CD As Pontes Feminino

INCERTIDUME E PREOCUPACIÓN NOS SOCIOS E AFECCIONADOS DO CD AS PONTES A POUCO DO COMEZO DA PRETEMPORADA

Os socios e afeccionados do equipo pontés, poucos, pero fieis, están a asistir a unhas últimas semanas moi convulsas, dado que as poucas novas que lles chegan en relación ao club son bastante negativas, especialmente a nivel económico.

A pretemporada do primeiro equipo, en principio, debería comezar, coma tódolos anos, a mediados deste mes, pero unha vez rematada a competición, o 15 de maio, coa derrota 1-2 ante o Deportivo B, case dous meses despois, apenas se coñece ningún movemento do CD As Pontes de cara á nova tempada 2016-17.

Só se sabe que Pablo López adestrará ó segundo equipo xuvenil do Deportivo, xunto ao preparador físico Pablo Martínez. Non seguen no club Jorge Nano, que recala no Viveiro, Pablo Domínguez, que ficha polo Laracha, que tamén podería ser o destino de Bossa, e Adrián Martínez xogará no Somozas. Manu Mariña vai para o Somozas B, dado que si se sabe que o As Pontes B non continuará competindo, e o que ata hai uns meses fora xogador azul, David Amado, ficha polo Val; co que no primeiro plantel, a día de hoxe apenas quedarían, que se saiba, 17 xogadores, dos que foron máis ou menos asiduos a campaña pasada.

Tampouco se sabe sobre o futuro do feminino e os nove equipos das categorías de base, pero non obstante, e a pesar do crudo panorama, os fieis seguidores ponteses soñan con recibir nestes próximos días a mellor das novas, que sería a continuidade do seu querido Club.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

O PRESIDENTE DO CD AS PONTES GARANTE A CONTINUIDADE DO CLUB

Nunha conversa mantida, o Presidente do CD As Pontes, Xaime Castro Paz, asegurou con rotundidade que o primeiro equipo competirá na Terceira División. “O equipo vai a participar na Liga, e sen dúbida estaremos no sorteo do calendario, pois, de feito, nós incluso lle solicitamos á federación que si puidera ser posible que os nosos encontros na casa non coincidan cos do Somozas”. Tamén o farán o feminino e os equipos de base. “Faremos tantos equipos coma rapaces teñamos. De feito, o luns temos unha reunión onde se saberá a ciencia certa cantos equipos serán, e agás o equipo B, en principio, estarán todos os do ano pasado”.

Volveuse a amosar moi crítico cos partidos da oposición “A entidade tiña un problema coa asociación de futbolistas. Todo comezou cunha denuncia que ao final quedou en nada pero que nos fixo moito dano, porque conlevou a que se realizaran algunhas auditorías, e se retrasasen as subvencións. O Concello estános a axudar moito neste tema, e agardamos que para a semana que vén xa se conceda a subvención do 2016, e poder comezar a traballar con normalidade. Hai un plan de pagos e a débeda irase solventando co tempo”

Sobre os cartos que, segundo o expediente da interventora, afirma que ten que devolver o equipo de anos anteriores, asegura Xaime que “nós, como club, temos a nosa asesoría xurídica, e imos alegar, así que de momento, o tema das cantidades a aboar, están no aire. Por iso, dende febreiro non se fixo asemblea de socios, porque non hai nada concreto”.

En canto ao plantel, do que ata o día de hoxe marcharon seis xogadores, adestrador e preparador físico, pero que aínda conserva 17 futbolistas da tempada anterior, Castro lamenta que “seremos os últimos en facelo. Teremos que confeccionala máis tarde polos problemas que tivemos, pero farase cando poidamos entre finais de Xullo e principios de Agosto. Cando teñamos os cartos, contactaremos co próximo adestrador e as posibles fichaxes. No mundo do fútbol, nunca se sabe. Houbo un ano que en teoría tiñamos un equipazo e case descendemos, e outros anos, con menos, acabamos quintos e sextos. Sempre hai xogadores dispoñibles e tamén os equipos grandes, coma o FC Barcelona e o Real Madrid, fichan a última hora”.

Por último, agradece que “neste pobo hai moita xente axudándonos”, e a pesar de que o club atravesa un momento delicado, non lle cabe dúbida de que o equipo seguirá competindo con dignidade “Queda un camiño longo e agora só queda traballar arreo”.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

ACTUACIÓN DE BORJA PRIETO NO CAMPIONATO DE ESPAÑA

O piraguista pontés Borja Prieto Valera disputou esta fin de semana os Campionatos de España de Verán, no embalse de Trasona, lugar moi próximo á sede do seu equipo, o Real Grupo de Cultura Covadonga.

Comezaba o venres no K1 500, no que era quinto na súa semifinal, e logo na final B acababa na segunda posición, só por detrás de Diego Dacosta, do Ría de Aldán. Na final A venceu Roi Rodríguez, por diante de Albert Martí e Gabriel Campo.

Xa o sábado, no K4 1000, en compaña do olímpico Javier Hernanz, do pormetedor Juan Oriyes e de Daniel García, eran primeiros na súa semifinal, regata de moito nivel, pois segundo e terceiro eran os dous Tudenses, que posteriormente levaron ouro e prata na final. Gañaron Rubén Millán, Roberto Rodríguez, e os recentes Campións de Europa de Maratón Diego Piña e Iván Alonso, 3:01:24. Plata para Roi Rodríguez, Víctor Rodríguez, Aarón Diéguez e Gabriel Hernández, 3:01:48 e gran bronce para o Covadonga de Borja, 3:02:19.

En K4 500, pero neste caso, Hernanz, Oriyés, Prieto, acompañados de Miguel Gallo, foron quintos na contrareloxo, e logo quedaron a un palmo da final ó ser cuartos na súa regata semifinal, na que pasaron Vilaboa, Oviedo e Iuxtanam Monteoro. Na final B foron segundos, só superados polo RCN Palma. Na final A impuxéronse os Delfines de Ceuta, por diante de Tudense e Ría de Betanzos.

Na contrareloxo do K2 200 foi undécimo, na compaña de Daniel García, e xa o domingo foron sétimos na súa semifinal, gañando con solvencia na Final C. Na Final A impúxose Durius Tecozam, liderado polo gran Carlos Garrote, segundo o Fluvial de Lugo do olímpico Cristian Toro e terceiro Villaralbo.

A derradeira proba na que participou foi o K4 200, con Gallo, García e Adrián Fernández. Clasificaron sendo terceiros na súa semifinal, acabando a final na novena posición, nunha proba gañada polos Delfines de Ceuta, seguidos de RCN Palma e Fluvial de Lugo.

covadonga_1

covadonga_2

Nova cortesía de Xose Ferreiro

MARATÓN DE FÚTBOL SALA FESTA DO CARME E A FRAGA 2016

Esta fin de semana disputouse en As Pontes o tradicional torneo de verán de fútbol sala “Maratón Festas do Carme e A Fraga 2016”.

No evento deportivo, organizado polo Esteo FS, equipo da Segunda División B, en colaboración do concello de As Pontes, participaron un total de 31 equipos, 21 masculinos, seis na categoría de veteranos e catro femininos.

Na categoría masculina, tras sete grupos de tres equipos, oitavos e cuartos de final, chegábase ás semifinais na que o Mobles Eume venceu por 4-2 a Cervecería Las Gaunas, mentres que Construcciones Lourido gañaba por 6-1 a Bar Calvo. Na final, o equipo de Miño, Costrucciones Lourido, venceu con solvencia por 3-0 a Mobles Eume.

Curiosamente o partido no que máis sufriron os campións no torneo foi nos cuartos de final, onde se impuxeron na quenda de penaltis ó Café Bar A Fervenza.

Jesús Lourido, do equipo campión, foi elixido mellor porteiro do torneo de veteranos, mentres que o premio de mellor xogador recaeu en Christian, de Mobles Eume.

Nas semifinais femininas, Os Tonechos (curioso nome o das xogadoras de Cariño, Ferrol e As Pontes) goleaban a Las Amigas Caminantes (6-0), mentres que Toca e Vaite facía o mesmo con Las Fenómenas Óptica Baamonde (4-1). Nunha final moi igualada, Os Tonechos, equipo no que militaba Malena, ademais das ex do As Pontes Mireia e Noelia e varias xogadoras do equipo de Segunda División Friol, vencía con apuros por 4-3 a Toca e Vaite, conxunto de Lugo.

A porteira pontesa era elixida mellor porteira do evento e mellor xogadora a media punta cariñesa, María Corral, recentemente fichada polo novo Deportivo da Coruña.

Por último, nas semifinais de veteranos, Os Marufos vencía a Electricidad Javier y Óscar na quenda de penaltis tras finalizar o partido con empate a cero goles. Máis folgadamente o facía Mobles Eume ante Bar Xardín (4-1), resultado que repetiu na final o equipo pontés ante Os Marufos, que só presentou a cinco xogadores e acabou no segundo posto, sendo o seu xogador Igor Fernández nomeado mellor porteiro do torneo, mentres que Jorge Cela, do equipo campión, foi premiado como mellor xogador.

Ó remate do torneo entregáronse trofeos ós catro primeiros clasificados e ó mellor porteiro e xogador de cada categoría. Salientar a boa climatoloxía durante os tres días do torneo e a gran afluencia de público, en especial na tarde do domingo, cando se disputaron as finais, antes do interesante Portugal-Francia da Eurocopa 2016, que logrou por primeira vez o país veciño, ó que dende aquí enviamos os parabéns polo título acadado.

Nova de Xosé A. Ferreiro e A.F.

Esta entrada foi publicada en Novas equipo masculino C.D. As Pontes. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: