CD As Pontes Feminino

O FUTBOLISTA BENXAMÍN PONTES DAVID CARBALLO, CAMPIÓN CO DEPORTIVO DA CORUÑA 

O futbolista pontés David Carballo Criado, que milita no Benxamín do Deportivo de A Coruña, gañou esta semana a Liga Benxamín da Primeira Comarcal, no grupo A Coruña-Mariñas.

E fíxoo tras vencer entre semana este mércores ó Betanzos, 4-1, en partido adiantado, alcanzando o equipo herculino os 61 puntos. O segundo clasificado, o Ural do mítico Paco Buyo, entre outros, ó que lle quedan catro partidos, de gañalos, podería chegar a empatar co conxunto deportivista, pero este tería o goal average a favor, pois gañou 5-2 na casa e 0-5 en cancha do Ural, polo tanto xa é campión matemático.

O equipo deportivista, a falta de tres partidos, leva unha inmaculada traxectoria de 20 triunfos, por tan só un empate, 1-1 ante o sétimo clasificado, Imperátor Oar “A”, con 172 goles a favor por tan só 11 en contra.

David, que se iniciou no CD As Pontes, suma 20 partidos na Liga coa elástica deportivista anotando 14 tantos.

A falta de catro xornadas para o final, clasificación encabezada polo Deportivo da Coruña “A” (61), seguido de Ural “A” (49), Victoria “A” (47), Calasanz “A” (44), Luis Calvo Sanz “A” (43), Betanzos (35), Imperátor Oar “A” (32), Olímpico “A” (21), Rayo Sadense “A” (19), Atlético Arteixo “A” (15), San Tirso “A” (12), Sporting Cambre “A” (9) e pecha Orillamar “A” (4).

deporbenjamin1

Nova cortesía de Xose Ferreiro

PLAY OFF ASCENSO/DESCENSO. CR CORETI LALÍN 29 – CR FENDETESTAS 14 

O Fendetestas pontés perdeu 29-14 na ida do play off que xoga ante o equipo lalinense, sexto e penúltimo clasificado da Primeira Territorial Galega.

O equipo verde desprazábade ó Manuel Anxo Cortizo para a disputa do encontro de ida e no primeiro tempo os locais anotaban tres ensaios, por medio de Daniel Fuentes, Pablo Rodríguez e Paulo Da sousa, pero non transformaron ningún dos tres posteriores lanzamentos a paus, mentres os ponteses anotaban tres golpes de castigo por medio do gran Kiko, o que poñía o 15-9 no marcador co que se chegou ó descanso.

Xa no segundo tempo, dous novos ensaios de Diego García e Diego Hermida, e, nesta ocasión si, con ambos acertos nos lanzamentos a paus a cargo de David Rivero, poñían un inquedante 29-9 no marcador, pero xa nas postrimerías do encontro, un ensaio de Rober puxo o definitivo 29-14, que, aínda que moi complicada ante un equipo de superior categoría, da emoción á eliminatoria e ó encontro de volta.

O vindeiro sábado no monte Meduilo, ambos equipos xogarán pola última praza disponible na Primeira Territorial Galega, na que xa están Campus Ourense e CR Ferrol; de non conseguir estes dous o equipos vencer na fase de ascenso, na que se cruzarán cos equipos asturianos, casteláns e manchegos; Mareantes de Pontevedra, Pontevedra RC, CR Os Ingleses de Vilagarcía e o ascendido Keltia Ourense.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 0 – AROUSA 0 

Valioso empate do As Pontes nun encontro no que o Arousa mereceu máis. Atopábanse no Poboado dous equipos que na ida firmaran táboas, e estaban separados na clasificación por apenas dous puntos. Pero os visitantes tiveron varias ocasións claras no primeiro tempo. Nos pés de Carballa, que regateou a varios defensores, logo a Marcos, pero disparou ó lateral da rede (20´). Despois, primeiro Carballa, e posteriormente Cabanyes forzaron dúas boas intervencións de Marcos (22´). Unha perda de balón de Edi no medio campo, en que Nano vese forzado a despexar o balón, moi preto do poste (30´), e unha última de Eloy Fariña, que, desmarcado e completamente só, avanzou, tirou, superou a Marcos, pero o balón marchou por pouco (45´) precederon ó descanso. Polos azuis apenas resaltar algunhas aproximacións voluntariosas de Cañizares e Santi.

O segundo tempo foi máis equilibrado, aínda que seguiu chegando con moito perigo o cadro de Vilagarcía. Nunha boa xogada por banda dereita, remataa ó primeiro toque Cabanyes a media altura e a bola sae por pouco (49´). Tamén lles foron anulados dous tantos. Eloy cabecea outra vez completamente só, rexeita Marcos, e aproveitao Fandiño para rematar ó fondo da rede, parece que algo adiantado (61´). Máis tarde foi anulado outro tanto a Rubén, parece que por falta clara a Marcos (82´). Polos locais, resaltar unha xogada na que o porteiro atallou dous disparos de Nano e un último trallazo de Toni, que o desviou a córner (72´). Tamén sacou Lucas a luva nunha falta axustada ó segundo pau de Bossa (84´).
Ambos equipos firmaron táboas e os ponteses sitúanse novenos con 44 puntos, e cun triunfo máis nas seis xornadas que restan alonxaríaos definitivamente do posto de arrastre. Agora mesmo teñen un colchón de oito puntos sobre o único posto de arrastre a día de hoxe.

Por riba, o equipo local hoxe contaba, ademáis das baixas habituais de Pardo e Chicho, tamén faltaban Dani, Hugo, Óscar e Domínguez.

Desde o seu reencontro en Terceira, segundo empate consecutivo entre ambos conxuntos, a anterior campaña foi un 2-2, e a 2013-14 un 2-0 para os azuis. No global de partidos oficiais, cinco triunfos locales, sete arousáns, e outros sete empates.

A próxima xornada o As Pontes visita a un moi necesitado Ribadeo, que se atopa a dous puntos da salvación e a seis do posto de arrastre.

CD As Pontes. Marcos, Criado (Pablo Ramos 51´), Nano, Chote, Edi (Juan 78´), Adrián, Santi, Bossa, Toni, Cañi (Samu 66´) e Alex Cabarcos.

Arousa SD. Lucas, Marcos (Rubén 63´), Fafu, Fon, Aitor Díaz, Fran Fandiño, Cabanyes, Óscar, Carballa, Camiño, Eloy.

Árbitro: Alejandro Del Río Amor (A Coruña). Auxiliado nas bandas por García Gómez e Volunterio Gonzalo. Amarelas a Edi, Cañi, Alex Cabarcos e Pablo Ramos.

Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Uns 150 espectadores en tarde moi chuviosa. Partido correspondente á 32ª xornada.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

SEGUNDA DIVISIÓN “B” DE FÚTBOL SALA: O ESTEO F.S. – S.D. XOVE F.S. (1-1) 

O Esteo arrincou un empate no encontro deste venres á noite, adiantado á xornada do sábado, por mor dos dous clásicos.

Puidose ver nas gradas ó gran xogador pontés Noé Calvo Pardo, e, coincidencias das efemérides, onte cumpría 31 anos.

O cadro pontés adiantouse no marcador ós oito minutos nunha xogada na que o xove Bertito se quedou só e bateu por baixo a Pulido de forte disparo. Antes do descanso tivo o Esteo boas ocasións, dúas consecutivas nos pés de Fran, pero foi Manu, o máximo goleador da categoría, que a 47 segundos do final, empalou un balón sen deixalo caer, tras saque de córner, e marcou un golazo, e incluso despois nunha xogada, na que estivo lento Héctor, case fixo o 1-2.

Trala reanudación, quedou só Jose López, pero fóiselle o balón e chegou antes o porteiro. Replicou Manu, con dous disparos seguidos dentro da área. Despois Gerardo tivo dúas oportunidades que puideron ser mellor aproveitadas, e tamén puido marcar Ayala, á reviravolta.
Nos últimos minutos, tirou Jose López, tropezando o balón en Fran, cando semellaba que ía dentro. Pero puido sentenciar Manu nunha contra que mandou un palmo por riba do longueiro.

Con este toma e daca entrouse no último minuto, e outra vez Manu, mandou un trallazo ó longueiro, pero na xogada posterior, semella que a bola vai saír por banda, pero sorprende á defensa e controla in extremis Jose López, que avanza só cara a porta e dispara a rentes do pau.

Foi Héctor a falta de oito segundos o que disparou ó corpo do porteiro e na última xogada do encontro tívoa Turero, que xunto a Manu formara parte daquela selección galega sub20 Campioa de España en 2010, pero con todo a favor, mandouna fóra.

Cabe dicir que esta ocasión veu precedida dun saque de banda que non era, pois houbo clara falta a Javichu faltando un segundo que suporía a sexta falta e dobre penalti.

En definitiva, o Esteo suma un empate, e ponse con 27, a cinco xornadas do final, dous sobre os postos de descenso, á espera do que fagan os seus rivais no día de hoxe. Complicada visita a semana que vén a Cuéllar, terceiro clasificado, que xa gañou nas Pontes por 2-4.

FICHA DO PARTIDO

O ESTEO FS: Javichu, Gerardo, Héctor, Jose López, Ayala –cinco inicial- Bertito, Púas, Cospe, Fran, Tucho.

SD XOVE FS: Pulido, Marcos, Manu, Turero, Pancho –cinco inicial- Antón, Nete, Solloso, Iago.

ÁRBITROS: Jose Rey Hermida (Santiago), Raquel Manteiga Rodríguez. Laura Vila Rivera (A Coruña). Amoestaron a Cospe, Jose López, Fran, Manu e Solloso.

GOLES: Min. 8 (1-0), Bertito. Min. 19 (1-1), Manu.

INCIDENCIAS: Vixésimo quinta xornada de liga do grupo primeiro da Segunda División B e décimo terceiro partido no Pavillón Municipal da Fraga, que rexistrou unha entrada duns 150 espectadores.

Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e AF

CLUB DEPORTIVO AS PONTES: RESULTADOS 1-2-3 / ABRIL / 2016 

Primeira xornada de abril, na que o As Pontes logrou un milagreiro empate que o deixa a un triunfo da salvación virtual. Boas vitorias do Cadete, Xuvenil e Infantil. Os dous Alevíns sitúanse a un e dous puntos, respectivamente, do liderado, e o Benxamín A lidera a táboa con seis puntos de vantaxe a falta de cinco xornadas.

SEGUNDA AUTONÓMICA GALEGA (Ferrol)
FC Ortigueira – CD As Pontes “B” (4-0)

Goleada a que sufriu o segundo equipo na súa visita a Ortigueira (4-0), ante un equipo que ata o de agora en 16 xornadas tan só fora quen de conseguir dúas vitorias, Estrella (2-5) e Somozas B (3-2), pero sobre todo, levaba 12 partidos sen lograr un triunfo, acumulando 11 derrotas (4-0 no Poboado) por un só empate. Certo é que foron convocados ata sete xogadores moi noviños. Adrián Martínez sentenciou cun hat trick e redondeou Luis López. Xogaron Rafita, Fraga, Rubén, Jandro, Darío, Guille, Andrés, David, Marcos, Alejandro, Adrián e despois Carlos, Alex e Lino. Noveno clasificado con 16 puntos, recibe ó Galicia de Caranza, terceiro, que xa gañou na primeira volta no seu campo por 10-0.

LIGA FEMININA F8 (D. Ferrol)
SD Rápido de Neda – CD As Pontes (3-2)

Tropezou o equipo feminino na súa visita a Neda, onde perdeu 3-2. Anotaron Yolanda e Paula Castro, aínda que a protagonista do encontro foi Laura Fernández con tres tantos que significaron tres puntos para o seu equipo. Xogaron, Leti, Yolanda, Andrea Pita, Noelia Santalla, Yaiza, Xeila, Paula Castro, Carlota, Paula Baamonde e Yara. Sextas con 47 puntos reciben a vindeira xornada ó Galicia de Mugardos, décimo con 37.

PRIMEIRA GALEGA XUVENIL (D. Ferrol)
CD As Pontes – Cedeira SD (3-2)

Vitoria apurada, pero tres puntos ó fin e ó cabo do conxunto xuvenil ante o Cedeira, que se adiantou por medio de Antón, e aínda que Ayrton e Xose dábanlle a volta ó marcador, pero Antonio facía o 2-2 co que se chegou ó descanso. Foi no inicio do segundo tempo cando Casas anotaba o 3-2, resultado que se mantivo ata o final. Xogaron polo xuvenil pontés Manuel Barcia, Iago, Jorge, Alex Cabarcos, Alex Blanco, Iván, Ayrton, Rey, Casas, Andrés, Xose e despois entraron Martín, Alex Pico, Nahum, Manuel Romero e Manuel Fernández. Terceiro con 38 puntos, a dous de Portuarios e catro de Numancia de Ares, visita ó Eume Deportivo, oitavo.

PRIMEIRA GALEGA CADETE (D. Ferrol)
CD Narón “ B” – CD As Pontes (1-2)

Axustada, pero importantísima vitoria (1-2) do equipo cadete na casa do agora quinto clasificado, CD Narón B, 1-2, o que lle permite seguir de líder con 47 puntos, por 45 do Portuarios, que onte venceu tamén apuradamente por 2-1 ó oitavo clasificado, O Val. Próximo partido na casa contra o Eume Deportivo, o perigoso terceiro clasificado, semifinalista da copa e con medio pé na final.
Anotou nada máis comezar Cazás, pero o xogador da selección ferrolá sub15, Marcos Nieto, empatou pouco despois, pero un segundo tanto de Sergio Cazás trala reanudación valeu os tres puntos e iso que os azuis tiveron que aguantar os últimos dez minutos cun menos por expulsión de Bruno. Xogaron polo As Pontes, Nesi, Alex López, David, Fraga, Bruno, Chema, Carlos, Javi, Alex Barro, Dani e Cazás, xogando despois Mateo, Alberte, Diego e Germán.

PRIMEIRA AUTONÓMICA INFANTIL (D. Ferrol)
CCRD Perlío – CD As Pontes (1-3)

Moi ben o conxunto infantil, que gañou por 1-3 ó colista Perlío, e xa suma 4 vitorias e 12 puntos, oitavos. Xogaron Juan, Nono, Eyob, Santi, Antonio, Dani, Adrián, Xan, Xoel, Vicente, Joan e despois Edgar, Alex, Xavi, Manuel e Mohamed. Anotaron Vicente e Joan no primeiro tempo e un terceiro gol en propia meta poñía o 0-3 maquillado por Diego. Reciben ó sétimo, CD Narón, que ten 16 puntos.

PRIMEIRA CATEGORÍA ALEVÍN (D. Ferrol)
CD As Pontes – Cedeira SD (3-0)
SD Libunca – CD As Pontes “B” (2-10)

O Alevín A venceu 3-0 ó Cedeira, tantos de Hugo Blanco (2) e Alejandro López. Sorprendentemente perdeu o líder Eume Deportivo ante o Narón O Freixo por 4-3, polo que lideran os de Pontedeume xunto a Perlío con 28 puntos por 27 dos azuis, que visitan na vindeira xornada ó Galicia de Caranza B, oitavo. Goleada (2-10) do Alevín B en Ferrol fronte ó Libunca, con tres goles de Alex Montero e Diego Purriños, dous de Sergio Cabarcos e un de Ángel Purriños e Martín Calvo. Co empate (2-2) entre Eume Deportivo B e Rápido de Neda, os ponteses son segundos na clasificación. Lidera o Rápido de Neda con 31 por 29 de ponteses e pontedeumeses. Na vindeira xornada recibe ó Galicia de Mugardos B, cuarto con 27 puntos.

PRIMEIRA CATEGORÍA BENXAMÍN (D. Ferrol)
SD O Val “C” – CD As Pontes (3-6)
CD As Pontes “B” – Eume Deportivo “B” (9-0)

Boa vitoria por 3-6 do Benxamín A ante o Val C, co que o cadro pontés da un paso importante para conquerir o título de Liga, pois con 34 puntos, xa alonga en 6 ós valexos, segundos, faltando cinco xornadas. Na vindeira reciben ó colista, San Sadurniño. Saíuse Anxo Blanco con cinco tantos e un de Alexo Platas. Pola súa banda, o Benxamín B venceu por 9-0 ó colista Eume Deportivo B. Son quintos con 19 puntos, antes de visitar ó Racing San Pedro B, sexto con 12. Marcaron Diego Lozano (3), Destaw Pellón (2), Xalo Graña (2), Adrián Díaz e Eric Souto.

PRIMEIRA CATEGORÍA PREBENXAMÍN (D. Ferrol)
SD Rápido de Neda – CD As Pontes (3-0)
CD As Pontes “B” – SRD Ánimas “B” (0-1)

O Prebenxamín A perdeu 3-0 ante o líder Rápido de Neda e marcha cuarto no grupo dos mellores con 23 puntos. Na vindeira xornada recibe ó Ánimas, segundo clasificado con 26 puntos. Perdeu (0-1) o Prebenxamín B co segundo clasificado Ánimas B, e está terceiro con 32 puntos, a dez do Barallobre e a catro dos ferroláns. Visita na vindeira xornada ó CD Narón B, sétimo.

Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e A.F.

O SANTABALLÉS CAMPIÓN DE LIGA DE FÚTBOL DE VETERANOS DE AS PONTES 2015/16 

O Santaballés proclamouse campión da liga de veteranos de As Pontes 2015/16 logo de perder pola mínima (2-1) Mobles Eume ante Galiorient. Os chairegos logran o seu terceiro título de liga despois de acadalo nas tempadas 2010/11 e 2012/13.

Ademais da sorprendente derrota de Mobles Eume, o Santaballés impúxose con claridade a Farmavida, vitorias axustadas de La Galaxia e Bar Xardín e empate a dous goles entre As Pontes 74 e A Cepa.

A vindeira fin de semana dispútase a derradeira xornada, a décimo segunda que fora suspendida no seu día polo mal tempo. Unha xornada na que Bar Xardín e La Galaxia xóganse a terceira praza do campionato.

18ª XORNADA 2-3 / Abril / 2016
Electricidad J&O  –  La Galaxia   (0-1) Nené
Santaballés  –  Farmavida    (4-0) Susito, Valú. Diego e Palpi
MMYPEM  –  Bar Xardín    (3-4) Óscar, Alberto e  Lolo / Javi (2), Iván e Cabanela
As Pontes 74  –  A Cepa   (2-2) Julio e Vila / Fernández e Alberto
Galiorient  –  Mobles Eume  (2-1) Tomás e Kata / Luis

CLASIFICACIÓN

PUNTOS
SANTABALLÉS 43
MOBLES EUME 40
 BAR XARDÍN 35
LA GALAXIA 33
GALIORIENT 24
AS PONTES 74 19
FARMAVIDA  (-1 partido) 17
MMYPEM 11
A CEPA 11
10º  ELECTRICIDAD J&O  (-1 partido) 7

GOLEADORES

IVÁN FERREIRO  (M. Eume) 27
JAVI  (Bar Xardín) 12
DIEGO (Santaballés) 11
TOMÁS  (Galiorient) 11

DERRADEIRA XORNADA (12ª)9-10 / Abril / 2016
Santaballés  –  Electricidad J&O   (Sáb.  9,  19,00 h)
A Cepa  –  Galiorient    (Sáb. 9,  20:00h)
La Galaxia  –  Bar Xardín    (Dom. 10,  10:00 h)
Farmavida  –  As Pontes 74   (Dom. 10,  11:00 h)
MMYPEM  –  Mobles Eume  (Dom. 10, 12:00 h)

Nova cortesía de A.F.

LIGA DE PÁDEL DAS RÍAS ALTAS 2016: O PÁDEL AS PONTES FEMININO SUBCAMPIÓN DO SEU GRUPO DE 3ª CATEGORÍA 

Logo de perder os dous primeiros enfrontamentos, o Pádel As Pontes Feminino remontou e ó final venceu por 2-3 ó Cerceda Pádel Club na derradeira xornada do grupo sexto da terceira categoría feminina, no que quedou primeiro o Somos Pádel de Lugo.

Despois de realizar unha boa campaña, as pontesas quedan á espera de saber quen é o mellor segundo clasificado dos outros grupos para disputar a fase de ascenso á Segunda Categoría.

Pola súa banda, o Pádel As Pontes B masculino perdeu por 3-2 co segundo clasificado, 0,0 Pádel. Os ponteses ocupan a cuarta praza da clasificación. O Pádel As Pontes A perdeu por 0-5 ante Blues Padel&Beer Team, equipo clasificado na cuarta posición.

RESULTADOS

CERCEDA PÁDEL CLUB FEMININO – PÁDEL AS PONTES FEMININO (2-3)

Maite Loureiro-Paula Moya / Obdulia García-Malena Mires (6-0, 7-5)
Pilar Vilariño-Sonia Menéndez / Rocío Guizán-Sonia Uceira (6-3, 6-4)
Laura Pérez-Silvia Rodríguez / Pilar González-Erika Sanz (0-6, 0-6)
Pilar Rey-Susana Souto / Mónica Tojeiro-Marta del Moral (2-6, 1-6)
Maribel Fraga-Esther Regueiro / Lorena García-Rital del Moral (6-4, 1-6, 1-6)

Nova cortesía de A.F.

Esta entrada foi publicada en Novas equipo masculino C.D. As Pontes. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A <span>%d</span> blogueros les gusta esto: