CD As Pontes Feminino

ACTUACIÓN DE MIGUEL ALVARIÑO NA COPA DO MUNDO DE BERLÍN

O pontés Miguel Alvariño García desprazouse esta fin de semana xunto a outros tres compañeiros e catro compañeiras da selección española de Recurvo para disputa da cuarta proba da Copa do Mundo, a cita de Berlín.

O arqueiro pontés foi 58º nas tiradas previas dos 122 participantes con 643 puntos. Quedou a un de Alvaro Simó, que fixo 644, 57º, polo tanto este foi o representante español na proba de mixtos xunto a Mónica Galisteo.

Ambos clasificaron coa 16ª e derradeira mellor marca, polo tanto tiveron que enfrontarse ao favorito Corea do Sur en oitavos de final caendo por 2-6.

Por detrás de Simó e Alvariño quedaron Miguel Ángel Pifarre, 67º con 640 puntos, e Pablo Acha, 75º con 636.

Nas roldas eliminatorias venceu Miguel 7-3 ao qatarí Al Mohanadi, caendo despois ante o austriaco Andreas Gstoettner, décimo da previa, por 2-6.

Pifarre venceu ao holandés Van Den Oever 6-0, perdendo despois ante o subcampión olímpico en Río, o francés Valladont, por un axustado 4-6.

Na primeira rolda caeron, Pablo Acha, ante o mexicano Luis Álvarez, 3-7, e Alvaro Simó, ante o francés Chirault, 0-6.
Por equipos, Simó, Alvariño e Pifarre sumaron 1927 puntos, na 20ª posición, quedando a 16 puntos de clasificar entre os dezaseis mellores equipos, dos 30 participantes, que desputaban os oitavos de final.

Mónica Galisteo foi a única española que avanzou aos dezaseisavos de final, aínda que nesta rolda terá que enfrontarse á segunda da previa, a coreana, Chang Hye Jin.

A vindeira cita, a proba máis importante do ano, será o Mundial de México, a mediados de Outubro.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

ACTUACIÓN DO GRUPO XUVENIL NA COPA DE ESPAÑA DE MARATÓN

Este sábado disputouse no embalse de Trasona, en Avilés, a Copa de España de Maratón.

Cara aló desprazáronse nove integrantes do Grupo Xuvenil. Sensacional coma sempre o eterno Antonio Polo e Ernesto Gancedo que lograron o ouro en K2 Veteráns, na orla de 40-44.

Foron os únicos que baixaron de unha hora, e chegaron a meta con máis de tres minutos de ventaxa sobre a parella de Betanzos e máis de seis sobre o dúo de Aranjuez.

Ás portas da medalla quedaron os xoves Pablo Moreno e Carlos Durán en K2 Sénior, xa que foron cuartos, nunha proba gañada polos irmáns Daniel e Guillermo Pérez (Los Cuervos),

Extraoficialmente venceron os tricampións mundiais e octacampións do Sella, Fiuza e Bouzán, que non computaron ó ser ambos de distintos equipos, a pesar de competir case sempre xuntos. Un do Covadonga e o outro do Oviedo.

Quintos en K2 Junior foron Manuel Fernández e Miguel Domínguez, na regata gañada por Carlos Gómez e Miguel Sánchez (Cuenca).

Moi ben tamén Martín García, que quedou sétimo en K1 Junior, gañando Javier Sánchez (Cangas Aventura).

Manuel Alén foi duodécimo en K1 Cadete, nunha serie gañada por Ricardo García (Ribadesella) e David Tonislavov décimo sexto en K1 Sub23, no que venceu Ion Carballo (Donostia).

Moi ben tamén un grande do deporte pontés, Borja Prieto, quen a pesar de só poder adestrar unha vez á semana e non ser esta a súa distancia máis idónea, rematou sétimo no K1 Sénior, nunha proba gañada por Luis Amado, quedando segundo Milín Llamedo, ambos da Selección Española de Maratón.

Nova cortesía Xose Ferreiro

O ESTEO FS XA CONTA CON 13 XOGADORES

O equipo pontés de fútbol sala do Esteo FS renovou esta semana ao habilidoso xogador ferrolán Ayala, co que xa suma cinco renovacións, xunto ás de Gerardo, Javichu, Rober Paz e Héctor.

Tamén se soubo esta semana da fichaxe de Martín Otero, procedente do Ventorrillo coruñés, equipo no que anoutou 50 goles nos dous últimos anos. Xogador de gran currículo xa que foi dúas veces Campión de España coas seleccións galegas inferiores.

Esta fichaxe súmase ás do porteiro Jesús Lourido, e os xogadores de pista Pana, Iván Gago, Juan Cruz, Ayrton, Diego Pellón e Dani Martínez.

Bo fondo de armario para o equipo pontés, que as últimas campañas adoecía, nalgúns desprazamentos ou nas derradeiras xornadas, de presentarse case que cos efectivos xustos e con escaso banquiño, e semella que este ano non será por falta de xogadores.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

O CD AS PONTES FICHA A ADRIÁN MAROÑAS

O CD As Pontes ven de facerse nas últimas horas co lateral dereito, que tamén pode xogar de central, Adrián Maroñas, máis coñecido como Peque.

O futbolista noiés de 23 anos xogou as últimas catro temporadas nun grande coma o Cerceda. A última campaña participou en 25 partidos, 15 coma titular, disputando preto de 1500 minutos.

Queda completa a defensa do clube pontés nun posto moi necesario, pois no flanco esquerdo está o experimentado Alex Cabarcos, que podería ser suplido por Jandro ou polo propio asturiano Roberto.

Máis curto de efectivos estaba a banda dereita, que só tiña a Criado, e, atendendo á campaña pasada, nun caso moi forzado podería xogar Jaime. Tamén pode Maroñas botar unha man no centro da zaga a Rego e Roberto, dando maior amplitude de plantel para que Dani ou Adrián Martínez xoguen de pivote defensivo, futbolista este último que tamén pode actuar no flanco dereito.

O plantel xa conta con 19 xogadores, á espera dun porteiro suplente para Paco que peche o equipo. Defensas serían Dani, Rego, Roberto, Adrián Martínez, Adrián Maroñas, Alex Cabarcos, Criado e Jandro, medios Bossa, Fidi, Chis, Ramos, Jaime, Quique e Troncho, e arriba Pardo, Eloy e Adrián Iglesias.

Nova cortesía de Xose Ferreiro 

AMIGABLE. SDC XERMADE 3 – CD AS PONTES XUVENIL 3

Este xoves á tarde o Xermade e o xuvenil pontés xogaban un partido de carácter amigable. O equipo lucense, que a pasada campaña ascendeu a Primeira Rexional, contaba con vellos coñecidos da canteira pontesa. Dirixido por Rebolo, tiña nas súas filas a Abeás, Fran, Guille, Chungui, Brais Carballeira, Caínzos, Nahum ou Ángel Prieto, entre outros dos que xogaron onte.

Tras un sáque de córner adiantáronse os locais, por medio dun testarazo de Abeás (13´), pero con outro gol de cabeza de Vilela a centro de Alex Barro (17´), e nun xogadón dende o medio do campo de Óscar Calvo, que se desfixo de todos os rivais que se lle cruzaron para acabar batindo a Ángel (32´), deulle o xuvenil a volta ó marcador antes do descanso.

A pouco da reanudación, Nahum desmárcase, queda só ante Meidán e bateo por baixo (49´), pero nun gran pase en profundidade de Chema, prántase Óscar ante o porteiro visitante e bateo de tiro cruzado (59´) volvendo a poñer por diante ós de Mieres. Noutro saque de córner, volve a cabecear Abeás ó fondo das mallas establecendo o 3-3- definitivo (72´).

Boa proba de toque para o xuvenil, ante un rival, non moi rodado a estas alturas, pero de entidade, e xogando con cativos moi novos, sobre todo no segundo tempo. Destacou Eyob, que disputou o partido completo a bo nivel con apenas 13 anos, e o defensa central Pablo González, que foi gañando protagonismo conforme se perdía “estatura” nos cambios.

Aliñou Felipe Mieres a Meidán (Aldrey 63´), Eyob, Carlos (Nono 59´), Pablo, Antonio, Chema, Óscar (Derick 59´), Vilela, Cristian (Vicente 59´), Xose (Brais 74´) e Alex (Jose 54´).

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Esta entrada foi publicada en Outros deportes en As POntes. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A <span>%d</span> blogueros les gusta esto: