CD As Pontes Feminino

O ATLÉTICO CORUÑA ASCENDE A PREFERENTE NORTE

Fíxoo con tres xogadores ponteses nas súas filas

O Atlético Coruña, antiguo Montañeros, ascendeu onte domingo á Preferente Norte. No equipo xogan os ponteses Jorge Fernández “Chote”, Elmer Bouza e Hugo Filgueiras, habituais nas aliñacións do equipo.

Tamén forma parte do plantel Óscar “La Magia” Martínez, ex xogador do equipo pontés e irmán de Adrián, xogador actualmente ás ordes de Marco Roca.

Adestra o equipo Jose Mariño, que tamén xogara seis temporadas no antiguo Endesa As Pontes, tanto en Segunda B, como en Terceira División, e tamén na Preferente.

Faltando dúas xornadas para o remate da Liga, e con catro puntos de ventaxa sobre o segundo, os coruñeses necesitaban gañar onte en Cedeira para certificar a primeira praza, que o fixeron, 1-3, pero ademais víronse acompañados da derrota do Carral ante o Eume Deportivo (0-2).

Así as cousas e a falta dunha xornada, o Atlético Coruña xa é campión matemático e ascendido con 76 puntos, e pola segunda praza de promoción pelexarán o Carral (69), e o Victoria (68). O Galicia de Mugardos adestrado por Fontao é cuarto con 61.

Neste grupo primeiro hai outros cinco equipos da Comarca. O Eume é sexto, Miño sétimo, Cedeira oitavo, O Val duodécimo e o Ortigueira decimocuarto.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

SEGUNDA DIVISIÓN “B” DE FÚTBOL SALA: SD XOVE FS -O ESTEO FS (2-5)

O Esteo garante a oitava praza a falta dunha xornada

Brillante victoria do Esteo a deste sábado en Xove, por 2 goles a 5, conseguindo a terceira vitoria a domicilio da campaña, ademais da de Narón e a de Santiago de Sama.

Por riba co equipo ao que non se lle conseguira gañar nos cinco enfrontamentos anteriores, tanto en Lugo como en As Pontes, e so puideran conseguir dous empates.

Ao descanso marcharon con 1-3 e nos segundos vinte minutos pecharon co 2-5 final gracias aos tantos de Pana (2), Martín (2) e Dani.

Os ponteses xa son como mínimo oitavos, con 36 puntos, polo que garanten xogar a próxima edición da Copa de Galicia, e pechan a Liga este sábado na Fraga recibindo ó folgado campión Zamora.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

PREFERENTE NORTE. VIVEIRO CF 1 – CD AS PONTES 1

O As Pontes alonxase dos dous primeiros postos 

Revés do As Pontes na tarde deste domingo, xa que só foi quen de empatar na súa visita ó Viveiro, que se está xogando o descenso, mentres gañaban os dous rivais de arriba.

Nunha primiera parte na que puxo máis mordente o Viveiro, o As Pontes apareceu nos derradeiros instantes, e tras un pase en profundidade de Bossa, anticípase un defensa antes de que remate Iglesias (32´), o mesmo que tras un centro de Alex, que Dani está a piques de rematar na área pequena (33´). Cun disparo por alto de Iglesias que se internaba por banda dereita rematou a primeira metade (43´).

Na segunda parte, o As Pontes foi a pola vitoria, sobre todo coa entrada de Pardo, e Ramos tivo unha ocasión na que se prantou só ante Trullo pero a súa vaselina marchou por moito (49´). Respondeu Arturo Calvo cun bo disparo que pegou no lateral da rede (55´).

Ata que chegou o gol pontés. Desmarcase Pardo, vaise só, regatea ó porteiro, remata, e o balón acaba entrando tras colarse entre as pernas dun defensa (60´). Pero pouco dura a ledicia na casa do pobre, xa que na xogada inmediatamente posterior, nun despiste da defensa e Paco, o balón prácticamente rebota nas pernas de Poceiro e acaba entrando con suspense (61´).

Seguiuno tentando o cadro hoxe verdinegro, e inmediatamente despois remata Adrián de cabeza na área pequena moi centrado (62´), unha boa falta de Bossa é desviada a córner por Trullo (65´), e unha vaselina de Pardo marcha por pouco (67´).

Si ben é certo que o cadro pontés foi a por todo, con balóns colgados á área, pechando ós viveirenses no seu campo, estes tiveron ás súas na contra. Así Arturo Calvo disparou forte e ben colocado dende lonxe e fixo estirarse a Paco (69´).

Nunha contra vaise Ben de Adrián Martínez, encara só a Paco, e sorte que lle importunou Ramos o xusto para que disparara ó corpo do porteiro (76´). Nunha perda de Bossa actuando como último home, casi o aproveita Xenxo ao borde da área e salvou Maroñas a xogada (89´).

Nos últimos minutos, remate por alto de Iglesias (90´), e xa no tempo de desconto os ponteses reclamaron un penalti sobre o propio dianteiro de Agolada e unhas mans dentro da área.

Sen tempo para máis, ó As Pontes escaparonselle dous puntos, queda a catro dos dous primeiros, e sorte que o Ribadeo perdeu 3-6 co san Tirso, o que lle da cinco puntos de ventaxa sobre os mariñáns que visitan ó Poboado o vindeiro domingo buscando a terceira praza.

Viveiro CF. Trullo, Juan, Daniel, Roi (Pablo 90´), Joao Pedro, Poceiro, Alex Meitín, Xaime, Arturo Calvo (Xenxo 79´), Fran Rolle (David Ben 67´), Alex Paz.

CD As Pontes. Paco, Ramos (Criado 80´), Alex, Rego, Maroñas, Dani, Martínez (Carba 80´), Bossa, Iglesias, Fidi (Troncho 67´), Toni (Pardo 45´).

Goles: 0-1, Pardo (60´), 1-1, Poceiro (61´).

Árbitro: Gabriel Quintairos Rial (Vigo). Auxiliado por Sayar Celestino e De Castro Martínez. Amarelas a Xaime, Juan, Bossa, Rego, Pardo, e expulsou a Alex Cabarcos co partido rematado.

Campo e incidencias: Cantarrana. Máis de 200 espectadores, a metade ponteses, en tarde con ceo encampotado.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

FASE DE ASCENSO XUVENIL. IMPERÁTOR OAR 0 – CD AS PONTES 1

O equipo xuvenil supera a primeira fase 

O Xuvenil pontés superou onte en Maniños, nun O Pote abarrotado, a primeira eliminatoria da Fase de Ascenso á Liga Galega tras vencer ó equipo do Imperátor Oar, cuarto clasificado do grupo coruñés, por 0-1.

E iso que na primeira xogada do encontro, nun doble remate dentro da área, puidose adiantar o cadro coruñés. Pero co paso dos minutos os ponteses facíanse co mando do xogo, iso si, o equipo vermello contaba con poucas chegadas, pero casi todas de perigo.

Polos azuis destacar unha vaselina de Dani que marchou por pouco (13´), e no seguinte córner o propio Dani a piques está de cabecear antes de que despexe o porteiro (14´).

De aí ó descanso, catro ocasións dos rivais. Un dianteiro a piques está de enviar a gol un balón morto na área (18´), un centro chut desde banda esquerda que non entrou por pouco (27´), un disparo dende fóra da área que marchou preto do escuadro (33´), e unha cabezada desvíaa Lino ó longueiro (35´).

No inicio do segundo tempo, tras un forte disparo de Josiño, que rebota nun defensa e acaba no fondo das mallas adiantouse o equipo de Felipe Mieres (56´).

De aí ó final o encontro foi un toma e daca cos vermellos buscando o empate e os azuis as contras. Nun disparo coa porta baleira, Breijo despexa milagreiramente o xusto para que o balón marche a rentes do pau a córner (60´).

Nunha contra, Dani remata e saca o porteiro co corpo, e o posterior disparo de Josiño sacao un defensa (69´). Perigoso centro de Peke dende banda que non atopa rematador (74´).

Dúas boas ocasións dos coruñeses. Un balón perigoso despexado por Pablo (76´) e un remate a reviravolta do seu dianteiro que marcha fóra por moi pouco (81´).

Nos derradeiros minuitos, incluido o longo desconto, o As Pontes aguantou como gato panza arriba e na segunda fase verase as caras co Palas de Rei, terceiro clasificado do grupo lucense.

Xogaron Lino, Carlos, David, Pablo, Breijo, Vilela, Óscar, Chema, Dani (Andrés 75´), Xose (Cristian 84´) e Peke.

Sensacional tamén o equipo feminino que no encontro de oitavos de final de Copa ante as segundas clasificadas da Liga, con so dous cambios, e baixas de importancia, venceu 0-2 ó Caranza, tantos de Paula Castro en cada tempo. Xogaron Leti, Yoli, Nuria, Indira, Noelia, Nerea, Xeila, Paula Castro, Lucía e Carolina Paz.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Esta entrada foi publicada en Novas equipo masculino C.D. As Pontes. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s