—
O ESTEO FUTBOL SALA
O Esteo disputa este domingo a semifinal da Copa Deputación da Coruña enfrontándose ó Parrulo no pavillón da Fraga.
O encontro comezará ás seis do serán (18,00 h), horario no que tamén se iniciará o partido de 3ª División de fútbol entre o CD As Pontes e o Racing Vilalbés.
O Esteo eliminou na primeira rolda ó Stellae de Padrón (0-5) e este mércores deu a sorpresa ó vencer ó Cidade de Narón -equipo de segunda división- na quenda dos penaltis (3-2), xa que o choque disputado no pavillón da Fraga finalizou con empate a catro goles.
Pola súa banda o Parrulo de Ferrol, equipo tamén de 2ª División, gañou en cuartos de final ó Vila de Cee (2-8), logo de quedar exento da primeira eliminatoria.
COPA DEPUTACIÓN DA CORUÑA 2016
Semifinal
O ESTEO F.S. – O PARRULO FERROL F.S.
Domingo 11 – Setembro – 2016 (18,00 h)
Pavillón Municipal da Fraga (As Pontes)
Nova cortesía de A.F.
—
CLUB DEPORTIVO AS PONTES 2016/17: PARTIDOS 9-11 / SETEMBRO / 2016
Difícil partido para o As Pontes este domingo diante do líder Racing Vilalbés, que suma nove puntos en tres partidos.
O cadro que adestra Marco Roca recibe no Poboado ó actual líder do grupo galego da 3ª División, que nas tres xornadas disputadas leva pleno de vitorias, se ben é certo que todas xogadas no seu terreo de xogo, xa que a que lle correspondía contra o Castro na segunda era en Ribeiras do Lea, disputouse na Magdalena, polo que o Vilalbés non saíu da súa vila nas tres primeiras xornadas da liga.
Que dúbida cabe, que o conxunto chairego é un duro rival para os ponteses, no que actualmente militan tres ex do As Pontes, Sergio Arias, Álex Cabarcos e o porteiro Marcos Souto. Máis, se temos en conta a situación actual do As Pontes, cun plantel confeccionado a última hora, con pouco tempo de preparación e que só leva un punto na presente tempada –contra o Alondras- e só un gol anotado, o logrado por Rubén Pardo o pasado domingo en Ribeiras do Lea. Un partido que, a dicir verdade, puido gañar ou cando menos empatar, pero dous “inocentes” penaltis na segunda parte déronlle a primeira vitoria ós castrexos na súa estrea na 3ª División.
Mal se poñen as cousas ó cadro pontés neste inicio de liga. Actualmente é penúltimo cun punto máis co colista Ordes, que aínda non puntuou. Pese a todo, estase nos inicios da tempada. Queda aínda moito por andar. Todos confían que a situación pode mellorar.
TERCEIRA DIVISIÓN 2016/17 (4ª xornada)
C.D. AS PONTES – R.C. VILALBÉS
CAMPO DO POBOADO (As Pontes)
DOMINGO 11 DE SETEMBRO DE 2016 (18,00 h)
ÁRBITRO: JAVIER GONZÁLEZ ARÉVALO (A Coruña)
LIGA FEMININA F-8 (Ferrol)
CD AS PONTES – UD. CEBARCA
CAMPO DO POBOADO (As Pontes)
VENRES 9 DE SETEMBRO DE 2016 (20,00 h)
COPA CADETE 1ª FASE (Grupo B Ferrol)
EUME DEPORTIVO – CD AS PONTES
CAMPO DA GÁNDARA (Pontedeume)
VENRES 9 DE SETEMBRO DE 2016 (18,00 h)
Nova cortesía de A.F.
—
O ESTEO FUTBOL SALA
Este mércores Esteo e Cidade de Narón enfrontaranse no pavillón da Fraga nos cuartos de final da copa Deputación.
O Esteo chega a esta rolda logo de eliminar por 0-5 na primeira ó Stellae de Padrón, mentres que para os naroneses, que militan nunha categoría superior, esta será a primeira, xa que quedaron exentos, o mesmo que Santiago, Noia e O Parrulo.
Polo tanto, partido interesante o que se pode presenciar na tarde-noite deste mércores e cuxo resultado a priori preséntase igualado, aínda que a diferenza de categoría é unha baza moi importante. Ademais, os naroneses contan nas súas filas con xogadores de gran calidade. Enfronte estarán os locais que porán “toda a carne no asador” para superar ós naroneses e colocarse nas semifinais da competición. Ademais, teñen ó seu favor o factor campo e xogar ante a súa afección.
A sorpresa desta copa saltou o pasado sábado, xa que o Ventorrillo venceu por 6-3 en cuartos ó Noia, campión de liga de Segunda B a pasada tempada. Antes os coruñeses eliminaran ó Brión. Hoxe xógase o Vila de Cee-O Parrulo e o mércores 7 o 5 Coruña-Santiago.
COPA DEPUTACIÓN DA CORUÑA 2016
Cuartos de Final
O ESTEO F.S. – CIDADE DE NARÓN FUTSAL
Mércores 7 – Setembro – 2016 (21,00 h)
Pavillón Municipal da Fraga (As Pontes)
Nova cortesía de A.F.
—