CD As Pontes Feminino

O ESTEO TERÁ EQUIPO XUVENIL NESTA 2016-17

O equipo xuvenil do Esteo pontés de Fútbol Sala participará na Liga Provincial de Lugo esta campaña 2016-17.

Faino tras un ano de ausencia, e despois de militar na División de Honra da categoría na tempada 2014-15.

Estarán dirixidos por Diego Paz, que fora adestrador do primeiro equipo.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

ESTE MARTES PRESENTARONSE AS FICHAXES DO ESTEO FS

Este martes á tarde presentaronse oficialmente as fichaxes do equipo pontés de fútbol sala do Esteo.

Como xogadores, retorna Rober Paz, trala súa estancia no Troula, e chegan do Cidade de Narón os pívots, o experimentado Jaco, e o xove Alex Garea.

Nun día no que coincidiron no adestramento o primeiro equipo e o xuvenil non puideron estar presentes dous xogadores que repiten do ano pasado coma Héctor e Púas, pero si Javichu, Iván, Ayala, Gerardo e Alberto Carro, que chegara no último tramo da temporada.

O adestrador cambia con respecto á campaña pasada, e será Javi Saa o sustituto de Suso Rey, faceta que compaxinará coa de director da base. Estará acompañado polo preparador físico Fran Feal, que tamén será o adestrador de todos os porteiros do clube.

O acto contou coa presencia do presidente do clube Fran Fernández e o mítico Rosendo.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

COPA FEDERACIÓN. CD AS PONTES 1 (4) – SD COMPOSTELA 1 (2)

O As Pontes pasou á seguinte rolda da Copa Federación tras gañar nos penaltis á histórica SD Compostela, equipo que militara catro temporadas na Primeira División.

Adiantouse pronto o equipo santiagués, xa que nunha indecisión da zaga local estivo listo Alex Ubeira, que se prantou ante Rafa e bateuno de tiro cruzado (15´), o ex do Celta Xuvenil, internacional español sub16.

O conxunto visitante era o que levaba máis perigo, e Rafa chega antes que Nogueira que se atopaba desmarcado (32´), e Juanín remacha un centro por alto (36´).

Desmelenouse o equipo azul nos últimos minutos do primeiro tempo, e xurdiu a mellor xogada, un gran pase en profundidade de Marcote a Álvaro Rey, na que o xogador de Cabanas regatea a Manu Cedrón, pero xa algo forzado remata por alto (37´). Logo, un bo tiro de Miguel Casas (43´) é atallado polo gardameta.

Entremedias, un tanto de Taboada é anulado por fora de xogo (41´). A reanudación do encontro tralo descanso marcaba a mesma tónica do comezo do encontro, co dominio santiagués.

Así, un centro de banda esquerda de Mon, case o cabecea a gol Ubeira (50´), e o perigoso medio centro vigués tivo a sentenza nos seus pes. Froito das saídas tan arriscadas xogando co balón dende atrás do conxunto pontés, Ube roubou a pelota ó arqueiro, pero estivo atentísimo ó quite, David Prieto, sobresaínte unha vez máis, e salvou o 0-2 (68´).

Din que o que perdoa acaba pagando e así foi. Cristian perde un balón na área santiaguesa, pero pelexao e recupera, centra, e o árbitro entende que un xogador local é derribado por un zagueiro antes de rematar e sinala penalti. O propio xogador coruñés lanzao e establece o 1-1 (73´).

Os últimos minutos foron de asedio do cadro dirixido por Iago Iglesias, e o ex xogador local, o lucense Santi, tivo ata tres ocasións nas súas botas que salvou Rafa, a máis clara, unha acción na que se pranta só ante o porteiro, tira, e este desvía o balón ó longueiro (83´).

Aguantou como puido o conxunto local, que acabou o encontro con ata nove xogadores que non superaban a vintena, e alcanzou os penaltis.

Nos lanzamentos dende os once metros estivo máis atinado o equipo de Marco Roca, que anotou os catro, mentres que os disparos de Taboada e Make, o ex do Vilalbés, eran detidos por Rafa.

O As Pontes enfrontarase en cuartos co Cerceda, pero agora debe centrarse na Liga, que é a competición realmente importante, e tentar sumar na visita ó ascendido Castro este domingo.

CD As Pontes. Rafa, Sergio, Buyo, Prieto, Jandro (Unai 54´), Rubio, Miguel, Alex, Marcote (Cristian 54´), Álvaro, Samu (Andrés Pita 65´).

SD Compostela. Manu, Saro, Mon, Ander, Taboada, Ube, Rubén, Alberto (Make 65´), Nogueira (Santi 59´), Julián, Juanín (Rey 69´).

