CD As Pontes Feminino

MIGUEL ALVARIÑO ALCANZA A SEGUNDA ROLDA NAS TIRADAS INDIVIDUAIS EN RÍO

Miguel Alvariño era o primeiro representante español en entrar hoxe en acción nas roldas individuais.

Competía contra o xove francés Lucas Daniel, prometedor arqueiro, que aínda non chega ó nivel do Campión de Eruopa, Valladont, ou o experimentado Plihon, pero que xa apunta maneiras.

Venceu Miguel 6-0 cun tanteo de 26-23, 29-28 e 29-27 nesta rolda de trintaedousavos e avanzou cara ós dezaseisavos de final.

Nesta manga enfrontábase ao fenómeno coreano Lee Sengyun, Campión Mundial 2013 con só 18 anos e recente gañador do ouro olímpico por equipos este sábado, xunto aos seus compañeiros Ku Bonchan e Kim Woojin.

Este último viu onte, como, a pesar de bater o Récord do Mundo o venres cun total de 700 puntos, perdía contra o indonesio Riau Ega Agatha e quedaba apeado da loita polos metais na segunda eliminatoria, manga na que tamén caeu o campión en Pekín 2008, o ucraino Viktor Ruban.

No enfrontamento de Miguel co coreano, venceu con contundencia Lee por 7-1, con parciais de 28-27, 29-23, 29-29 e 28-27. En principio, enfrontarase en oitavos de final co indio Atanu Das ou o mexicano Ernesto Boardman.

Na xornada de mañá entran en competición os outros tres representantes españois, Yiyo, Juan Ignacio e Adriana, en complicados duelos contra Hao Wen, Nor Hasrin e Chien Ying, respectivamente.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

VITORIA DE HOLANDA EN RÍO

Caeu 5-1 nos oitavos de final dos Xogos Olímpicos a selección española de Miguel Alvariño, contra a gran selección holandesa, que tomou ventaxa no marcador e logo estivo intratable.

Comezaban gañando os neerlandeses 4-0, tras poñerse 57-54 e 57-52, moi seguros nos seus lanzamentos.

No terceiro set, seguía Holanda por diante, pero o gran arqueiro Van der Ven fixo un sorprendente cinco, co que si o outro talentoso do equipo, Van den berg, que perdeu con Miguel na final de Bakú, tiña que facer un dez para igualar o set.

E coma os grandes, así o fixo, rematando o terceiro set 52-52, co conseguinte 5-1 definitivo. Na proba por equipos non é necesario chegar a 6 ou 7 puntos coma na individual, con 5 son suficientes para o triunfo.

Coma queira que Malasia perdeu 2-6 con Francia, polo mesmo tanteo Brasil ante China, e Taipei ante Indonesia, España finaliza na duodécima praza.

Cuartos de Final, Corea-Holanda, EEUU-Indonesia, Italia-China e Australia-Francia.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

ACTUACIÓN DE MIGUEL ALVARIÑO EN RÍO 2016

Esta mañá en Río, mediodía-tarde en As Pontes, entrou en competición Miguel Alvariño, antes da cerimonia de inauguración.

Nas 72 tiradas eliminatorias acabou na 44ª posición, tivo un nulo, con 651 puntos. Algo mellor lle foi a Yiyo Fernández, 35º con 657 puntos, e sobre todo un impresionante Juan Ignacio Rodríguez, décimo con 678 puntos.

E que dicir da actuación do coreano Kim Woojin, que bateu o Récord do Mundo, con 700 puntos, sobre 720 posibles, deixando incluso nun segundo plano os 690 puntos do gran Brady Ellison.

Así as cousas, nos trintaedousavos de final, Juan Ignacio enfrontarase ao malayo Nor Hasrin (55), Yiyo, ao representante de Taipei, Hao Wen (30). No caso de Miguel, cruzarase co francés Lucas Daniel (21).

Por equipos, pasaron directamente a Cuartos de Final, Corea (1), EEUU (2), Italia (3) e Australia (4).

As outras catro prazas sairán do duelo Francia (5) – Malasia (12), China (6) – Brasil (11), Taipei (7) – Indonesia (10) e Holanda (9) – España (8). O vencedor deste duelo enfrontarase aos coreanos na seguinte rolda.

Gran equipo o holandés, cos dous fenómenos, Van der Ven (27) e Van den Berg (4), o home que perdeu a final de Bakú con Alvariño, e completa o trío Mitch Dielemans, que hoxe non tivo o seu día e acabou 58º.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

MIGUEL ALVARIÑO XA ESTÁ EN RIO

O arqueiro pontés Miguel Alvariño García xa leva varios días en Río, e de feito será o primeiro galego en debutar. Farao mañá xunto ós seus compañieros Antonio Fernández “Yiyo”, Juan Ignacio Rodríguez e Adriana Martín.

Sesenta e catro arqueiros tomarán parte na tirada individual que definirá os postos para competir nos cruces eliminatorios de trintaedousavos de final.

Son grandes favoritos os tres coreanos, Woojin, Bonchan, Seungyun, o estadounidense Brady Ellison, e nunha segunda liña estarían os seus tamén compatriotas Kaminski e Garrett, o francés, recente campión Europeo, Valladont, o tamén galo Plihon, os holandeses Van der Ven e Van Den Berg, o italiano Nespoli, o chino Xing Yu, o xaponés Furukawa, Chun-Heng, de Taiwán, ou o campión olímpico de 2008, o ucraino Viktor Ruban.

Non hai que perder de vista a xoves prometedores, especialmente o brasileño D´Almeida, o turco Gazoz, o belga Ramaekers e o británico Huston.

Por suposto, Maikel tamén está no elenco de candidatos. A gran criba olímpica conlevou a que equipazos coma Xapón, Alemaña, México, Rusia, India, Corea do Norte, Bielorrusia, Polonia, Turquía, Ucraina, Dinamarca, Colombia, Bélxica ou Xeorxia quedaran fóra, así que xa de por si hai que valorar o feito de estar entre os 12 conxuntos clasificados.

Corea do Sur, EEUU e China son os grandes favoritos e haberá que estar atentos a Italia, Holanda e Francia. Terán as súas posibilidades Australia, China Taipei, Indonesia, Malasia, España e o anfitrión Brasil.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

O CD AS PONTES CONSIGUE O PASE ÓS OITAVOS DE FINAL DA COPA DEPUTACIÓN

O As Pontes conseguiu o pase á seguinte rolda da Copa Deputación da Coruña trala contundente vitoria onte en Frades ante o Abellá por 1-4, na rolda de dezaseisavos de final.

O equipo local xoga na Primeira Rexional, pero para alcanzar esta rolda tivo que superar a un clásico coma o Sporting Sada.

Aliñou Marco Roca a Paco na portería, e Criado, Buyo, David González e Jorge Callón na defensa. Este último é novidade do equipo, central-lateral de 22 anos procedente do Silva, que na súa xuventude pasou polas categorías inferiores do Deportivo e da selección galega.

No medio xogaron Pablo Rubio, Pablo Ramos, Álvaro Rey, Samu e arriba Casas e Marcote. No segundo tempo entraron Alex Cabarcos, Jandro, Tara e De Magalhaes, que está a proba.

Anotou Samu ó pouco de comezar, pero pornto empatou o equipo de casa cun tanto de falta. Pablo Ramos, Alex Cabarcos (o ex xuvenil da Capela, non confundir co ex canteirán e ex da selección galega sub18 do mesmo nome que agora milita no Vilalbés), e Álvaro Rey sobre o final poñían o 1-4 definitivo.

O As Pontes enfrontarase nos oitavos de final ao Miño, da mesma categoría que o rival de hoxe, en Gallamonde, este domingo. O vencedor cruzarase en cuartos co gañador da eliminatoria entre o Galicia de Mugardos e o Deportivo B.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

O CD AS PONTES ABRE O PRAZO PARA A INSCRIPCIÓN NAS CATEGORÍAS DE BASE

Hoxe soubose que o CD As Pontes abriu o prazo de inscripción para as súas categorías de base.

Os rapaces interesados poderán apuntarse dos días 8 ó 31 de Agosto, no Campo do Poboado. Estarán abertas as oficinas luns, martes, xoves e venres de 20:00 a 22:00.

Tamén se poden inscribirse chamando ós teléfonos, de Suso (616523779), ou Carballo (662068666)

Asimesmo prégase ós xogadores de tempadas anteriores, que confirmen a súa continuidade.

As categorías serán:
Xuvenil (1998-1999-2000)
Cadete (2001-2002)
Infantil (2003-2004)
Alevín (2005-2006)
Benxamín (2007-2008)
Prebenxamín (2009-2010)
Biberón (2011-2012)

Nova cortesía de Xose Ferreiro

PRAZO DE INSCRICIÓN NAS CATEGORÍAS DE BASE DE O ESTEO FS

As categorías de base do clube pontés de fútbol sala do Esteo comezarán a andar este 5 de Setembro.

Os nenos e nenas ponteses que queiran xogar a fútbol sala poderanse apuntar do 8 ó 31 de Agosto na tenda Lecar 712. Tamén poden chamar ó teléfono 679 37 14 72.

Para este xoves 11 de Agosto tamén está prevista unha reunión no Pavillón Municipal cos pais dos xogadores as 20:30.

As categorías son:
Biberóns (2011-2012)
Prebenxamín (2009-2010)
Benxamín (2007-08)
Alevín (2005-2006)
Infantil (2003-2004)
Cadete (2001-2002)
Xuvenil (1998-1999-2000)

Nova cortesía de Xose Ferreiro

COPA DEPUTACIÓN DE A CORUÑA. AD MIÑO 1 (2) – CD AS PONTES 1 (4)

Impúxose con moito sufrimento o As Pontes na tarde de onte ó Miño, equipo da Primeira Autonómica, que igualou o partido no último supiro, na quenda de penaltis, cun Paco Fernández, que estivo salvador. Un equipo local no que había un vello coñecido, o pontés Borja Pereira, que saiu no segundo tempo.

E iso que os ponteses puideron adiantarse no primeiro minuto, nun disparo de Pardo, que saca coa man o porteiro, e o rexeite mandao Álvaro por riba.

Faltando un cuarto de hora para o descanso, Pardo fai un eslalon de banda esquerda á dereita, no que regatea a cantos rivais lle saen ó paso, pero o seu remate vai ó corpo do gardamallas (30´).

Tras unha falta na banda esquerda, o lateral esquerdo David Buyo, fillo do mítico ex porteiro madridista, case marca dun potente disparo, que salva in extremis Óscar, pero está coa caña preparada un listo Rubén Pardo para facer o 0-1 (35´).

Aínda así, a piques estivo de levarse un susto o As Pontes pois nunha arriscadísima cesión de David Prieto case marca Fornos, que o tiña todo de cara, pero salvou Paco (40´).
A uns últimos minutos do primeiro tempo de domino local seguiulle un segundo período no que o Miño estivo case todo o tempo na área pontesa, con máis físico, e aínda así tivo perigosas contras o equipo hoxe de negro, como unha de Álvaro ou dúas de Pardo que non se chegaron a concretar satisfactoriamente.

Polos locais, Dani de cabeza a piques está de empatar no 69´. Nun mal despexe de Edi, quedou só Fornos, e voltou a intervir Paco (71´).

Moi ben o xogador, fillo de Juan Recemel, no centro da defensa, ensinándolles continuamente ós máis cativos, que hoxe eran moitos, toda a súa experiencia.

Canto máis pasaban os minutos máis sufría o As Pontes, que notaba o calor, as moitas novidades, e os poucos días de pretemporada, e nunha xogada que se lle van por banda a Buyo, volve estar atento ó quite Paco (75´).

Foi noutra falta rigurosa, das moitas que sinalou o colexiado na segunda parte contra o As Pontes, que quedaron tres xogadores locais sós entrando polo segundo pau, cousa que aproveitou Pablo para marcar con suspense de vaselina no último segundo ante a saída do gardamallas ferrolán.

Rematou aí o partido, e houbo que recorrer á quenda de penaltis, que comezaba mal para os azuis co fallo de Edi ante a parada de Óscar, pero Paco estivo inmenso con intervencións nos dous primeiros lanzamentos do Miño, que so puideron marcar o terceiro e o cuarto, pero polo As Pontes anotaron Buyo, Tara, Álvaro Rey, Pablo Rubio e quedou resolta a eliminatoria co 2-4.

O As Pontes, que vencera 1-4 ó Abellá na eliminatoria anterior, xogará os cuartos de final en Abegondo ante o Deportivo B, aínda que por clasificación da tempada anterior correspondería xogar no Poboado.

AD Miño: Óscar, Arume (Dani Ramos 45´), Ramón, Fornos, Pablo Filgueiras, Botana (Borja Pereira 73´), Pedro (Samuel 45´), Alex López, Virutas, Marcos, Pablo Balado.

CD As Pontes. Paco Fernández, Criado, Buyo, Edi, David Prieto (Alex Cabarcos 45´), Pablo Rubio, Marcote (Jandro 91´), Álvaro Rey, Rubén Pardo (Josiño 92´), David González (Tara 35´), Miguel Casas.

Goles: 0-1, Rubén Pardo (35´). 1-1, Pablo (94´).

Penaltis: Edi, para porteiro. Ramón, para Paco. 0-1, Buyo. Alex, para Paco. 0-2, Tara. 1-2, Samuel. 1-3, Álvaro Rey. 2-3, Fornos. 2-4 Pablo Rubio.

Árbitro: Martín Zakaryan, auxiliado por Tomás Lorenzo e Roberto Díaz. Amoestou a Ramón e Virutas polos locais, e a Buyo, Pardo, Edi e Miguel polos azuis.

Campo e Incidencias: Campo Municipal de Gallamonde. Unhas 200 persoas en tarde moi soleada.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Esta entrada foi publicada en Outros deportes en As POntes. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A <span>%d</span> blogueros les gusta esto: