CD As Pontes Feminino

ACTUACIÓN DE MALENA MIERES EN LLÍRIA

A selección sub18 trouxo un balance de unha vitoria e unha derrota

A futbolista pontesa do RC Deportivo da Coruña Malena Mieres xogou esta fin de semana en Lliria a primeira fase do Campionato de España Sub18.

A selección galega xuvenil comezou a súa participación gañando 4-1 ó complicado conxunto vasco, con dous goles de Tatiana Barcia, e un de Carolina Brañas e María Nogueira, todas elas xogadoras do Victoria de Santiago.

Xa ao día seguinte, nada puideron facer ante a locataria Comunidade Valenciana, que gañou 3-0, con tantos nos inicios de cada tempo, e preto do final.

Malena xogou os dous encontros. Pola súa banda a selección sub16 gañou 1-0 ó País Vasco e empatou 1-1 coa Comunidade Valenciana.

Foto Cortesía Futgal. Nova cortesía XF

MALENA MIERES ESTARÁ EN VALENCIA COA SELECCIÓN GALEGA

A selección xuvenil xogará a primeira fase en Llíria

A futbolista pontesa Malena Mieres García foi convocada pola Selección Galega Sub18 para a disputa da primeira fase do Campionato de España que se xogará esta fin de semana en Llíria (Valencia).

A selección galega ten dous rivais moi complicados nesta rolda xa que se enfrontará ao País Vasco o sábado 16, e ó locatario Comunidade Valenciana o domingo 17, ambos encontros ás 12:15, nos Campos de El Canó.

Malena competirá por un posto na portería con Aroa Naya, do Friol. As 18 convocadas, entre as que destaca a subcampiona de Europa Sub17 Tere Abelleira, son as seguintes:

RC Deportivo de A Coruña: Antía Delgado, Laura Vázquez, Malena Mieres, Rosalía Muíño, Teresa Abelleira

Victoria CF Santiago: Carolina Brañas, María Nogueira, Navia Rendo, Tatiana Barcia

CPM Friol Lugo: Aroa Naya, Marta López, Sabrina Morales

Atlántida Matamá Vigo: Lara Martínez, Sara Deben, Xiana Iglesias

Sárdoma CF Vigo: Ainoa Galarza, Inés Faro

Viajes Interrias Portonovo: Carla Rial

Nova cortesía de Xose Ferreiro

SEGUNDA TERRITORIAL GALEGA. CR FENDETESTAS 47 – SANTIAGO RC 0

O equipo pontés despide o 2017 como máximo aspirante ó título xunto ó Zalaeta.

O Fendetestas pontés de Rugby venceu este sábado por un contundente 47-0 a un rival directo como o Santiago co que ademais dos catro puntos polo triunfo, lograron o bonus ofensivo.

Dous ensaios de Antonio, Andrés e Joel, e un de Rober, que acertou seis dos sete lanzamentos a paus, resolveron un encontro que xa chegou 28-0 ó descanso.

Xogaron Antón, Pablo (Rafa 52´), Joel, Toño, Rober, Antonio, Javier, Miguel (Jesús Francisco 1´), Iván, Andrés, Óscar, Luis, Víctor Manuel (Roberto 76´), Asier (Ángel 52´), Pablo.

Nesta xornada tamén venceu en partido aprazado, 51-19, o Zalaeta ó Barbanza, polo que se comprime a loita pola Liga entre os de Arteixo e os ponteses antes do remate do 2017.

Zalaeta ten 35 puntos, por 34 do Fendetestas. Nun segundo grupo estarían Santiago con 28, Mareantes B 25 e Muralla 23. Nas últimas prazas, Vigo B ten 14, Barbanza 12, e pecha Ourense B con 7.

Fotos cortesía Facebook Fendetestas. Nova cortesía XF

SEGUNDA DIVISIÓN “B” DE FÚTBOL SALA: ZAMORA FS-O ESTEO FS (8-1)

O cadro pontés remata o ano décimo con 17 puntos.

O equipo pontés de fútbol sala do Esteo despediu este sábado o 2017 e a primeira volta con unha contundente derrota ante o Zamora por 8-1, equipo que aumenta a súa ventaxa no liderato ata os catro puntos sobre segundo e terceiro.

Pese a que Martín adiantou ós de Javi Saa, os locais xa marcharon ó descanso con 3-1, redondeando no segundo tempo ata o 8-1 definitivo anotado polo ex xogador do Autos Puentes, o porteiro Santos.

O cadro pontés foi vitima da calidade do equipo local e da carencia de rotacións que acusa xa dende fai moitas xornadas.

Son décimos con 17 puntos, e coma os equipos que ocupan as tres últimas prazas non puntuaron os ponteses manteñen a mesma distancia que tiñan na anterior xornada.

FICHA DO PARTIDO

ZAMORA FS: Santos, Aitor, Sergio Simón, Diego, Pablo – cinco inicial – Jiménez, Sergio Hernández, Alber, Héctor, Pablo, Mario.

O ESTEO FS: Javichu, Martín, Gerardo, Pana, Dani Martínez – cinco inicial – Héctor, Rober Paz, Diego.

ÁRBITROS: Hevia Campa, Santoveña Fernández, Román Beuko (Asturias-Zamora). Amarelas a Javichu, Gerardo, Héctor, Pana e Dani Martínez.

GOLES: Min. 3 (0-1), Martín. Min. 8 (1-1), Sergio Hernández. Min.12 (2-1), Sergio Hernández. Min. 18 (3-1), Sergio Simón, de penalti. Min. 28 (4-1), Sergio Hernández. Min. 31 (5-1), Pablo. Min. 35 (6-1), Aitor. Min. 37 (7-1), Mario, de penalti. Min. 38 (8-1), Santos.

INCIDENCIAS: Pavillón Municipal Ángel Nieto. Partido correspondente á decimoterceira xornada de Liga. Uns 200 espectadores.

Liga da Terra Chá – Sábado 16 –
Cadete. O Esteo-Pastoriza (6-0)
Infantil. O Esteo A-Pastoriza (4-1)
Infantil. O Esteo B-Begonte B (3-2)
Alevín. O Esteo-Begonte (7-1)
Benxamín. O Esteo-Begonte (5-10)
Prebenxamín. O Esteo-Begonte (2-0)

Nova cortesía Moisés Fernández e Xose Ferreiro

LIGA DE VETERANOS AS PONTES 2017-18

Interesante xornada na que caeu o anterior líder, o Mav Abogados, tras 10 triunfos consecutivos

Moi interesante xornada a desta fin de semana na Liga Local de Veteranos, pois o que era líder con 10 vitorias, o Mav Abogados, caeu 1-2 ante o Galiorient, e Tomás Díaz, con dous tantos, deulle emoción á Liga.

A día de hoxe están empatados Muebles Eume e Mav Abogados con 30 puntos pero o mellor goal average do equipo de Basoa, (+33) por (+26) dos rivais, situao momentáneamente no liderato, e non é para menos, pois este sábado, voltaron a gañar 9-1, como fixeran contra A Cepa, nesta ocasión, ó colista Electricidad J&O.

Nunha xornada tan goleadora, tamén se puxo interesante a loita polo pichichi e Juan Canosa (La Galaxia) firmou un “póker”, que lle fai liderar a táboa con 16 tantos, seguido de Kivo (Muebles Eume) con 14. Trece goles suman Fernández (A Cepa) e Tomás (Galiorient) e 11 Óscar Dorado (Muebles Eume).

Muebles Eume e Mav Abogados suman 30 puntos, por 22 de La Galaxia, 17 da Cepa, e 16 de Bar Jardín-Lecar 712 e Galiorient. Máis abaixo estaría Farmavida con 10 puntos, MMYPEN con 9, As Pontes 74 con 7 e pecha Electricidad J&O con 4.

A Liga non retorna ata a segunda semana do 2018, e comeza co prato forte que pode decidir o título, i é que o sábado día 13, ás 20:00, xogan os dous primeiros clasificados.

RESULTADOS 11ª XORNADA
MAV Abogados-Galiorient (1-2) (Narciso / Tomás 2)
Electricidad J &O-Muebles Eume (1-9) (Manolo / Oscar Dorado 4, Kivo 2, Miguel 2, Quinto)
Bar Jardín-Farmavida (5-2) (Cabanela 2, Miguel, Felipe, Héctor / Juanjo, Alberto)
La Galaxia-A Cepa (7-2) (Juan 4, Nené 2, Sito / Fernández 2)
MMYPEN-As Pontes 74 (4-2) (Luis, Pazos, Choupi, Oscar / Paz 2)

CALENDARIO 12ª XORNADA
13/01/2018 – 19:00 FARMAVIDA – ELECTRICIDAD J&O
13/01/2018 – 20:00 MAV ABOGADOS – MUEBLES EUME
14/01/2018 – 10:00 BAR JARDÍN – GALIORIENT
14/01/2018 – 11:00 A CEPA – AS PONTES 74
14/01/2018 – 12:00 LA GALAXIA – MMYPEM

Nova cortesía de Tino Prieto e Xose Ferreiro

PREFERENTE NORTE. RIBADEO FC 2 – CD AS PONTES 0

Triunfo do equipo lucense, que foi máis voluntarioso ó longo dos 90 minutos, e sentenciou no tempo de desconto

Derrota sen paliativos do cadro pontés na tarde de onte, co que remata o 2017 moi lonxe dos postos de ascenso, porque pese á terceira posición provisional, varios equipos con dous partidos pendentes probablemente acaben superando ó equipo azul cando todos sumen 18 partidos xogados.

Nun campo embarrado e impracticable para os dous conxuntos, comezaron moito máis metidos no partido os da Mariña, e tiveron varias ocasións nos primeiros quince minutos. Nun balón despexado cara o centro por Criado, Poratti disparou por riba do longueiro (4´). Pero máis clara sen dúbida foi nunha xogada na que sae Bossa co balón dende atrás, quere mandalo ao outro campo, rebota en Adrián, e o balón vaille ós pes de Criss, que por querer regatear a Paco, trastabillouse e perdeu de marcar un gol que estaba case feito (8´).

Tanto foi o cántaro á fonte, que nunha xogada de combinación na que o extremo dereito centra no borde da área completamente só, con Roberto fóra de sitio, rematou de primeiras Criss, salvou Paco como puido, caeulle nos pes a Rego que despexou moi frouxo, e acabou marcando Criss, case máis por gañas que por técnica (15´).

Cando o As Pontes comezou a tocar un pouco os locais xa ían 1-0 e gracias. Seguiron dominando os celestes, pero antes do descanso resaltar un tiro de Bossa que despexa Hugo, e no rexeite Eloy manda o balón ó fondo das mallas, entendendo o colexiado que aproveitándose da situación de fóra de xogo (22´). Máis tarde é Dani, tras un córner, quen remata fóra (32´).

Pese a que no comezo do segundo período nunha boa xogada de Pardo, acaba rematando Eloy frouxo e ás mans de Hugo (48´), puideron anotar o segundo os visitantes, nunha xogada na que Poratti fai un caño a Dani, dispara, e salva Paco coa man (51´).

O As Pontes buscaba o empate con poucas ideas ante un conxunto local moi ben prantado e no que os seus dous centrais Marcos Peña e Pablo Rivas gañaron case todas as accións a Eloy e Iglesias.

Resaltar un remate de volea do recén ingresado Alex Cabarcos que marcha preto do escuadro (67´), e un centro de Rafa Casanova tras unha perda de Adrián que se pasea pola área pequena sen atopar rematador (75´).

Moi brillantes os dous ex xogadores do Racing de Ferrol, dando unha habitual lección de cátedra, con 38 anos o arxentino, e con 35 o de Friol. Tivo o empate o conxunto pontés nunha internada de Quique por banda esquerda, ó que lle envían un balón dende a dereita, que controla e dispara por riba do escuadro, moi preto do longueiro (85´).

Pero nos derradeiros minutos, o impetuoso conxunto local fixo catro ou cinco contras moi perigosas, incluido un gol de cabeza anulado a Miguel Gomes por suposto fóra de xogo (87´) ata que no 93´ Luqui quedou completamente só, e marcou de tiro forte por baixo sen oposición defensiva.

O As Pontes pecha o 2017 con apenas 31 puntos en 18 partidos e deberá gañar ó Arzúa no comezo de ano para manter algunha mínima opción no que será o remate da primeira volta.

2 Ribadeo FC. Hugo, Pablo Rivas, Rafa Casanova, Marcos Peña, Santi (Martín Traba 88´), Poratti, Tichu (Miguel Gomes 81´), Juanma, Criss (Luki 66´), David Rodríguez (Jacob 58´), Iván Rodríguez.

0 CD As Pontes. Paco, Criado, Roberto (Alex 66´), Rego, Dani, Martínez, Ramos, Bossa, Eloy, Iglesias (Carba 82´), Pardo (Quique 68´).
Goles: 1-0 Criss (15´). 2-0, Luqui (93´).

Árbitro: Edgar Soto Eiroa (A Coruña). Auxiliado nas bandas por Belmonte Martell e Nava Rey. Amarelas a Criss, Juanma e Jacob.

Campo e incidencias: Pepe Barrera. Campo moi embarrado e con presencia de máis de 200 espectadores.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

RESULTADOS CD AS PONTES SEMANA 15-16-17 DECEMBRO

Vitorias do Feminino, Xuvenil, Benxamín A e Prebenxamín A

FEMININO
EUME DEPORTIVO-CD AS PONTES (0-4)

O equipo feminino gañou 0-4 na súa visita a Pontedeume. Os goles de Carlota e dous de Paula Baamonde sentenciaron o encontro antes do descanso e mediado o segundo tempo un cuarto de Paula Castro deron tres importantes puntos ó cadro de Julio Montero.

Son cuartas con 28 puntos antes de recibir ó Cariño, terceiro con 31. Xogaron Leti, Yoli, Nuria, Indira, Noelia, Nerea, Xeila, Paula Castro, Carlota, Paula Baamonde, Lucía e Uxía.

XUVENIL
CD AS PONTES-CD NARÓN A (2-1)

Sufrida vitoria do Xuvenil pontés no seu encontro ante o Narón A. Na primeira parte os locais dominaron máis, pero tamén se puido ver un tiro ó poste dos visitantes e unha boa intervención de Meidán.

A segunda comezaba cun gran gol de Óscar Calvo tras saque de córner, de cabeza polo escuadro, ó que respondeu rápido o conxunto amarelo, que marcou Sergio tras un forte disparo dende fóra da área, que se acabou colando por alto a pesar de tocar Meidán.

Despois dunha acción na que os visitantes reclamaron penalti, nunha boa xogada local, Óscar cédella a Cristian, que marca o 2-1 de forte disparo por baixo chegando dende atrás. O propio Cristian puido sentenciar nunha xogada na que Andrés lanza un disparo case dende o medio do campo, o porteiro salva como pode, e con toda a porta para él, o dianteiro manda o balón moi alto.

Os de Felipe Mieres conservaron a vitoria e seguen na dura poxa polo título, que ten ó Eume líder con 15 puntos, seguido de As Pontes, Narón A e Portuarios con 12. Antes do remate do 2017 visita o As Pontes Pontedeume nun partido moi importante.

Xogaron Meidán, Carlos, Breijo, Pablo, Bruno, Vilela, Óscar, Dani, Cristian, Xose e Andrés, entrando despois Fraga, Derick e Jose.

CADETE
SCDR GALICIA DE CARANZA B-CD AS PONTES (2-1)

Derrota do Cadete na súa visita a Caranza. Nun partido no que se marcaron os goles nos derradeiros vinte minutos, Hugo Díaz e Hugo Lamas puxeron terra de por medio, e case sen tempo recurtou distancias Vicente.

Cuartos con nove puntos, reciben ó Val, sexto con sete. Xogaron Juan, Eyob, Xavi, Alejandro, Antonio, Nono, Adrián, Santi, Vicente, Xan e Joan, entrando despois Xoel, Andrei, Mohamed e Iván.

INFANTIL
SCDR GALICIA DE CARANZA B-CD AS PONTES (3-3)

Empate 3-3 do Infantil na súa visita a Caranza. Nunha Liga moi apretada, lideran Ferrol B e O Val con 15 puntos, seguido de Narón A, As Pontes e Caranza B con 13, recibindo a vindeira xornada no Poboado ó equipo naronés.

Dous goles de Xoel Purriños e un de Jandro López. Xogaron Hugo Bouza, Eloy, Xose, Anxo, Samuel, Mario Fraga, Xoel, Hugo Blanco, Diego, Jandro, Luis, Iago, Mario Regueiro, Ángel, Íker, Sergio.

ALEVÍN
SD O VAL B-CD AS PONTES A (4-4)
CD AS PONTES B-EFB AMISTADE DE MEIRÁS (0-2)

O Alevín A empatou 4-4 na súa visita a Sinde, goles de Israel Varela (2), Anxo Blanco e Xandre Fernández. Sextos con catro puntos reciben ó Eume B, cuarto con seis. Pola súa banda o Alevín B perdeu 0-2 co Amistade de Meirás, e cun punto visitan ó Narón B, que ten tres.

BENXAMÍN
CD AS PONTES A-SD O VAL (2-1)
EFR RACING DE FERROL C-CD AS PONTES B (3-2)

O Benxamín A gañou nos últimos minutos 2-1 ó Val, goles de Íker Ares e Xalo González, e sextos con tres puntos, visitan ó Ánimas, que ten seis. O Benxamín B perdeu 3-2 co Ferrol C, goles de Xavi García e Xandre Domínguez, e quinto con tres puntos recibe ó Caranza D, que aínda non puntuou.

PREBENXAMÍN
CD AS PONTES A-CEDEIRA SD (4-0)
SCDR GALICIA DE CARANZA-CD AS PONTES B (4-3)

O Prebenxamín A gañou 4-0 ó Cedeira, dous goles de Xoel Galego, e un de Brais Varela e Íker Díaz, e cuarto con 3 puntos visita ó Racing de Ferrol, coa mesma puntuación. O Prebenxamín B pola súa banda perdeu 4-3 na súa visita a Caranza, goles de Xoel Timiraos (2) e Brais Gómez, antes de recibir ó Ferrol B, ambos sen puntuar.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Esta entrada foi publicada en Novas equipo masculino C.D. As Pontes. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s