CD As Pontes Feminino

SEGUNDA DIVISIÓN “B” DE FÚTBOL SALA: FS BOAL BELLEZA – O ESTEO F.S. (2-6)

O equipo pontés de fútbol sala do Esteo está a dar as alegrías futbolísticas pontesas neste 2016, i é que o conxunto dirixido por Javi Saa, tras comezar con tres derrotas seguidas, leva catro vitorias consecutivas, precedidas de dous empates anteriores, co que suma seis xornadas sen perder.

No encontro matinal deste domingo en terras asturianas os ponteses comezaron adiantándose ó pouco do inicio tras aproveitar Lito unha perda de balón local, e mediado o tempo chegou o segundo de Jaco. Antes do descanso marchou lesionado Púas.

No comezo do segundo tempo anotou Héctor, e outra vez Jaco poñía o 0-4. Os locais arriscaron con porteiro xogador e lograron dous tantos, pero tamén o equipo pontés, por medio de Jaco, que lograba o seu particular hat trick, e décimo gol nos tres últimos partidos, e incluso o porteiro Iván conseguía marcar.

No partido tamén se produxo o debut de Pedro, irmán de Noé, xogador do Fundao. Os ponteses, séptimos con 14 puntos, reciben na seguinte xornada ó Xove, noveno con dez.

FICHA DO PARTIDO
FS BOAL BELLEZA: Gego, Fredi, Jonás, Edgar, Pirri – cinco inicial – Dani, Nano, Alemán, Adri.
O ESTEO FS: Iván, Héctor, Lito, Rober Paz, Alex Garea –cinco inicial – Púas, Jaco, Gerardo e Pedro.
ÁRBITROS: Pablo Fernández Becerra, Eduardo Corral Martínez, Laura Somoza Copa (Lugo). Amarelas a Gego e Rober Paz.
GOLES: Min. 1 (0-1), Lito. Min. 9 (0-2), Jaco. Min.21 (0-3), Héctor. Min. 29 (0-4), Jaco. Min. 31 (0-5), Jaco. Min.32 (1-5), Adri. Min. 34 (1-6), Iván. Min. 37 (2-6), Adri.
INCIDENCIAS: Encontro da novena xornada de Liga do grupo primeiro da Segunda División B disputado no Pavillón Municipal de Boal, que rexistrou unha frouxa entrada duns 50 espectadores.

PARTIDOS DOS EQUIPOS DE BASE
LIGA PROVINCIAL DE LUGO
FS GUITIRIZ – O ESTEO F.S. “B” (3-3)
LIGA LOCAL DE FUTBOL SALA DE AS PONTES
PINTURAS COLORMIX – O ESTEO F.S. “B” (1-2)

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 1 – CCD CERCEDA 5

Triste derrota do CD As Pontes que foi goleado na tarde de hoxe polo Cerceda, terceiro clasificado, por 1-5. A última maior goleada no Poboado fora outro 1-5 en Preferente ante o Bergantiños un 14 de Setembro de 2008.

Certo é que o equipo local tiña baixas importantes, nun conxunto xa de por si con pouco fondo de armario, sobre todo os experimentados Edi e Pardo, ou en defensa Borja López e Prieto. Pero o maior dominio dos visitantes foi considerable.

O equipo do xenial Ángel Cuéllar, o que fora xogador de Barcelona e Betis, entre outros, gañador de Recopa, Copa, Supercopa e o Europeo Sub16 de Vallecas 1988 ante Portugal, chegaba a O Poboado cos ex ponteses Cañizares, Angeriz, Juan e xogadores destacados da comarca como o pontedeumés Alex Ares ou o aresán Carlos López.

Xa puideron marcar os visitantes na primeira xogada do encontro, pero o remate de Carlos salvao como pode Paco e logo Uxío tira por alto (1´).

Foi no seguinte tiro a porta dos branquivermellos, que marcaron. Xogada de Uxío por banda esquerda, que ante a pouca contundencia defensiva, lanza un forte zapatazo dende o lateral da área, e colase o balón a media altura no segundo pau a onde non chega Paco (18´). Once tantos para o pichichi lucense, e quinta xornada consecutiva marcando.

Un tiro alto de Alex Ares dende uns 40 metros a punto está de sorprender a Paco (34´), pero o xogador de Pontedeume resarciuse na seguinte xogada, na que, tras un córner, desfaise doamente de Jaime e Rubio, e dende o lateral dereito da área lanza un forte disparo ó segundo pau, e pese a que o toca coa man Paco acaba dentro (35´).

Logo queda só Carlos pero chega antes Paco (39´), e unha boa falta lanzada maxistralmente por Alex, desvíaa in extremis o meta ferrolán (41´).

Para culminar unha pobre primeira metade local, un mal despexe de Callón rebota no corpo de Alex Ares, que quizais se axuda un pouco coas mans, cabalga por banda dereita, centra e Carlos López completamente só bate por baixo a Paco (44´).

Imaxe de impotencia amosou o equipo azul os primeiros 45 minutos nos que os de Cuéllar chegaban por todas partes, mentres apenas se rexistrou ningún disparo local, con un Ibu moi só arriba, coma un illote.

Comezou con algo de brío o cadro pontés o segundo tempo, e así chegou un centro perigoso dende banda esquerda de Buyo (46´), ou Ibu quedou só, coa mala pata de que golpeou antes ó porteiro visitante, que marchou tocado pouco despois, que ó balón (48´).

Pero os visitantes seguían chegando con claridade, e tras outro centro dende banda esquerda de Carlos, que se pasea pola área local, é o lateral dereito Javi Otero, quen chegando dende atrás, marca dun forte disparo (56´).

Unha aproximación de Álvaro Rey por banda dereita que acaba en córner (59´), precede ó gol local. Tras un pase en profundidade de Ramos, no límite do fora de xogo avanza Marcote, plantase ante Rumbo e marca raso de tiro cruzado o gol da honra (65´).

O tanto foi un espellismo pois noutra contra que pilla desprevida á zaga local, é Uxío quen lla sirve a Carlos López, que outra vez só como no seu primeiro tanto, marca a pracer (70´).

Puido chegar o sexto, tras un remate dentro da área de Uxío que rebotou en Agulló cando se dirixía a gol (83´), ou nunha incorporación do que fora xogador local, o lateral esquerdo Juan Pérez, que dispara por riba do escuadro (87´).

Certo é que o As Pontes tamén puido marcar o segundo. Vólvese a desmarcar Marcote, pero o xogador de Fisterra en lugar de enviala ó segundo pau, tirou ó primeiro e o balón marchou desviado (91´). Con unha falta sen perigo de Samu concluiu o encontro (93´).

O Cerceda, con cinco victorias consecutivas e 27 puntos, segue terceiro, pero achégase un pouco máis ó líder Vilalbés, e ó Bouzas. O As Pontes pola súa parte afúndese cos seus 9 puntos, incluso o Ordes se lle achega con 8, e o próximo sábado visitan a un Negreira que hoxe goleou 1-4 en Castro.

No decimoterceiro encontro oficial en O Poboado, cuarta vitoria dos visitantes, que xa gañaran 1-3 a campaña anterior, por sete empates e dous triunfos locales.

O As Pontes apenas suma unha vitoria e seis empates nas quince primeiras xornadas de Liga. Apenas se recorda un peor comezo de Liga dende que empezou a competir en 1960. Quizáis a tempada 1989-90, en Segunda B, onde se ben na primeira volta sumou 9 empates, só lograra dúas vitorias, ante Alcalá (3-1) e Pontevedra (0-1).

Día aciago para o conxunto pontés. Excepto o mal partido de hoxe, o corpo técnico e os xogadores van facendo o que poden despois do drástico verán vivido, pero o clube, con en teoría un dos presupostos máis asentados da Terceira galega, camiña con supostos problemas económicos sen aclarar, fai uns meses deixaron o equipo unha vintena de futbolistas, apenas quedan xogadores locais, os equipos da canteira van saíndo cara adiante como poden cos efectivos xustos, e os poucos pero fieis afeccionados de O Poboado apenas teñen alegrías que levar á casa.
1 CD As Pontes. Paco, Jaime, Buyo, Callón, Jandro, Rubio, Ramos, Morrys (Criado 45´), Ibu (Marcote 60´), David (Samu 45´), Álvaro.

5 CCD Cerceda. Marcos Valín (Javi Rumbo 60´), Javi Otero, Juan, Adrián Maroño, Marcos Caridad, Edu (Agulló 58´), Cañizares, Uzal, Uxío, Alex Ares (Abelenda 70´), Carlos López.

Goles: 0-1, Uxío (18´), 0-2, Alex Ares (35´), 0-3, Carlos López (44´). 0-4, Javi Otero (56´), 1-4, Marcote (65´), 1-5, Carlos López (70´).

Árbitro: Pablo Álvarez Calderón (Vigo). Auxiliado nas bandas por Lorenzo Álvarez e Rivera Gores. Amarelas a Edu e Ramos.

Campo e incidencias: O Poboado, uns 150 espectadores, en tarde soleada e fría. Partido da 15ª xornada.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

CLUB DEPORTIVO AS PONTES: RESULTADOS 25-26-27 / NOVEMBRO / 2016

Penosa derrota do primeiro equipo, que caeu goleado (1-5) polo Cerceda. Triunfos do feminino, infantil, alevín B, benxamín A e os dous prebenxamíns

LIGA FEMININA F8 (D. Ferrol)
CD As Pontes – CCRD Perlío (3-1)

Triunfo do equipo feminino por 3-1 diante do Perlío. Consolidan unha boa terceira praza con 31 puntos, antes de descansar na vindeira xornada. Paula Baamonde anotou dous tantos antes do descanso, e aínda que Crsitina anotou no segundo período, Alba Romero puxo a sentenza no derradeiro minuto. Xogaron Leti, Yoli, Andrea Pita, Nuria, Indira, Noelia Ameneiro, Xeila, Paula Castro, Carlota, Paula Baamonde, Alba e Carolina.

1ª AUTONÓMICA XUVENIL 2ª FASE (D. Ferrol)
CD As Pontes – SRD Portuarios (1-1)

Empatou (1-1) o xuvenil cun dos mellores da categoría, o Portuarios, que nos once encontros anteriores, tan só perdera en Pontedeume. Tamén, o equipo pontés afrontou o encontro con trece futbolistas. Os dous equipos comandan a táboa con 4 puntos. Na vindeira xornada visitará ó perigoso Numancia, gañador da liga anterior, que conta con tres. Na primeira metade marcou Andrés Pita, pero Babacar logrou a igualada definitiva na segunda. Xogaron Lino, Fraga, David, Bruno, Unai, Iago, Cazás, Pita, Manuel Romero, Casas, Josiño, entrando despois Manuel Fernández e Derick Sakpa.

1ª AUTONÓMICA CADETE 2ª FASE (D. Ferrol)
CD San Sadurniño – CD As Pontes (2-2)

Empatou a dous goles o cadete en San Sadurniño. Ten a lectura positiva de que é o segundo empate a domicilio dos ponteses, o anterior fora en Miño a un gol, se ben tamén a negativa de que é a segunda igualada no que vai de ano do equipo de San Sadurniño, que perdeu o resto dos encontros. Son cuartos con catro puntos, antes de recibir ó Numancia, que suma tres. No partido deste sábado, o infantil Joan adiantou ós azuis, e se ben Manuel e César puxeron por diante ó equipo alaranxado, Jose marcou o 2-2 definitivo. Xogaron polos de Rubén Pardo, Juan, Eyob, Nono, Santi, Antonio, Antón Paz, Mohamed, Jose, Vicente, Xan, Joan, e despois Xavi, Xoel, Azoin, Brais e Jorge.

1ª AUTONÓMICA INFANTIL 1ª FASE (D. Ferrol)
CD As Pontes – Narón O Friexo (8-2)

O infantil acabou con bo sabor de boca a primeira fase goleando 8-2 ó Narón O Freixo, tantos de Adrián Bellas (2), Hugo Blanco (2), Manuel Novo, Jandro López, Mario Fraga e Alejandro Riobo. Acaban a primeira fase sextos con doce puntos e integrarán a Liga do segundo grupo, xunto a Racing San Pedro e Cedeira do C, Ánimas, Miño e O Val B, do B, e Perlío, Rápido de Neda e Numancia, do A. O encontro tivo pouca historia, pois os de Rivas xa vencían por 7-0 ó descanso. Xogaron, Mario Regueiro, Eloy, Xose, Alejandro, Samuel, Dani, Adrián, Mario Fraga, Jandro, Hugo e Manuel, entrando despois Edgar, Rubén, Mateo, Sergio Hermida e Sergio Paz.

1ª AUTONÓMICA ALEVÍN 1ª FASE (D. Ferrol)
Galicia de Caranza B – CD As Pontes (6-2)
CD As Pontes B – Galicia de Caranza C (10-4)

O Alevín A perdeu 6-2 ante o Galicia de Caranza B, líder que conta os seus encontros por vitorias, tantos de Alex Montero e Anxo Rey. Cuartos con 15 puntos, reciben na última xornada desta primeira fase ó penúltimo, Portuarios B. Previsiblemente clasificarán ó grupo segundo. O Alevín B gañou 10-4 ó colista Galicia de Caranza C, con cinco tantos de Anxo Blanco, dous de Xandre Fernández e Israel Varela e un de Carlos Villasuso. Son cuartos con 16 puntos, e rematan a Liga visitando ó Numancia de Ares, terceiro clasificado. Con toda probabilidade tamén clasificarán ó grupo segundo.

1ª AUTONÓMICA BENXAMÍN 1ª FASE (D. Ferrol)
SRD Ánimas – CD As Pontes (2-6)
CD As Pontes B – Galicia de Caranza (1-8)

O Benxamín A venceu 2-6 en Ferról ó Animas. Son sextos con 12 puntos. Na derradeira xornada reciben ó Eume, segundo, que gañou tódolos encontros agás a derrota co Racing de Ferrol. Seguramente acaben no grupo terceiro. Tres goles de Sergio Vázquez, dous de Adrián Díaz e un de Destaw Pellón. O Benxamín B perdeu 1-8 contra o líder con pleno de triunfos, Galicia de Caranza, tanto da honra de Xalo González. Quinto con 13 puntos, no derradeiro encontro visita ó oitavo, Galicia de Caranza B, que suma sete, e de gañar, entrarían no segundo grupo.

1ª AUTONÓMICA PREBENXAMÍN 1ª FASE (D. Ferrol)
CD As Pontes – CD San Sadurniño (5-3)
CD San Sadurniño – CD As Pontes B (0-15)

Gran vitoria do Prebenxamín A ante o San Sadurniño, 5-3. O equipo visitante era o terceiro clasificado e con este triunfo, os azuis, segundos con 24 puntos, que só perderon ante o Racing de Ferrol, e gañaron o resto de encontros garanten ser o único equipo dos de fútbol oito que xogará a Liga dos mellores. Chegaron a ir 2-0 e 3-1, e aínda que empataron a 3-3 os alaranxados, dous tantos de Lucas Blanco puxeron o 5-3 definitivo. Anteriormente marcaran Alex Basanta, Xandre Domínguez e Íker Ares. Na derradeira xornada, visita ó R. Ferrol C, décimo. Curioso partido o que viviu o Prebenxamín B. Enfrontábanse os dous conxuntos aínda sen puntuar, San Sadurniño B e As Pontes B. Os azuis gañaron por un esaxerado 0-15, con dez tantos de Xoel Galego, dous de Martín Laherrán, e un de Mario Lozano, Iago Cebreiro e David Otero. Noveno cos tres primeiros puntos, remata a primeira fase recibindo ó CD Narón C, sétimo. Na segunda fase estará no terceiro grupo.

Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e A.F.

LIGA DE FÚTBOL DE VETERANOS DE AS PONTES 2016/17

La Galaxia comparte o liderado con As Pontes 74, que aprazou o partido que o enfrontaba a Fisioterapia DC-HIM&HER

Con 18 puntos As Pontes 74 e La Galaxia son primeiros, seguidos a tres puntos de Fisioterapia DC-HIM&HER, que ten aprazados dous partidos. A continuación están Bar Xardín, con 14 puntos; Mobles Eume e Farmavida, con 13; MMYPEM (10), Galiorient (8), que deixou a cola da clasificación ó gañar a Mobles Eume, Electricidad J&O (7) e Mesón A Cepa, 6 puntos.

Pasa a ser o máximo goleador Fernández (Mesón A Cepa), con 13 goles. Iván, Fisioterapia DC-HIM&HER, ten 12. Oito suma Martín (Mobles Eume). Con 7 goles figuran Fontao (La Galaxia), Miguel (Mobles Eume) e Julio (As Pontes 74).

O vindeiro sábado 3 dispútanse os partidos aprazados, Electricidad J&O-MMYPEM e As Pontes 74 – Fisioterapia DC-HIM&HER, e o sábado 17, A Cepa – Fisioterapia DC-HIM&HER.

A décima xornada de liga, primeira da segunda volta, será os días 10 e 11 de decembro.

RESULTADOS 9ª XORNADA 19-20 / Novembro / 2016

La Galaxia – Electricidad J&O (1-0) Sergio
Bar Xardín – MMYPEM (1-0) Pedro
A Cepa – Farmavida (3-4) Fernández (3) / Rafa, Juanjo e Alberto (2)
Mobles Eume – Galiorient (Dom. 27, 12:00 h) Lucho (2) / Tomás (2) e Eduard

10ª XORNADA 10-11 / Decembro / 2016

Galiorient – Electricidad J&O (Sáb. 10, 19:00 h)
Bar Xardín – Mobles Eume (Sáb. 10, 20:00 h)
La Galaxia – As Pontes 7 (dom. 11, 10:00 h)
MMYPEM – Farmavida (Dom. 11, 11:00h)
Fisioterapia DC-HIM&HER – A Cepa (Dom. 11, 12:00 h)

Nova cortesía de A.F.

Esta entrada foi publicada en Novas equipo masculino C.D. As Pontes. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A <span>%d</span> blogueros les gusta esto: