CD As Pontes Feminino

CD AS PONTES 1 – XALLAS FC 1

O As Pontes, un dos teóricos favoritos ó ascenso, so consigue dúas vitorias, e este empate, nas cinco primeiras xornadas.

Dous sorprendentes puntos se lle escaparon ó As Pontes na tarde de hoxe, ante o Xallas, equipo que chegaba ao Poboado con só dous empates e que puido levarse a vitoria.

En dous tempos diferenciados, puido sentenciar o cadro local no primeiro, e iso que froito do costume do equipo azul de xogar o balón cara atrás, e moitas veces arriscando cun centrocampista como último home, nun roubo de balón anotaron os verdes, afortunadamente en fora de xogo (11´).

Pero o equipo azul dispuxo de claras ocasións. Dúas faltas de Bossa, unha marcha cerca do escuadro (14´), e outra sacaa in extremis Julián (27´). Noutra xogada é Ramos quen queda só no segundo pau, pero tira ó corpo do porteiro (17´). O mesmo xogador ferrolán dispara alto nun balón que lle sirve cara atrás sobre a liña de córner Adrián (29´), e outro forte disparo seu dende fóra da área marcha a rentes do pau (38´). O gol azul chegou tras un centro de Criado, que rematou tirándose en prancha de cabeza Eloy (32´).

No segundo período a superioridade física do equipo verde foi palpable e máis co paso dos minutos, pese a que os locais dispuxeron de boas ocasións ó principio. Outra vez Ramos queda só ante o porteiro, pero empala ás mans de Julián o balón picado de Adrián (53´). Noutra xogada centra Alex dende banda esquerda e o balón pasease pola área pequena sen que Eloy ou Adrián rematen (57´).

Pero o Xallas tivo claras oportunidades nestes últimos 45 minutos ante un As Pontes sen folgos e botado cara atrás. Un remate a boca de xarro de Abel sacao Paco co corpo (50´). Alex Blanco, só, cabecea, e o balón sae por pouco (68´). Tras desfacerse dun defensa, Kevin dispara alto (79´). Cabezada de Doro cara atrás e o esférico marcha un palmo por riba do longueiro (83´). Tanto foi o cántaro á fonte, que nun balón que vai de esquerda a dereita, ninguén o despexa, recolleo Kevin, quen dende o borde da área sorprende a Paco, e a bola acaba entrando polo escuadro (84´).

Incluso puido chegar o segundo do mesmo xogador nun balón que perde Chis, e o disparo do futbolista visitante, acabao despexando a córner in extremis Paco (91´). Con pouco que facer a estas alturas de cara á parte alta da táboa, o equipo azul visita a un grande como é o Castro. O Xallas recibe ó Escairón.

1 CD As Pontes. Paco, Criado, Alex, Roberto, Dani, Chis, Ramos (Quique 69´), Bossa, Eloy, Fidi, Adrián (Pardo 69´).

1 Xallas FC. Julián Couto, Christian, Pablo, Dani, Alex Canedo, Puyi, Doro (Gándara 85´), Abel (Marcos 59´), Alex Blanco (Uxío 71´), Julián López, Camilo (Kevin 59´).

Goles: 1-0, Eloy (32´). 1-1, Kevin (84´).

Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Algo máis dun centenar de espectadores en tarde con ceo encapotado.

Árbitro: Víctor Manuel Capón Álvarez (Vigo). Auxiliado nas bandas por Fragueiro Bautista e Seijo Bardanca. Amarela a Fidi. Expulsou ó adestrador visitante Noé co tempo cumprido.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

SEGUNDA DIVISIÓN “B” DE FÚTBOL SALA: O ESTEO FS – ATLÉTICO BENAVENTE FS (3-5)

O equipo pontés tivo o empate cun dobre penalti a 30 segundos do final, e os zamoranos anotaron o 3-5 co tempo cumprido.

Derrota do Esteo 3-5 na tarde de onte nun partido trepidante ante o Atlético Benavente.

O equipo pontés do Esteo estreábase na Liga ante o conxunto zamorano, e nun primeiro tempo de moitas ocasións dos locais e outras tantas paradas de Javichu, resaltar os tiros ó longueiro de Pana (4´), e Malaguti (10´).

Puidose adiantar o Esteo cando tras unha gran xogada de Pana, deixa só a Héctor, e o seu tiro rexeitao o porteiro. Por sorte no saque de banda posterior, acaba marcando o xogador de Pontedeume (11´). Pero pouco durou a ledicia porque despois, tras unha falta de Héctor, era o gran Charlie o que marcaba a balón parado (12´).

O xogador de Benavente, ex da Selección Española, Lobelle, Santa Coloma, Ribera Navarra, Levante, Guadalajara ou Móstoles, entre outros, colou o balón por alto, entrando tras petar no longueiro.

A pesar de ser os locais os que achucharon antes do descanso, foron os casteláns leoneses os que marcharon con ventaxa, nun centro tralo que Cala lle gaña a partida a Martín no segundo pau e acaba marcando faltando catorce segundos.

No segundo tempo voltouse a repetir a tónica dos primeiros 20 minutos, de grandes ocasións para os ponteses, e tamén boas salvadas de Javichu.

Pero como acontecera antes do descanso, de unha xogada entre Ayala e Juan Cruz con tiro ó longueiro do arxentino (28´), pasouse a unha mala transición de Gago, na que Malaguti queda só e acaba marcando de tiro raso (29´), o ex xogador do Cidade de Narón a campaña pasada na Segunda División.

O equipo local non se deu por vencido, e nos últimos sete minutos arriscou con porteiro xogador. Estivo sensacional Juan Cruz, que fixo un xogadon no que se desfai de dous rivais e bate por entre as pernas a Tomy (35´).

Só un minuto despois puxo o delirio nas gradas, tras unha xogada na que tira Gerardo en primeira instancia, logo cabecea de lado a lado Ayala, e chegando dende atrás remata de cabeza ó fondo das redes Juan Cruz facendo o doblete e poñendo o 3-3 no marcador (36´).

Pero cando semellaba que o máis complicado estaba logrado, apenas un minuto despois, Malaguti centra dunha banda a outra, e chegando libre de marca ó segundo pau volta a marcar Cala (37´).

Apretou o Esteo ata o final e incluso Martin fallou un doble penalti faltando 30 segundos. Cun gol do gran Charlie cando semellaba que o tempo xa se cumprira incluso antes de que o xogador de Benavente rematara de cabeza cara atrás, pero ninguén fixo sonar a bocina, rematou o encontro.

Os de Javi Saa terán unha compricada visita ante o sempre equipo dos postos de arriba como é o Universidad de Valladolid, que neste debut perdeu 3-1 co histórico Zamora. Conxuntos recén ascendidos perderon de pouco nesta xornada asi que semella que será unha Liga onde ninguén regalará nada.

FICHA DO PARTIDO

O ESTEO FS: Javichu, Héctor, Pana, Juan Cruz, Ayala – cinco inicial – Martín, Gerardo, Rober Paz, Gago, Dani.

ATLÉTICO BENAVENTE FS: Tomy, Escu, Joselu, Malaguti, Charlie –cinco inicial- Cala, Oli, Alex, Fa, Samu.

ÁRBITROS: Carreira Romero e Modrono Liz (A Coruña). Amarelas a Javichu, Jesús, Héctor, Ayala, Cala, Malaguti, Charlie e Mañanes.

GOLES: Min. 11 (1-0), Pana. Min. 12 (1-1), Charlie. Min.20 (1-2), Cala. Min. 29 (1-3), Malaguti. Min. 35 (2-3), Juan Cruz. Min.36 (3-3), Juan Cruz. Min. 37 (3-4), Cala. Min.40 (3-5), Charlie.

INCIDENCIAS: Pavillón da Fraga. Partido correspondente á primeira xornada de Liga. Uns 200 espectadores. Antes do comezo do encontro, fíxoselles un homenaxe aos ex xogadores do club, o porteiro Iván e o xogador de pista Púas, que se retiraron este ano.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

CLUB DEPORTIVO AS PONTES 2017/18: RESULTADOS 21-23-24 / SETEMBRO /2017

Fin de semana na que, agás o Alevín B, gañaron todos os equipos ponteses de base

Fin de semana na que, agás o Alevín B, gañaron todos os equipos ponteses de base

LIGA FEMININA F-8 (Ferrol)
CD AS PONTES – DISCALZAS SD(2-1)

Primeira vitoria da tempada do conxunto feminino, ante o debutante equipo de Cedeira do Discalzas, que a semana pasada logrou o triunfo no seu primeiro encontro oficial gañando 3-2 nin máis nin menos que ó Racing de Ferrol.

Este sábado comezaban adiantándose no primeiro tempo as de Julio Montero, por medio de Paula Castro, e pese a que Antía empataba despois do descanso, a outra Paula, Baamonde, poñía o 2-1 que resultou definitivo a cinco minutos do final, pese a que posteriormente ela mesma estrelou un balonazo no poste, ou Paula Castro anotaba un tanto anulado por fora de xogo.

Cun triunfo e unha derrota, a vindeira semana reciben ó Galicia de Caranza, que derrotou ó Cariño e perdeu co Maniños.

Xogaron Leti, Yoli, Andrea Pita, Nerea, Indira, Noelia Ameneiro, Xeila, Paula Castro, Carlota, Paula Baamonde, Yara, María e Uxía.

1ª AUTONÓMICA XUVENIL 1ª Fase
CD AS PONTES – CD NARÓN “A” (5-2)

Importante triunfo do xuvenil pontés ante o que era líder da categoría, o CD Narón A. Prácticamente deixou sentenciado o encontro o conxunto de Felipe Mieres no primeiro período pois en apenas vinte minutos anotou tres tantos por medio de Óscar Calvo, Vilela e Josiño, e máis se ampliou o marcador na reanudación tralo descanso cun dobrete de Pita, maquillando o marcador Aarón e Walter antes do remate.

Cun encontro menos son líderes empatados a nove puntos co propio Narón, Meirás e Perlío, antes de visitar ó penúltimo, Ortigueira.

Xogaron Lino, Fraga, Breijo, Pablo, Bruno, Vilela, Óscar, Chema, Cristian, Xose e Pita, entrando despois Cazás, Carlos, Meidán, Dani e Alex.

1ª AUTONÓMICA CADETE 1ª Fase
FC ORTIGUEIRA – CD AS PONTES (3-5)

Terceiro triunfo da tempada do equipo cadete que este xornada venceu en Ortigueira tras remontar por dúas veces, un 1-0, e un 3-2, i é que pese a un tanto inicial de Rubén, Xan e Joan poñían o 1-2 pouco antes do descanso, pero na reanudación outra vez Rubén e Ali, situaban o 3-2 para os locais. Foi con tres goles consecutivos, dous de Vicente e un de Xoel Purriños, que se chegou ó 3-5 definitivo.

Son cuartos con nove puntos antes de recibir ó penúltimo sen puntuar, Meirás. Rubén Pardo aliñou a Juan, Eyob, Xavi, Alejandro, Antonio, Nono, Adrián, Santi, Vicente, Xan e Joan, saíndo despois Xoel Pena, Andrei, Xoel Purriños e Dani.

1ª AUTONÓMICA INFANTIL 1ª Fase
UD CEBARCA – CD AS PONTES (1-10)

Contundente triunfo do Infantil a domicilio, 1-10 en Cerdido, marchando xa 0-3 ó descanso. Segundos con seis puntos, reciben ó Portuarios, cuarto e que tamén suma dúas vitorias.

Xogaron Fran, Íker, Xose, Anxo, Samuel, Mario Fraga, Eloy, Hugo, Sergio, Ángel, Diego, e despois Mario Regueiro, Alejandro Fraga, Iago, Mateo e Alejandro Molina.

CATEGORÍA ALEVÍN (1ª Fase)
CD AS PONTES – FC ORTIGUEIRA “B” (10-0)
Gª MUGARDOS – CD AS PONTES “B” (11-0)

Segunda vitoria por goleada do Alevín A, nesta ocasión, 10-0 ó Ortigueira B. Líderes con seis puntos, reciben ó cuarto, Racing de Ferrol C, que ten tres. Derrota por 11-0 do Alevín B en Mugardos. Últimos con cero puntos, descansan a vindeira semana.

CATEGORÍA BENXAMÍN (1ª Fase)
CD AS PONTES – SCRD NARÓN O FREIXO “B” (4-1)

Debut do Benxamín A na Liga con triunfo 4-1 ante o Narón O Freixo B. A vindeira semana visitan ó Portuarios, que nesta xornada perdeu 4-3 co Val.

Nova cortesía Xose Ferreiro e AF

I TROFEO BALONCESTO FEMININO CONCELLO DE AS PONTES 2017

STAR CENTER UNIVERSITARIO DE FERROL 81 – MAQUINARIA DURÁN ENSINO DE LUGO 51

O equipo ferrolán impúxose por 30 puntos ó lucense, sendo a máxima anotadora a canadiense Vanderwaal.

Este mércores á tarde-noite disputouse no Pavillón da Fraga de As Pontes o primeiro Trofeo de Baloncesto Feminino, organizado polo Concello pontés, coa colaboura do CB As Pontes.

Enfrontábanse o Universitario de Ferrol, brillante semifinalista da Liga Feminina a campaña pasada, e o Ensino de Lugo, décimo clasificado da Liga Feminina 2.

As de Lino López foron tomando a lóxica distancia de por medio co paso dos respectivos cuartos, que tiveron uns parciais de 17-12, 40-30 (descanso), 57-40 e 81-51.

As máximas anotadoras do encontro foron as canadienses Rachael Vanderwaal (28), que anotou máis dun terzo dos puntos do seu equipo, e Jamie Scott (15).

Como xa fixeran no Campus de Baloncesto, grandes figuras do baloncesto feminino pasaron por As Pontes, como a Campiona de Europa este verán coa Selección Española Absoluta, a gaditana Bea Sánchez, a Campiona de Europa Sub20 hai uns meses en Portugal, e MVP do torneo, a viguesa María Pérez Araujo, ou Marina Delgado, triple Campiona Europea en categorías inferiores, Sub16 Polonia 2008, Sub18 Suecia 2009 e Sub20 Hungría 2012, entre outras.

No evento amenizado por Xalo Maira e arbitrado por Laura Piñeiro e Carlos Cortés, xogou o Universitario con Natalia Rodríguez (8), Bea Sánchez (5), Ani Calvo (8), María Araújo (2), Rachael Vanderwaal (28) – cinco inicial – Paula García, Jamie Scott (15), Patri Cabrera, Danna Villar, Marina Delgado (8) e Carmen Fernández (7).

Por parte do Ensino de Lugo, Sara Cuíña, Rocío Varela (2), Fiona O´Dwyer (13), Regina Gómez (12), Alicia Villegas (4) – cinco inicial – Esther Castedo (8), Nuria Domingo (5), Marina Canzobre (7), Xiana González, Margarita Moreira, Raquel Asensio e Jordynn Gaymon.

Ó remate do encontro entregaron os trofeos a campión e sucampión e un recordo para cada xogadora, o Alcalde Valentín González Formoso, o Concelleiro de Deportes Chicho Tembrás, e o Presidente do CB As Pontes, Juan Eladio Pico.

Viron o partido uns 250 espectadores, moitos rapaces e rapazas das categorías inferiores do CB As Pontes, que xogaron un partidiño nos 10 minutos que durou o descanso.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

Esta entrada foi publicada en Outros deportes en As POntes. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s