Goles: 0-1, Ubeira (15), 1-1, Cristian, de penalti (73´).

Penaltis: 0-1, Ubeira. 1-1, Buyo. Taboada, para Rafa. 2-1, Álvaro. 2-2, Mon. 3-2, Prieto. Make, para Rafa. 4-2, Cristian.

Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Uns 150 espectadores en tarde soleada.

Árbitro: Víctor García Villaverde (Ferrol). Auxiliado nas bandas por Bejarano Estepa e Miño Pico. Amoestou a Nogueira e Manu.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 0 – ALONDRAS CF 0

Valioso empate do rexuvenecido conxunto pontés ante un dos gallitos da categoría, o Alondras, xogando cun menos a última media hora, e coa lesión do seu capitán Edi.

Nos primeiros compases as ocasións corresponderon ós visitantes, que parecía que ían a dominar o encontro con claridade.

O perigo creouno Tubo, i é que o ex xogador de Pontevedra e Boiro amosou no Poboado a súa categoría, nun remate de cabeza que sae desviado (5´), un forte disparo (9´), e un centro dende banda dereita que a boca de xarro chuta Andrés lamendo o poste (13´).

Pero o As Pontes recompuxose e tamén tivo as súas opcións, equilibrando a balanza antes do descanso. Criado lanzou un forte disparo ós puños de Lorenzo (19´), e despois é Pardo, quen dentro da área, manda o balón por riba do longueiro (26´).

Antes do descanso, lesión que non semella de gravidade do capitán do equipo local Edi, sustituido polo ex xuvenil, Alex Cabarcos, de A Capela. Non confundir co ex pontés lateral esquerdo que actualmente milita no Vilalbés.

Contratempo para un conxunto local que a pouco do comezo do segundo tamén perdeu ao seu medio centro Pablo Rubio tras rigorosa expulsión (59´), con saque de falta a favor dos locais, non se sabe si por pérda de tempo ou por protestar.

Antes, nunha boa combinación entre Cristian e Pardo, chega Lorenzo antes de que Marcote remate de cabeza (48´).

O feito de xogar cun menos non amilanou ós ponteses que tiveron os seus bos minutos mediado o segundo período. Nun balón que queda morto ó borde da área, Cristian mandaa por alto (68´).

Posteriormente é Pardo quen salva ó defensa cun control longo no que Lorenzo se trastabilla e o balón pasease pola portería visitante (73´). Nun xogadón de Buyo por banda esquerda, centra e remata de primeiras o xogador de Ortigueira, o peleón Pardo, e o balón marcha por alto (77´).

Certo é que entremedias os visitantes puideron adiantarse nunha xogada na que aparece só por banda esquerda Joni, dispara, despexa como pode Paco, e na disputa polo balón marca o ex Campión Mundial Sub20, Pablo Couñago, entendendo o colexiado que en falta a Callón (71´).

Os últimos minutos si que foron de asedio do cadro de Cangas. Paco chega antes que Yoni nunha escapada do habilidoso extremo (83´), e a máis clara chegou nun pase en profundidade a Alex, que se pranta ante Paco, e xusto cando o vai a regatear, o meta ferrolán fai unha estirada fabulosa e salva o partido (86´).

O conxunto local aguantou como puido as embestidas nos últimos minutos, xenial a parella de centrais, Prieto e Callón, e o As Pontes salvou un milagreiro punto, antes de enfrontarse ó ascendido Castro, do ex pontés Iván González. Entremedias, o mércores recibirán ó Compostela en partido de Copa Federación.

Ponteses e cangueses suman o seu primeiro empate en O Poboado dende o seu reencontro na Terceira. Anteriormente tres vitorias para cada un, a destacar un 4-0 na 2012-13, e un 6-0 a 2013-14, ademáis dun 1-2 a campaña pasada.

No total de enfrontamentos, sete victorias locais, oito empates e seis triunfos visitantes.

0 CD AS PONTES. Paco, Criado, Buyo, Prieto, Callón, Pablo Rubio, Cristian (Josiño 87´), Marcote (Álvaro Rey 52´), Pardo, Edi (Alex Cabarcos 37´), Samu.

0 ALONDRAS CF. Lorenzo, Castilla (Iván 80´), Rubén, Fiuza, Agujetas, Abel (Víctor 62´), Tubo, Alex, Andrés (Pablo Couñago 66´), Fondevila, Joni.
Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Uns 150 espectadores en tarde soleada.

Árbitro: Joaquín Ventoso Noal (Santiago). Auxiliado nas bandas por Maldonado González e Hernández Giadáns. Amarelas a Pardo, Alex Cabarcos, Fiuza e Pablo Couñago. Expulsou por dobre cartón a Pablo Rubio (59´).

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

O ESTEO COMEZOU ESTA SEMANA A SÚA PRETEMPORADA

O equipo pontés de Fútbol Sala de O Esteo comezou este mércores os entrenos para preparar a campaña 2016-17.

Estarán dirixidos por Javier López Franco, Javi Saa, que tamén será o director da base, e polo preparador físico Fran Feal, porteiro de dilatada traxectoria, que precisamente será o preparador de todos os gardamallas do clube.

Javi Saa xa adestrara ó Esteo, en 2005-06, e na 2008-09. En ambos caso o equipo rematara cuarto na Primeira Nacional B.

Estarán adestrando estes días 16 xogadores. Do ano pasado, os porteiros Javichu e Iván, os xogadores de pista Gerardo, Púas, Ayala e Héctor, ademáis das fichaxes, Rober Paz, que regresa ó clube, e os pívots procedentes do Cidade de Narón, Alex Garea e o experimentado Jaco. Farán a pretemporada os xuvenís Román, Jandro, Pedro e Pablo. E estarán a proba Diego Pellón, Dani López e Alberto Carro.

Este ano O Esteo non terá 16 rivais na categoría, senón 14, polo que serán dúas, e non tres, en principio, as prazas de descenso, que é obxectivo polo que loitará o clube, o de manterse nesta categoría por cuarta tempada consecutiva.

O Mosteiro de Bembrive de Vigo inscribiuse na Terceira División galega, e o Guadalajara, que en principio ía a xogar cos ponteses, pasou a outro grupo por reestruturación.

Serán rivais os galegos Noia, Pizarras Tres Cuñados, Ventorrillo, Leis Pontevedra, Xove, os casteláns leoneses Universidad de Valladolid, Albense, Cuéllar, Guardo, Atlético Benavente, e o asturián Boal. Todos repiten do ano pasado.

Son novos neste grupo primeiro da Segunda División B o San José de Salamanca, que ascendeu, e o Zamora, que descendeu de categoría.

Os ponteses comezarán a Liga recibindo ó Guardo no Pavillón da Fraga o día 1 de Outubro. Entremedias, os ponteses xogarán tres encontros de preparación.

Xogan co Stellae (3), en partido correspondente á Copa Deputación, e xa na casa, co Cidade de Narón (7).

Para o día 24, unha semana antes do debut na Liga, visitará As Pontes o Burela, equipo de Primeira División, dirixido polo mito do fútbol sala, Daniel Ibañes, Campión Mundial e catro veces Campión de Europa coa selección española.

Precisamente o cadro burelés e o resto de equipos de Primeira non comezarán a Liga ata mediados de Outubro pola participación de España no oitavo Mundial que se xogará en Colombia en Setembro.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

O EQUIPO FEMININO DO CD AS PONTES COMEZA OS ADESTRAMENTOS

O equipo feminino do CD As Pontes comezou hai uns días a preparación da tempada 2016-17, na Liga Comarcal de fútbol 8.

Fanno tras gañar hai apenas un par de meses a Copa Afaco, o segundo título do equipo trala Liga de Ferrol 2010, na que será a novena tempada do fútbol feminino pontés.

Estes días, unha decena, ducia, de rapazas, que serán algunhas máis cando comece a Liga, adestran nos Campos de O Poboado. Dado que Pita este ano non dirixirá o equipo por motivos persoais, están á espera dun adestrador. Preparanse estes días pola súa conta, coa axuda do propio Pita, e tamén doutros adestradores de base.

A Liga desta tempada voltará a ter 18 equipos, pero nesta ocasión estréase o Eume Deportivo, en detrimento do CD Narón, que non participará.

O resto, os do ano pasado, EFR Ferrol, Cultural Maniños, O Val B, San Sadurniño, Rápido de neda, Cariño, Cedeira, Mandiá, Galicia de Mugardos, Ortigueira, Galicia de Caranza, Perlío, Santa Mariña, Amistade de Meirás, Cebarca e A Capela.

O equipo azul debutará o primeiro fin de semana de Setembro visitando ó complicado San Sadurniño e no seguinte recibe ó Cebarca.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

O EQUIPO XUVENIL DO CD AS PONTES COMEZA OS ADESTRAMENTOS

O equipo xuvenil do CD As Pontes leva unha semana de preparación do que será a campaña 2016-17.

Ás ordes de Felipe Mieres e de Cascudo, apenas pouco máis dunha decena de rapaces están á súa disposición estes días no Campo Anexo do Poboado.

A súa primeira competición será a Copa de Ferrol, estando encadrados no grupo A con CD Narón B, O Val B, Numancia de Ares, Meirás, Cedeira, Ortigueira, Cariño, San Sadurniño e Ensanche.

No Grupo B están Eume Deportivo, Galicia de Caranza B, Portuarios, CD Narón A, Galicia de Mugardos, Perlío, Rápido de Neda, Cultural Maniños, Miño, Amistade de Meirás e O Freixo.

Despois da Copa xogarase a Liga na que será una tempada moi longa para o equipo polo que cantos máis rapaces se apunten, máis levadeira será.

O primeiro rival será o complicado Numancia, en Prados Vellos, nas terras do gran Marcelino, o día 18, dado que o grupo A ten un equipo menos, polo que aínda quedan tres semanas por diante para encarar o inicio.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

O EQUIPO CADETE COMEZA OS ADESTRAMENTOS

Dende a semana pasada están adestrando sobre unha quincena de rapaces pertencentes ó equipo Cadete dirixido polo xogador de Ortigueira do primeiro equipo pontés, Rubén Pardo.

O equipo azul debuta xa esta fin de semana debido a que ata un total de 24 equipos participarán nesta campaña na Copa de Ferrol.

No grupo A están Narón A, O Val, Portuarios, Ánimas, Numancia de Ares, Cedeira, Cultural Maniños, Cariño, San Sadurniño, Amistade de Meirás, Racing San Pedro e O Freixo.

O As Pontes estará no Grupo B, con Eume Deportivo, Narón B, Galicia de Caranza B, Portuarios B, Meirás, Perlío, Galicia de Mugardos, Ortigueira, Rápido de Neda, Miño e Amistade de Meirás B.

O equipo azul recibe ó Perlío no debut esta fin de semana, e a seguinte desprázase na sempre complicada visita a Pontedeume.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

AS PONTES DESFRUTOU COA VUELTA CICLISTA A ESPAÑA

Máis de vinte anos despois volveu a desfrutar As Pontes da mellor proba ciclista que se disputa en España, nun día solleiro e de moito calor.

Á hora prevista (14,40) pasaron os ciclistas e a numerosa caravana que os acompaña pola praza do Hospital pontesa, que se atopaba ateigada de público, o mesmo que no Monte Caxado e antes en Goente e na Casilla.

Nunha das seis que se disputan en Galicia, a etapa deste martes 23 arrancou en Betanzos e acabou no emblemático lugar da Vixía de Herbeira, entre os concellos de Cedeira e Cariño, pasando por ata doce municipios das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, entre eles o pontés.

O pelotón, no seu percorrido polas rúas pontesas, transitou pola Casilla, Avenida das Veigas, Rego do Muíño, Avenida de Galicia, Praza do Hospital, Avenida de Castelao, Avenida de Ortigueira, Avenida das Campeiras para a continuación pasar polo Alto do Caxado antes de avanzar ata a Ortigueira.

Na meta do Mirador Vixía de Herbeira impúxose o francés Lilian Calmejane do equipo Direct Energie, e o colombiano Darwin Atapuma (BMC) situouse de líder por diante de Alejandro Valverde e Chris Froome. Hoxe mércores a etapa sae da cidade de Viveiro para rematar en Lugo.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

HOXE REMATOU O CAMPAMENTO NÁUTICO INFANTIL “LAGO DE AS PONTES”

Ó mediodía de hoxe 24 de agosto finalizou o campamento náutico no que participaron uns 25 nenos e nenas vidos de diversas localidades galegas, de Asturias e incluso un neno ruso.

Esta experiencia, que agradou ós participantes e organizadores, iniciouse o pasado 16 de agosto. Estivo organizado pola entidade FYOMA de formación e ocio, en colaboración coa concellería de Turismo do concello de As Pontes e os clubs Folixa, Vela Fluvial e Xuvenil de Piragüismo.

Durante unha semana o campamento estivo localizado nas instalacións deportivas do Poboado en tendas de campaña cedidas polo Tercio Norte de Infantería de Marina.

Contou con catro monitores de tempo libre (Kevin, Alba, Noemi e Cristina) en unha bióloga, Andrea Rey Varela, que impartiu clases de bioloxía ós nenos e nenas.

No lago, onde antes foi a mina de carbón, os participantes iniciáronse en varias modalidades náuticas, como vela lixeira, windsurf, piragüismo e paddleboard.

Nova cortesía de A.F.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Novas equipo masculino C.D. As Pontes. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: