logo é Buxía o que lla deixa franca a Martín, que a manda fóra, e despois noutra contra é un xogador local quen retornando cara a área a piques está de marcar na súa porta.

Tiveron que xerar os visitantes moitas ocasións ante un desnortado Esteo para que o adestrador local solicitase tempo morto, que de pouco serviu, pois mediado o segundo tempo marcou Buxía de forte disparo.

Tentouno o Esteo con porteiro-xogador, creando algún perigoso disparo nos pes dun voluntarioso Bertito, e quizais se notou moito a baixa dun gran revulsivo coma Ayala, pero foi Buxía tras chegar antes que Jose López primeiro, e nunha perda de balón despois, o que nos derradeiros segundos puxo o 2-5 definitivo para un Ventorrillo que nunca perdeu en As Pontes, nin sendo colista o ano pasado.

Paso atrás do cadro pontés, que undécimo con 26 puntos, catro por riba dos tres teóricos descensos, visita a un rival directo como o Cistierna, que xa empatou 2-2 na primeira volta na Fraga.

FICHA DO PARTIDO

O ESTEO FS: Javichu, Bertito, Gerardo, Héctor, Jose López –cinco inicial- Púas, Cospe, Alberto, Fran, Tucho.

VENTORRILLO FS: Iván, Martín, Alberto, Matos, Faílde –cinco inicial- Andrés, Manu, Buxía, Puertas.

ÁRBITROS: José Hevia Campa, Jesús Santoveña Fernández, e na mesa Abel Molinero (Asturias). Amarelas para Buxía e Iván.

GOLES: Min. 2 (1-0), Bertito. Min. 3 (1-1), Andrés. Min. 9 (2-1), Héctor. Min. 21 (2-2), Matos. Min. 32 (2-3), Buxía. Min. 39 (2-4), Buxía. Min. 39 (2-5), Buxía.

INCIDENCIAS: Vixésimo terceira xornada de liga do grupo primeiro da Segunda División B e décimo segundo partido no Pavillón Municipal da Fraga, que rexistrou unha entrada duns 150 espectadores.

Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e AF

CLUB DEPORTIVO AS PONTES: RESULTADOS 11-12-13 / MARZO / 2016

Segunda xornada de marzo na que o primeiro equipo alcanza os 40 puntos. O cadete segue a súa poxa co Portuarios, ambos empatados a puntos. Grandes triunfos do xuvenil e o alevín B ante os líderes dos seus grupos. O benxamín A venceu e segue mandando no grupo segundo.

SEGUNDA AUTONÓMICA GALEGA (Ferrol)
Numancia de Ares – CD As Pontes B (4-1)

O segundo equipo foi goleado en Ares polo Numancia (4-1). Tras adiantarse 2-0, Criado recortaba distancias antes do descanso, pero no segundo período Julio redondeaba o seu hat trick. Xogaron: Rafita, Gonza, Manu, Darío, Jandro, Alex, Criado, Totti, Marcos, Lucho e Rubén, entrando despois Diego, Adrián, Alejandro e Nieto. Novenos con 16 puntos, reciben a vindeira xornada ó líder Cultural Maniños.

LIGA FEMININA F8 (D. Ferrol)
CD As Pontes – CD Cariño (1-1)

Tropezo do equipo feminino, que empatou na casa co Cariño (1-1), aínda que mantén a sexta praza con 44 puntos. A vindeira xornada visitan a un CD Narón, que só vai un posto por riba, quinto, pero con once puntos de diferenza (55), nunha liga moi desigual dominada polo Racing de Ferrol con pleno de triunfos (78 puntos), seguido de Maniños (68), San Sadurniño (60) e O Val B (59). Xogaron polo As Pontes, Leti, Yolanda, Noelia Santalla, Uxía, Indira, Noelia Ameneiro, Vicky, Xeila, Paula Castro, Carlota, Paula Baamonde e Alba. Marcou Paula Castro o seu décimo sexto gol da tempada ó pouco do comezo pero empatou Beatriz mediado o primeiro tempo e o marcador non se moveu.

PRIMEIRA GALEGA XUVENIL (D. Ferrol)
CD As Pontes – Numancia de Ares (2-0)

Brillante o xuvenil pontés, que venceu por 2-0 ó Numancia de Ares, equipo que na ida gañara por un contundente 8-0. Teñen moi difícil a loita pola liga, pero este resultado dálle emoción ás sete xornadas que restan, pois os da terra do gran Marcelino levan 36 puntos, por 34 de Portuarios e 32 dos azuis. Próxima visita ó Ánimas ferrolán, oitavo, dun equipo de Felipe Mieres que necesita tentar sumar o maior número de puntos para meter presión. Xogaron Lino, Iago, Jorge Rodríguez, Alex Cabarcos, Alex Blanco, Iván, Xose, Andrés, Ayrton, Casas, Jandro, xogando despois Dani, Nahúm, Manuel, Martín e David. No segundo tempo un penalti anotado polo central Alex Blanco e un segundo tanto do medio centro Iván deron os tres puntos ós locais.

PRIMEIRA GALEGA CADETE (D. Ferrol)
Galicia de Caranza B – CD As Pontes (0-5)

Bo triunfo do cadete, 0-5 ante o Galicia de Caranza B, sexto. Tamén gañou o Portuarios 1-5 ó Meirás, e o empate do Eume, fai que os dous primeiros equipos xa garanten practicamente o play off, e se xoguen entre si o título de liga con 41 puntos, pois os de Pontedeume xa están a 11 puntos faltando sete xornadas. Reciben ó Numancia de Ares, sétimo. Goles de Alberte, Mateo, David e Bruno, ademais dun primeiro en propia meta. Xogaron Nesi, Cazás, David, Fraga, Bruno, Pani, Carlos, Javi, Dani, Alberte, Mateo, entrando despois Chema, Alex Barro, Alex López, Criado e Andrei.

PRIMEIRA AUTONÓMICA INFANTIL (D. Ferrol
CD As Pontes – Racing de Ferrol B (1-10)

Contundente e inexplicable goleada a que recibiu o Infantil (1-10), a mans dun Racing de Ferrol B, que é o sexto clasificado da liga con 16 puntos, e que só levaba catro vitorias. Curiosamente, tamén un 9-0 na ida ós azuis. Xogaron Juan, Nono, Antonio, Santi, Javi, Xavi, Xan, Eyob, Vicente (1), Adrián, Xoel e Mohamed, Alejandro, Edgar e Iván. Oitavos con 9 puntos visitan ó colista Perlío, que ten 5 puntos.

PRIMEIRA CATEGORÍA ALEVÍN (D. Ferrol)
CD As Pontes – Eume Deportivo (3-3)
Eume Deportivo B – CD As Pontes B (1-3)

Empate a tres goles do alevín A co líder Eume Deportivo. Aínda que os locais comezaron perdendo por 0-1, remontaron a 3-1, pero que no comezo do segundo tempos os de Pontedeume lograban o resultado definitivo. Goles de Xoel Purriños, Xose Paz e Hugo Blanco. Terceiros con 21 puntos, visitan ó Perlío B, noveno.
Moi boa vitoria do alevín B na casa do antigo líder Eume Deportivo B (1-3) co que se soben á segunda praza con 25 puntos empatados cos de Pontedeume, a dous do Neda, que despois de gañar apuradamente 1-2 ó San pedro B, asalta ó liderado con 27 puntos. Na próxima xornada reciben ó San Sadurniño, sétimo clasificado. Goles de Eloy Pita e Alex Montero (2).

PRIMEIRA CATEGORÍA BENXAMÍN (D. Ferrol)
CD As Pontes – CD Cariño (5-2)
Racing de Ferrol D – CD As Pontes B (1-4)

Bo triunfo do benxamín A, que gañou 5-2 ó Cariño e mantén o liderado con 28 puntos, seguido por Galicia de Caranza (27) e O Val C (25). Precisamente o segundo clasificado, Galicia de Caranza, visitará O Poboado nun choque que pode ser clave. Na ida, 3-2, a única derrota dos azuis. Dobrete de Xandre Fernández e Israel Varela e un de Antón Varela.
Triunfo do Benxamín B 1-4 ante o R. Ferrol D. Seguen quintos con 13 puntos nunha Liga “peculiar” cos catro primeiros nun pano, Galicia de Mugardos B (29), Galicia de Mugardos A e Meirás (27), CD Narón (26), e o resto de equipos xa moi alonxados. Na próxima xornada visita ó Narón O Freixo B, sétimo. Goles de Eric Souto, Destaw Pellón, e dous de Adrián Díaz.

PRIMEIRA CATEGORÍA PREBENXAMÍN (D. Ferrol)
O Freixo Narón – CD As Pontes (1-2)
CD As Pontes B – Racing de Ferrol D (13-1)

Axustado triunfo 1-2 do prebenxamín A na casa do colista Narón O Freixo, que só sumara un empate no campionato, pero tres puntos valiosos que o manteñen terceiro con 20 puntos, no grupo dos mellores, antes de recibir ó Galicia de Caranza C, sexto clasificado. Tantos de Nicolás Meizoso e Xalo González no comezo, e Hugo a pouco do final meteu o medo no corpo co 1-2.
Triunfo contundente do prebenxamín B (13-1) ante o Racing de Ferrol D, goles de Xalo Cebreiro (4), Ander Ferreiro (3), Alex Basanta (2), Lucas Blanco, Xabi Álvarez, Nacho Villasuso e Íker Ares. Terceiros con 29 puntos visitan na vindeira xornada ó Val B, décimo.

Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e A.F.

veteranos_001

LIGA DE FÚTBOL DE VETERANOS DE AS PONTES 2015/16 (16ª Xornada)

Segue o man a man entre Santaballés e Mobles Eume na liga pontesa de fútbol de veteranos. O coeficiente particular dálle momentaneamente o liderado ó cadro chairego, que nesta xornada pasou apuros para gañar pola mínima a La Galaxia. Pola súa banda, o Mobles Eume non chegou a disputar o seu partido contra Farmavida, xa que este equipo, por lesións e asuntos laborais, presentouse con poucos xogadores, polo que se lle dá por perdido por 0-3.

Sinalar que no derradeiro partido da xornada entre MMYPEM e A Cepa gardouse un minuto de silencio polo falecemento de Víctor Durán, pai do xogador da Cepa, Lolo Durán.

Terceiro na clasificación é Bar Xardín, que nesta xornada superou con claridade a Electricidad J&O. Na cuarta praza está La Galaxia con 27 puntos.

Continúa de pichichi Iván Ferreiro, de Mobles Eume, con 24 goles anotados. A segunda posición é para Javi (Bar Xardín), con 10 goles, seguido de Cazás (Bar Xardín) e Fernández (A Cepa), con nove goles cada un.

Interesante partido a vindeira xornada entre Santaballés, primeiro, e Bar Xardín, terceiro na clasificación.

16ª XORNADA 12-13 / Marzo / 2016

Santaballés – La Galaxia (1-0) Armando
Farmavida – Mobles Eume (0-3) Por lesións e traballo o Farmavida presentouse con poucos xogadores, polo que se lle dá por perdido o partido (0-3)
Bar Xardín – Electricidad J&O (5-2) Javi (4) e Pedro / Cristóbal e Manolo
As Pontes 74 – Galiorient (3-6) Vila (2) e Javi / Tomás (2), Kata (2), Vituco e Geluco
MMYPEM – A Cepa (0-2) Fernández e Alberto

CLASIFICACIÓN

1º SANTABALLÉS – 37 PUNTOS
2º MOBLES EUME – 37 PUNTOS
3º BAR XARDÍN – 32 PUNTOS
4º LA GALAXIA – 27 PUNTOS
5º AS PONTES 74 – 18 PUNTOS
6º GALIORIENT – 17 PUNTOS
7º FARMAVIDA – 17 PUNTOS
8º MMYPEM – 11 PUNTOS
9º A CEPA – 10 PUNTOS
10º ELECTRICIDAD J&O – 7 PUNTOS

GOLEADORES

IVÁN FERREIRO (M. Eume) – 24
JAVI (Bar Xardín) – 10
CAZÁS (Bar Xardín) – 9
FERNÁNDEZ (A Cepa) – 9

17ª XORNADA 19-20 / Marzo / 2016

Electricidad J&O – Farmavida (Sáb. 19, 19,00 h)
A Cepa – Mobles Eume (Sáb. 19, 20:00 h)
Santaballés – Bar Xardín (Dom. 20, 10:00h)
Galiorient – MMYPEM (Dom. 20, 11:00 h)
La Galaxia – As Pontes 74 (Dom. 20, 12:00 h)

Nova cortesía de A.F.

Esta entrada foi publicada en Novas equipo masculino C.D. As Pontes. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: