—
O CD AS PONTES SALVOUSE MATEMÁTICAMENTE HOXE DOMINGO
Tralo remate da xornada 36 tanto en Segunda B coma en Terceira, confírmase que o CD As Pontes continuará un ano máis na máxima categoría do fútbol galego.
Algúns rumores apuntaban a que este feito xa estaba consumado e garantido dende a semana pasada, pero non era así, nin o domingo pasado gañando en Noia 1-3, e menos onte coa derrota 0-3 ante o Vilalbés.
Parte de salvación do As Pontes chegou na mañá deste domingo, co empate do Sporting B, que garantía a salvación do Coruxo.
Na xornada de tarde confirmouse que o Compostela desgrazadamente xa está descendido, polo que habería un mínimo de cinco descensos en Terceira. O Celta B deu hoxe un paso de xigante cara a permanencia tras gañar en Somozas (1-3), e librase do descenso directo, pero non da posibilidade de xogar a promoción de descenso, que agardemos non aconteza, pero existiría esa remota opción de baixar dous equipos galegos de 2ªB, que polo tanto implicaría seis descensos en Terceira.
Nesta categoría, o As Pontes é décimo con 48 puntos e é fixo que cinco equipos, Mugardos (40), Bergantiños (37), Ribadeo (34), Verín (31) e Noia (31) acabarán por detrás dos ponteses.
Dos cinco equipos que están na clasificación inmediatamente por detrás dos azuis, o Ordes (15º) ten 42 puntos e podería chegar ós 48 dos azuis, ó que lle teñen gañado o goal average.
Un escalón por riba están Ribadumia (11º con 45), Negreira (12º con 45), Silva (13º con 44) e Barbadás (14º con 44), pero estes equipos enfróntanse entre eles, e aínda que por unha combinación de resultados todos poderían chegar ós 48 do As Pontes, e Silva e Ribadumia teñen o goal average a favor con respecto ós azuis, non así Negreira e Barbadás. Tamén, no remoto caso de que houbese varios conxuntos empatados a 48 puntos sempre habería un mínimo de un equipo por debaixo dos azuis.
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—
ROLDA DE ELIMINATORIAS NA COPA DO MUNDO DE SHANGAI
O arqueiro pontés Miguel Alvariño García disputou hoxe as tiradas eliminatorias da primeira proba da Copa do Mundo que se está a celebrar en Shanghai (China).
No día de onte foi o 30º clasificado nas previas con 665 puntos, o mellor dos españois, por diante de Miguel Ángel Pifarre (34º, 664), Juan Ignacio Rodríguez (41º, 661) e Antonio Fernández (94º, 638). O mellor foi o mítico Brady Ellison, con 697.
Por certo, en Composto, o holandés Mike Schloeeser, que estivera no torneo pontés en Decembro, bateu o Récord do Mundo, con 717 puntos de 720 posibles, é dicir, conseguiu 69 deces e 3 noves.
Na competición de Recurvo Mixto, cos dous mellores clasificados de cada país, Alvariño e a prometedora Alicia Marín, foron undécimos na previa, cruzándose en oitavos con Rusia, sexta, coa que perderon 5 a 1 (36-33, 33-33, 40-36). Ouro polo que pelexarán China Taipei e EEUU, e polo bronce Corea do Sur e India.
No día de hoxe, nas roldas eliminatorias, os españois superaron a primeira criba. Alvariño vencía ó checo Peter Heinrich 7-1 (26-25, 27-27, 29-25 e 27-23). Miguel Ángel Pifarre gañaba na frecha de desempate ante o malayo Nor Hasrin 6-5, Juan Ignacio Rodríguez ó colombiano Estiven Ramírez 7-3, e únicamente caía Antonio Fernández, moi apurado ó ser 94º da previa e ter que enfrontarse ó coreano Seong Cheol Park, 19º, co que perdeu 2-6.
Xa na segunda eliminatoria caeron os tres. Alvariño perdeu ante Hao Wen Kao, de China Taipei, 0-6 (26-27, 26-29 e 27-28). Juan Ignacio ante o xaponés Kazuki Ohi, 2-6, e máis resistencia opuxo Pifarre ante o ruso Alexander Kozhin, verdugo de Alvariño e Alicia nos mixtos, 4-6.
Nesta proba pelexarán o outro o estadounidense Zach Garret e o holandés Sjef Van den Berg, do que Miguel dera boa conta na final de Bakú. Polo bronce, o mexicano Boardman e Wei, de China Taipei.
Algo mellor estiveron as mulleres. Celia Castaños perdeu na primeira rolda na frecha de desempate ante a francesa Laura Ruggieri 5-6. Pola súa banda Alicia Marín quedaba exenta ó ser 11ª da previa, Mirene Etxeberría, prata por equipos mixtos xunto a Alvariño no Mundial Junior 2013, vencía á mítica e veterana francesa Berengere Schuh, 6-2, ex campiona europea ó aire libre e mundial en sala. Tamén Adriana Martín vencía á mongola Oyuntungalag Chimedtseren 6-2.
Na segunda rolda, Ariana Martín vencía á turca Begunhan Elif Unsal, 6-4, a arqueira que fora bronce nos Europeos de Rovereto 2010 con 17 anos e deixara a Gema Buitrón polo camiño. No duelo fratricida, Mirene Etxeberría vencía a Alicia Marín 6-2.
Xa na terceira criba, Etxeberría caeu ante a xaponesa Kaori Kawanaka 0-6, e Adriana ante a coreana Hyebhin Ju 1-7, arqueira que pelexará o ouro con Ya Ting Tan, de China Taipei, mentres que polo bronce, outra coreana, Chaeyun Kim, contra a danesa Maja Jager.
Mañá será a competición por equipos, os homes, décimos, comezarán contra Xapón, sétimo, e as mulleres, undécimas, contra Xeorxia, sexta.
Foto da estancia de Miguel en Corea, con Park Sung Hyun, tricampiona olímpica, e Park Kyun Mo, bicampión olímpico.
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—
ROLDAS POR EQUIPOS EN SHANGHAI
No día de hoxe disputábanse as competicións por equipos na primeira proba da Copa do Mundo de Tiro con Arco que se está a celebrar en Shanghai.
O equipo masculino, de Alvariño, Pifarre e Rodríguez, os tres que mellor puntuación obtiveron en individual, 1990 puntos, no décimo posto, enfrontaron en oitavos de final coa Xapón de Oniyama, Ohi e Furukawa, que sumara 1998, na sétima praza. Nun duelo moi igualado, con 56-56 no primeiro set, 57-58 no segundo, 54-53 no terceiro e empate 3-3, decidiuse todo na última tanda, con 55-57 para os xaponeses e o definitivo 3-5.
Corea e Holanda polo ouro e polo bronce Gran Bretaña e India.
O equipo feminino quedou a un paso das medallas. Presentábanse en oitavos de final Alicia Marín, Adriana Martín e Celia Castaños, con 1934 puntos, na undécima praza da previa, e enfrontaban a Xeorxia, que sumou 1954, na sexta praza, vencendo o cunxunto español 5-3 (54-52, 53-53, 53-55 e 55-50).
En cuartos cruzáronse con Rusia, e nun duelo moi disputado, con 54-47, 55-56, 53-54, e 52-49, e o 4-4 no marcador, chegábase ó desempate, con tres frechas de ouro, unha por cada integrante, caendo do lado ruso, 26-28, acabando o conxunto español na quinta posición.
Polo ouro, China Taipei e a India, e polo bronce Alemania contra as rusas.
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—
TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 0 – RACING CLUB VILALBÉS 3
Contundente triunfo no derbi, do Racing Vilalbés, que durme a tres puntos do play off, metendo presión a Choco e Deportivo B. É que os lucenses xogaron o partido con máis ambición, saltando ó campo sen contemplacións, co equipo de gala. Non así o As Pontes, que, virtualmente salvado, quixo dar minutos ós seus xogadores menos habituais.
Así, tras un primeiro tempo sen xogadas destacadas; apenas resaltar unha boa xogada de Cañi, que lla cede a Óscar, dispara, rexeita como pode Diego, e o propio Cañi fusila ó fondo das mallas, lixieramente en fora de xogo (25´); nos primeiros vinte do segundo, o conxunto chairego pasou por riba dos azuis.
Adiantáronse, tras unha pérda de balón de Adrián, froito do costume do conxunto local de arriscar xogando dende atrás, quixo driblar a dous dianteiros, roubaronlle a carteira, e foi Villares, que regateou a Cristian, e aínda escorado, rematou marcando por alto (52´).
Logo foi Gerardo, quen, ante a pouca contundencia da zaga local, acabou fusilando dentro da área ó porteiro (57´), que entremedias realizou un paradón nunha vaselina de Villares (55´).
Tras unha cabalgada por banda dereita do recén ingresado no campo Rubén Gómez, que se lle vai a Chote, centra ó segundo pau, chega completamente só Gerardo, e bate de cabeza a un dubitativo Cristian (65´).
Xa cos deberes feitos, o Vilalbés procurou ampliar o marcador nas contras e os locais recurtar distancias pero sen moito tino, apenas resaltar un disparo de Santi fora da área (60´), e unha clara de Pardo mal finalizada (78´).
O As Pontes segue con 48 puntos, e non é moi factible que sume ante o Cerceda, que se xoga a Liga, e Deportivo B, que loita polo play off, así que seguramente acabará salvándose matemáticamente polos tropezos dos seus rivais de abaixo, pois algúns cruzanse entre eles.
O Vilalbés consegue o seu quinto triunfo en partido oficial no Poboado; e ademais co resultado máis contundente dun conxunto que as anteriores ocasións vencera pola mínima; por cinco empates e sete victorias dos locais. A afección pontesa celebra seguir unha temporada máis na categoría nun ano complicado, ainda que queda disgustada pola imaxe ofrecida ante o conxunto veciño e en xeral durante toda a segunda volta.
0 CD As Pontes. Cristian, Hugo, Juan (Pardo 57´), Chote, Manu, Adrián (Pablo Ramos 62´), Toni, Óscar (Dani 57´), Santi, Cañi, Pablo Domínguez.
3 Racing Vilalbés. Diego López, Dani García, Alex, Xusto, Muíña, Javi Varela (Pablo Vivero 84´), Iago Blanco (Rubén Gómez 65´), Make, Sergio Arias, Gerardo (Iván 77´), Villares.
Goles: 0-1, Villares (52´), 0-2, Gerardo (57´), 0-3, Gerardo (65´).
Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Uns 200 espectadores. Tarde soleada. Partido correspondente á 36ª xornada.
Árbitro: David Iglesias Melón (Vigo). Auxiliado por Lorenzo Álvarez e Mosquera Goce. Amoestou a Juan, Chote, Adri, Dani, Alex, Muíña e Javi Varela.































Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.
—
CLUB DEPORTIVO AS PONTES: RESULTADOS 29-30-ABRIL / 1-MAIO / 2016
Derradeira fin de semana de Abril e tamén primeira de Maio que nos deixa a salvación matemática do CD As Pontes por mor do empate do Sporting B, que salvou ó Coruxo e polo tanto tamén ó As Pontes.
O Cadete queda definitivamente no segundo posto, gaña o Xuvenil e empata o feminino. O Alevín A segue segundo, o Benxamín A celebra o seu título de Liga gañando na Barqueira, e un xenial Prebenxamín A garante quedar terceiro no grupo dos mellores. Tamén está terceiro o Prebenxamín B.
SEGUNDA AUTONÓMICA GALEGA (Ferrol)
CCRD Perlío – CD As Pontes “B” (2-1)
Perdeu o segundo equipo na súa visita ó Perlío (2-1). Comezou adiantándose o cadro de Fene por medio de Xabier Riobo, e o mesmo xogador ampliou o marcador no comezo do segundo. A cinco minutos do final recortou distancias Marcos Novo, pero non houbo tempo para máis e os de Paco López, novenos con 19, posición que garanten, pois Ortigueira, Estrella e Cebarca quedarán por detrás, despedirán a Liga recibindo ó Cariño, cuarto. Xogaron Rafita, Criado, Alex Cabarcos, Darío, Jandro, Totti, Pablo Ramos, Juan, Marcos, Guille e Rubén, saíndo despois Manu, Adrián e Jorge.
LIGA FEMININA F8 (D. Ferrol)
Mandiá CF – CD As Pontes (1-1)
O feminino empatou a un gol na súa visita ó Mandiá, co que son sextas con 57 puntos, e salvo sorpresa, finalizarán a liga nesa posición. Xogaron Paula Baamonde, Yolanda, Uxía, Nuria, Indira, Vicky, Xeila, Paula Castro, Carlota, Yara e Yaiza. As ferrolás adiantáronse no primeiro período por medio de Eva pero foi Xeila de penalti a dez do final, quen facía o 1-1 definitivo. Terceira xornada consecutiva marcando, e cuarto da tempada. Reciben ó perigoso Racing Ferrol, líder e xa campión con 31 triunfos por unha soa derrota.
PRIMEIRA GALEGA XUVENIL (D. Ferrol)
CD As Pontes – Galicia de Mugardos (5-1)
O Xuvenil venceu por 5-1 ó colista Galicia de Mugardos en partido disputado na mañá do domingo no campo principal do Poboado. Terceiros con 45 puntos rematarán a competición visitando ó San Sadurniño, sétimo. Goles de Alberte Ledo (2), David Rey (2), e Casas. Xogaron Lino, Antón, Andrés, Martín, Alex Blanco, Alex Cabarcos, Xose, Ayrton, Jandro, Alberte, Manuel, entrando despois Carlos, Iván, Rey, Iago e Casas.















PRIMEIRA GALEGA CADETE (D. Ferrol)
SD O Val – CD As Pontes (4-4)
O Cadete dixo adeus definitivamente á Liga. Empatou (4-4) por sorpresa na casa do noveno clasificado, O Val, algo lastrado polas baixas dos seus dianteiros Dani e Alberte, que unido á goleada do Portuarios ó Perlío (7-0) dálle a Liga ós ferroláns, pois os arlequinados suman 57 puntos por 54 dos azuis, co goal average a favor, a falta de unha xornada, na que os azuis recibirán ó colista, Galicia de Mugardos, antes de xogar a fase de ascenso coma segundo clasificado. Mateo adiantaba ós azuis, dous tantos consecutivos de Borja dábanlle a volta ó marcador, pero Bruno poñía o 2-2 antes do descanso. Ó pouco do segundo tempo Carlos poñía o 2-3 e Mateo un tranquilizador 2-4, pero dous goles de Adrián, un faltando dez minutos e outro co tempo cumprido, poñían o 4-4 definitivo. Xogaron Mateo Cociña, Alex López, David, Manuel, Bruno, Pani, Carlos, Javi, Mateo, Cazás e Chema, entrando despois Alex Barro, Germán, Diego e Jose.
PRIMEIRA AUTONÓMICA INFANTIL (D. Ferrol)
SRD Ánimas – CD As Pontes (1-0)
O Infantil perdeu 1-0 na súa visita ó Animas, con tanto de Óscar nos últimos minutos, co que finaliza a Liga noveno clasificado con 12 puntos. Xogaron Juan, Nono, Iván, Alex Riobo, Antonio, Xavi, Xan, Xoel Pena, Vicente, Dani, Joan, e despois Eloy e Marcos.
PRIMEIRA CATEGORÍA ALEVÍN (D. Ferrol)
CCRD Perlío – CD As Pontes (2-5)
CD As Pontes “B” (Descansou)
O Alevín A gañou 2-5 na súa visita ó que era terceiro clasificado, Perlío, con tantos de Hugo Blanco, Xose Paz, Alex López, Ismael Freire e un en propia meta, co que apuntala a súa segunda praza con 33 puntos, iso si, lonxe do primeiro, Eume, 37. Reciben ó Narón Freixo, oitavo. Descansou o Alevín B, o que aproveitou o Neda para voltar ó liderado tras gañar ó Ánimas B 0-3. Así teñen 40 puntos, por 39 dos ponteses, iso si, cun partido máis. Os azuis visitan a vindeira xornada a un perigoso Numancia, quinto con 33 puntos.
PRIMEIRA CATEGORÍA BENXAMÍN (D. Ferrol)
UD Cebarca – CD As Pontes (4-5)
CD As Pontes “B” – Meirás CF (3-6)
O Benxamín A venceu 4-5 na Barqueira, ante o Cebarca, nun encontro moi disputado e equilibrado ata o derradeiro minuto. Marcaron Israel Varela, Antón Varela (3) e Anxo Blanco. Xa campións, lideran con 46 puntos, por 40 do Val C, rematando a Liga recibindo ó Perlío, quinto. O Benxamín B, pola súa banda, perdeu na casa por 3-6 co Meirás. Tantos de Diego Lozano e Adrián Díaz (2), que empataron por tres veces o encontro, pero definitivamente venceron os de Valdoviño. Quintos con 25 puntos, rematan a Liga visitando ó CD Narón, cuarto con 36.















PRIMEIRA CATEGORÍA PREBENXAMÍN (D. Ferrol)
CD Narón – CD As Pontes (2-7)
CD As Pontes “B” – Racing San Pedro (7-4)
Xenial o Prebenxamín A, que gañou 2-7 ó quinto, CD Narón. Goles de Xoel Vigo, Paulo Cabaleiro, Nicolás Meizoso (2), Alexander Venancio, Xalo González e Diego Ortigosa. Sitúase terceiro con 35 puntos, a dous do Racing de Ferrol, que visita o Poboado na vindeira e derradeira xornada. Xa garanten a terceira praza como mínimo, pois sacan tres puntos ó cuarto Ánimas, co goal average a favor. O Prebenxamín B venceu por 7-4 ó Racing San Pedro, tantos de Iker Ares (2), Nacho Villasuso (2), Xandre Domínguez (2) e Felipe Riveira. Os ponteses son terceiros con 41 puntos antes de visitar ó Eume B, oitavo.
















Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e A.F.
—
COPA DE FÚTBOL DE VETERANOS DE AS PONTES
Terceira xornada de copa con vitorias de La Galaxia, Mobles Eume, Farmavida e Galiorient
Triunfos pola mínima (3-2) de La Galaxia e Mobles Eume sobre Electricidad J&O e Bar Xardín, e goleadas de Farmavida a MMYPEM por 4-0 e Galiorient sobre A Cepa por 6-4
As Pontes 74 e Mobles Eume, con seis puntos cada un, encabezan a clasificación do grupo A, mentres que Galiorient é líder en solitario no grupo B con 7 puntos, seguido de Santaballés con seis puntos e un partido menos. Seguen sen puntuar nesta fase de grupos Electricidad J&O e A Cepa.
Na cuarta xornada hai que sinalar como encontros máis destacados os que disputarán os dous primeiros de cada grupo, Mobles Eume-As Pontes 74 e Santaballés- Galiorient.
COPA (3ª Xornada) 30-Abril / 1-Maio / 2016
Electricidad J&O – La Galaxia (2-3) Manolo (2) / Sito, Juan e Nené
Mobles Eume – Bar Xardín (3-2) Luis (2) e Iván / Javi e Mieres
MMYPEM – Farmavida (0-4) Pichote, Chente, Óscar e Juanjo
Galiorient – A Cepa (6-4) Tomás (2), Suso (2), Paco e Geluco
Descansaron: As Pontes 74 e Santaballés
COPA (4ª Xornada) 30-Abril / 1-Maio / 2016
Farmavida – A Cepa (Sáb. 7, 20,00 h)
Electricidad J&O – Bar Xardín (Dom. 8, 10:00h)
Mobles Eume – As Pontes 74 (Dom. 8, 11:00 h)
Santaballés – Galiorient (Dom. 8, 12:00 h)
Descansan: La Galaxia e MMYPEM

























Nova cortesía de A.F.
—