CD As Pontes Feminino

BORJA PRIETO LOGRA DÚAS MEDALLAS NA COPA DE ESPAÑA DE 1000 METROS

O piragüista pontés Borja Prieto Valera competiu esta fin de semana na Copa de España de 1000 metros celebrada en Trasona esta fin de semana.

O sábado, nas series do K1 1000 metros, Borja foi sexto na contrareloxo, e xa na súa semifinal, foi sétimo, e na Final C, gañada por Diego Piña, quinto. Na Final A, impúxose Roi Rodríguez ao campión olímpico Marcus Cooper, sendo terceiro Paco Cubelos.

No K2 1000 metros, nos que Borja participaba xunto ao tricampión mundial e sete veces gañador do Sella, Alvaro Fernández Fiuza, foron cuartos na contrareloxo, e gañaron a súa serie semifinal, por diante de Aranjuez e Vilaboa.

Na gran final foron quintos, nunha proba gañada polo Tudense de Campo-Millán, sendo segundos Carrera-Germade, do Betanzos, e terceiro o segundo Tudense, de Roi Rodríguez e Emilio Llamedo, e cuarto o Portopetro do ouro olímpico Marcus Cooper e Daniel Binimelis.

Xa o domingo chegaba o turno dos K4. Nos 1000 metros, xunto ós seus compañeiros do Covadonga, Fiuza, o gran Javi Hernanz, quinto en Río 2016, e Daniel García, foron sextos na contrareloxo.

Nunha complicada semifinal foron terceiros por detrás dos dous Tudenses, regata eliminatoria de tantos quilates que ese mesmo resultado foi o que se repetiu na Final A, logrando o bronce por detrás das dúas embarcacións do equipo de Tui, e moi preto da medalla de prata.

Xa na última proba, o K4 500, cos mesmos integrantes, Fiuza-Hernanz-Borja, neste caso acompañados polo prometedor Juan Oriyés, foron segundos na serie previa contrareloxo, e primeiros na súa semifinal por diante do segundo Tudense e o Ría de Aldán do Campión olímpico Perucho.

Xa na gran Final A que pechaba o campionato, quedaban de segundos e medalla de prata, por detrás do Tudense que tamén gañara o K4 1000, o de Campo, Millán, Roi e Curbelo, e por diante do Naútico de Palma, bronce.

Por equipos, o Tudense gañou e o Covadonga foi sexto. Entremedias quedaron Aranjuez, Palma, Breogán e Sevilla.

En definitiva, moi boa fin de semana para un dos grandes do deporte pontés, aínda con moita gasolina e guerra que dar aos seus 34 anos, gañando dous metais, de prata e bronce, e cun quinto posto.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

ANTONIO POLO, SUBCAMPIÓN DE ESPAÑA MÁSTER EN K1 1000 METROS

Tres representantes do Xuvenil desprazáronse este domingo a Trasona.

Este domingo tamén se levou a cabo no embalse de Trasona en Asturias, o Campionato de España de Veteranos, nas probas de 1000 metros.

Cara aló foron tres representantes do Grupo Xuvenil As Pontes. No grupo de 40-44 anos, o incombustible Antonio Polo Campello foi terceiro na súa semifinal, e xa na gran final quedou segundo e prata cun tempo de 3:58:03.

Resultou gañador Ricardo Rodríguez, do Durius-Sanabria, con 3:55:50. O bronce foi a mans de Juan Antonio Valle, do Iuxtanam-Monteoro, con 3:59:03.

Na mesma categoría participou Ernesto Gancedo, que quedou quinto da súa serie semifinal, e non puido pasar á gran Final. Na orla de 35 a 39 anos, participou Jose Ángel Pico, que foi cuarto na súa serie, pero a pesar de estar clasificado, non tomou a saída na final A.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 2 – SD NEGREIRA 1

O As Pontes consegue o seu sexto triunfo da tempada e suma 27 puntos.

Sufrido triunfo dun As Pontes que suma a súa sexta vitoria do curso no seu intento de despedirse da Terceira División da mellor maneira posible, ante un Negreira que se complica un pouco, aínda que ten un importante colchón sobre os seus rivais de abaixo.

Nun partido sen grandes ocasións, os goles chegaron nos últimos minutos. Na primeira parte, apenas resaltar un bo desmarque de Pardo que dispara fora (4´), unha xogada na que Fran Cortés lle gaña a carreira a Angelo pero despexa in extremis Pouso antes de que chegue o atacante murciano (22´), ou un saque de banda de Buyo que cabecea cara atrás Fran e remata Pardo sen deixala caer pero chapa o balón o gardameta visitante (44´).

Polo Negreira, destacar un tiro raso de Juan dende fóra do área, que bloca Paco (16´), e un remate de cabeza de Chiño fora tras un bo centro dende banda esquerda (27´). Ben é certo que os de Pose chegaban a O Poboado sen os seus dous máximos goleadores, Stefan (12), que firmou esta semana polo Estudiantil no seu intento de ascender a Terceira, e Capelo (7), sancionado.

Si que estaba o mítico lateral dereito e central, de 40 anos, Stephane Pignol, que xogara en Primeira División con Compostela, Numancia e Murcia, ou en Segunda con Almería, Zaragoza e Las Palmas.

No segundo tempo, remata Pablo Ramos dentro da área e saca Pouso unha man prodixiosa para despexar un balón que se colaba (53´). Por parte do Negreira, un balón morto tras un rexeite cabeceao na área pequena perigosamente cara atrás Cea, ante a saída de Paco, interpretándoo en falta o colexiado (68´).

Pero houbo que agardar ós últimos minutos para ver tres goles nun encontro que camiñaba cara o 0-0. O peleón medio lucense Diego Núñez corta un pase entre dous xogadores visitantes, controla o balón, e lanza un forte zapatazo dende o borde da área que golpea no primeiro pau e acaba entrando (72´), conseguindo o seu segundo gol, tralo anotado en O Barco. Logo, nunha contra culmina a xogada Fran Cortés, que se planta ante Pouso e bateo raso, coa punteira (75´). Tamén segundo gol para o atacante murciano, que se estrenou coa camisola azul hai dez días en Cerceda.

Entremedias resaltar unha falta lateral que bota Edi, e na que o lanzamento do capitán supera a Pouso e marcha por pouco por riba do longueiro (74´).

Semellaba que o 2-0 era a sentenza pero non hai encontro no Poboado sen sufrimento local, e así, tras un penalti rigoroso, o que fora xogador do Real Madrid B, ex internacional español sub17, Adrián Quintairos, puxo o 2-1 e o suspense no marcador, anotando o seu quinto tanto da campaña o de Celanova.

Pese ó gol, e a que o equipo local perdeu nos últimos minutos ó seu central Prieto por unha lesión que non semella de gravidade, o As Pontes aguantou a vantaxe e sumou a súa sexta vitoria do curso, cuarta na casa, tralas de Ordes, Ribadumia e Choco, ademais das dúas foráneas en Dubra e Ordes.

O Negreira pola súa parte, con 48 puntos, debe gañar a próxima xornada ó xa descendido Dubra para selar a permanencia e olvidarse de posibles arrastres.

Sétimo triunfo local en duelos oficiais en Campo de O Poboado, por un empate e unha vitoria do Negreira, 2-3 na 2010-11.

2 CD As Pontes. Paco, Criado (David 68´), Buyo, Callón, Prieto (Rubén 82´), Edi, Ramos, Núñez, Fran, Rubio (Caique 58´), Pardo.

1 SD Negreira. Pouso, Pignol, Rendo, Amoedo, Angelo (Fernando 81´), Ángel, Ander (Quintairos 55´), Juan (Cristian 84´), Chiño, Tato, Cea.

Goles: 1-0, Diego Núñez (72´), 2-0, Fran Cortés (75´), 2-1, Adrián Quintairos, de penalti (87´).

Árbitro: David Iglesias Melón (Vigo). Auxiliado nas bandas por Vázquez Martínez e Mosquera Goce. Amarelas a Callón, Edi, Diego e Angelo.

Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Uns 100 espectadores en tarde soleada. Partido da 35ª xornada.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

FOTOS CATEGORÍAS INFERIORES O ESTEO FS

Os diversos equipos do club foron homenaxeados onte no descanso

No descanso do encontro deste sábado entre o Esteo e o Ventorrillo, homenaxeouse ós equipos das categorías inferiores do equipo pontés de fútbol sala, facendo especial fincapé no xogador Alex Montero Peteira, capitán e subcampión de España coa Selección Galega Alevín en Castela León.

Nova cortesía de Xose Ferreiro
Fotos cortesía de Suso Cabarcos

FINAIS INTERCOMARCAIS DE FÚTBOL SALA. O ESTEO FS – CONCELLO DE CURTIS A

Este domingo á tarde xogáronse no Pavillón Municipal da Fraga as finais intercomarcais de Fútbol sala, que enfrontaban ó equipo pontés do Esteo FS contra o do Concello de Curtis, nas categorías Benxamín e Alevín, nas que o Esteo participaba cos equipos dirixidos por Diego Paz, Jose Senén García e Dani García.

Unha de cal e outra de area para os ponteses, pois os máis novos, os Benxamíns, gañaban 5-3, quedando Campións. Xogaron Alex Romero, Destaw, Hugo, Mario (3), Antonio, Sergio, Borja (2), Jorge, Alejandro Leal e Mateo.
Non puido gañar a laureada xeneración Alevín do club pontés, pois perdeu por un axustado 1-2 ante os visitantes. Xogaron Anxo, Alex Montero, Eloy, Sergio, Diego, Ángel, Antón (1), Manuel, David, Xose, Mateo e Joan.

Ó remate dos encontros entregou os trofeos e as diversas medallas o Concelleiro de Deportes Chicho Tembrás.

Nova Cortesía AF, Xose Ferreiro e Diego Vinicius

SEGUNDA DIVISIÓN “B” DE FÚTBOL SALA: O ESTEO FS – VENTORRILLO FS (4-9)

Moi mal encontro o que xogou este sábado o equipo pontés de fútbol sala, que caeu 4-9 ante o Ventorrillo, o que era o cuarto clasificado pola cola.

Nun inicio cheo de despropósitos, os coruñeses, que case parecían o Inter Movistar, puxeronse 0-5 en apenas sete minutos, e chegaron ó descanso 1-7.

Malos recordos trae o equipo coruñés no Pavillón da Fraga, pois xa na 2014-15 gañaran 5-10, curiosamente a que fora a súa única vitoria en toda esa tempada, logrando a segunda maior goleada que recibiu o Esteo como local.

Dende que o equipo pontés de fútbol sala comezou a competir co actual nome aló polo 2005, o maior número de goles recibidos que se recorden foi un 6-11 co Troula de Betanzos na campaña 2008-09, e ademais do 5-10 e 4-9 co conxunto coruñés, un 6-9 co Boston Ourense na 2005-06 e outro 3-9 co Mosteiro de Bembrive na 2013-14.

E puido ser algún gol máis do equipo visitante. Polo conxunto local apenas resaltar o primeiro gol do xuvenil Jandro, outro de Gerardo e dous de Héctor de penalti.

Quédanlle dous encontros ó equipo pontés para rematar a Liga, visitar ó histórico Zamora, e recibir ó Albense na derradeira xornada.

FICHA DO PARTIDO

O ESTEO FS: Ivan, Gerardo, Púas, Lito, Rober Paz –cinco inicial- Javichu, Jandro, Dani, Héctor, Alex Garea

VENTORRILLO FS: Nacho, Martín, Aitor, Puertas, Jaco –cinco inicial- Buxi, Berto, Andresín, Alberto, Matos.

ÁRBITROS: Amor Vizoso, Dans Rey e Prados Caamaño. Amarelas a Héctor e Rober Paz.

GOLES: Min. 1 (0-1), Jaco. Min. 3 (0-2), Puertas. Min.6 (0-3), Matos. Min. 7 (0-4), Berto. Min. 8 (0-5), Andresín. Min. 9 (1-5), Jandro. Min. 10 (1-6), Matos. Min. 13 (1-7), Martín. Min.24 (2-7), Gerardo. Min. 29 (3-7), Héctor, de penalti. Min. 32 (3-8), Martín. Min. 37 (4-8), Héctor, de penalti. Min. 39 (4-9), Martín.

INCIDENCIAS: Vixéxima cuarta xornada de liga do grupo primeiro da Segunda División B disputado no Pavillón Municipal da Fraga ante uns 250 espectadores, entre eles, os canteiráns do clube.

Nova cortesía de A.F. e Xose Ferreiro

CLUB DEPORTIVO AS PONTES 2016/17: RESULTADOS 21-22-23 / ABRIL / 2017

Triunfos do Infantil, Alevín A, Benxamín A e Prebenxamín B.

LIGA FEMININA F-8 (Ferrol)
CD AS PONTES (Descansa)
O equipo feminino descansou nesta xornada. Seguen cuartas con 64 puntos antes de visitar ó colista a Capela, que suma seis puntos en seis empates.

1ª AUTONÓMICA XUVENIL 2ª Fase (Grupo 4º)
MEIRÁS CF – CD AS PONTES (1-1)

Empate do Xuvenil na súa visita a Valdoviño. O partido deixa dúas lecturas, a positiva do empate na casa do campión, que só deixou de gañar en dous partidos, os xogados contra o As Pontes, e do lado negativo, que o tanto do empate local chegou case no final do encontro, por medio de Iago López, que igualaba o tanto de Cristian no primeiro tempo.

Os de Felipe Mieres son terceiros con 38 puntos, por 41 do Eume. Teñen que gañar os dous partidos que lles restan, ante Narón e Maniños, e agardar que os de Pontedeume, que descansan na vindeira xornada non consigan a vitoria na visita ó campión Meirás na derradeira xornada, pois en caso de empate a puntos, teñen o goal average a favor.

Xogaron Lino, Fraga, Andrés, Bruno, Unai, Iago, Cazás, Jaime, Cristian, Casas, Josiño, entrando nos últimos minutos Chema e Alex Barro.

1ª AUTONÓMICA CADETE 2ª Fase (Grupo 4º)
CD AS PONTES – SRD PORTUARIOS “B”

O cadete, sétimo con 23 puntos, xoga este mércores co oitavo Portuarios B.

1ª AUTONÓMICA INFANTIL 2ª Fase (Grupo 4º)
CD AS PONTES – SD RÁPIDO DE NEDA (5-1)

O Infantil venceu 5-1 ó cuarto, Rápido de Neda, goles de Joan (2), Manuel, Adrián e Xoel. Terceiros con 29 puntos, visitan ó Caranza C, oitavo.

Xogaron Mario Regueiro, Xose, Alejandro, Samuel, Eyob, Adrián, Jandro, Manuel, Hugo, Joan, Eloy, e despois entraron Edgar, Xoel, Mario Fraga, Dani e Sergio Hermida.

CATEGORÍA ALEVÍN (2ª Fase)
CD AS PONTES – CD AS PONTES “B” (4-2)

Por 4-2 venceu o Alevín A ó B no derbi xogado o sábado á mañá no Poboado. Encontro moi igualado, e que se decantou por dous tantos do primeiro equipo nos derradeiros instantes. Marcaron Anxo Rey, Alex Montero, Sergio Cabarcos e Diego Purriños, polos hoxe azuis, e Anxo Balnco e Carlos Villasuso polos vermellos. O A, segundo con 38 puntos, visita ó oitavo Cariño. O B, sétimo con 19, recibe ó noveno San Sadurniño.

CATEGORÍA BENXAMÍN (2ª Fase)
CD AS PONTES – GALICIA CARANZA “B” (2-1)
RACING SAN PEDRO CF – CD AS PONTES “B” (3-0)

Sufrida vitoria do Benxamín A 2-1 ante o noveno clasificado, Caranza B, Tantos de Sergio Vázquez e Alejandro Leal no último minuto. Este triunfo sírvelles para, con 39 puntos, manter un de ventaxa sobre Caranza C e tres sobre Ánimas, antes de visitar ó Eume B, décimo.

Derrota do Benxamín B 3-0 na casa do líder con pleno de vitorias San Pedro. Sextos con 20 puntos, reciben ó Narón, cuarto.

CATEGORÍA PREBENXAMÍN (2ª Fase)
CD NARÓN – CD AS PONTES (5-0)
CD AS PONTES “B” – NARÓN O FREIXO “B” (11-1)

Serio correctivo do Prebenxamín A 5-0 ante o Narón, que o supera na clasificación. Cuartos con 29 puntos, reciben ó Ortigueira, noveno.

O Prebenxamín B gañou 11-1 ó penúltimo clasificado, goles de Xoel Galego (4), Martín Laherrán (2), Brais Varela (2), Iago Cebreiro, Mario Lozano e Mario Gabeiras. Cuartos con 37 puntos, visitan ó Narón B, terceiro coa mesma puntuación.

CATEGORÍA BIBERÓN

Tamén, este venres a tarde, levouse a cabo nos Campos do Poboado, unhas xornadas de convivencia, nas que, ademáis do equipo local, participaron o Cedeira A e B, Numancia de Ares, Galicia de Mugardos, Eume Deportivo, O Val, e Narón O Freixo.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

COPA DE FÚTBOL DE VETERANOS DE AS PONTES 2016/17

Non tivo o seu día La Galaxia, que se veu sorprendido por Galiorient, que se presentou cos xustos e gañando con tres goles de Tomás. Vitoria tamén por 0-5 (con catro goles de Narciso) de MMYPEM ante As Pontes 74, que se presentou cun xogador menos.

Goleadas de Mobles Eume (5-0) e Fisioterapia DC-HIM&HER (0-4) sobre A Cepa e Electricidad J&O.

No grupo A hai un dobre empate a 6 puntos entre Mobles Eume MMYPEM. No grupo B é primeiro en solitario Galiorient, con 7 puntos, seguido de Farmavida con 4.

3ª XORNADA DE COPA 22-23 / Abril / 2017

Mobles Eume – A Cepa (5-0) Manel, Javi, Cuxiño, Piña e en propia portería
Electricidad J&O – Fisioterapia DC-HIM&HER (0-4) Juanjo, Canche e David (2)
La Galaxia – Galiorient (0-3) Tomás (3)
As Pontes 74 – MMYPEM (0-5) Manuel e Narciso (4)
Descansaron: Farmavida e Bar Xardín

4ª XORNADA DE COPA
29-30 / Abril / 2017

Galiorient – Electricidad J&O (Sáb. 29, 19:30 h)
Bar Xardín – As Pontes 74 (Dom. 23, 10:00 h)
MMYPEM – A Cepa (Dom. 23, 11:00h)
Farmavida – La Galaxia (Dom. 23, 12:00 h)
Descansan: Mobles Eume e Fisioterapia DC-HIM&HER

Nova cortesía de A.F.

Esta entrada foi publicada en Novas equipo masculino C.D. As Pontes. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: