CD As Pontes Feminino

O EQUIPO FEMININO SUBCAMPIÓN DA COPA AFACO

Perdeu na final co Campión de Liga Maniños

O As Pontes Feminino quedou este sábado subcampeón da Copa Afaco nos Pinares. Tras unha primeira fase que comezou con derrota ante o Maniños 1-2, pero continuou con vitorias ante Perlío (1-0) e Mugardos (4-0), prantáronse na gran final os dous equipos mellor clasificados nesta liguiña, voltando a gañar o Maniños por un axustado 1-0.

O equipo de Fene gañou a súa terceira, de catro, Copa Afaco. Tan só perdeu a de 2016, nos penaltis, ante o As Pontes, o que da unha mostra da categoría do seu plantel.

O equipo pontés remata a campaña como subcampión da Copa Afaco, semifinalista de Copa, caendo ante o equipo finalmente campión, e cuarto na Liga.

Xulio Montero acudiu a este torneo con Leti, Carlota, Yoli, Paula Castro, Paula Baamonde, Noelia, Nuria, Nerea, Carolina Paz.

Nova cortesía Xose Ferreiro. Foto CD As Pontes.

O ALEVÍN A CONQUISTA O TORNEO DE PONTEDEUME

Torneo de base de recoñecido prestixio

Brillante vitoria do Alevín A no prestixioso Torneo Vila de Pontedeume, no que participaban 13 equipos, incluidos tres coruñeses de renome coma Montañeros, Ural e Orillamar.

O equipo pontés gañou nesta 21ª edición ó Freixo 3-1 e Mugardos 5-1 na primeira rolda, nos cuartos de final 3-1 ó Eume B, nas semifinais 5-0 de novo ó Mugardos e na gran final 3-0 ó locatario Eume Deportivo A, conxunto que se desfixera na penúltima rolda nin máis nin menos que do Racing de Ferrol.

Nova cortesía Xose Blanco e XF

PROMOCIÓN DE TERCEIROS. CD AS PONTES 4 – UD ATIOS 1

O As Pontes gaña a eliminatoria contra o equipo de Porriño

O As Pontes puxo fin este domingo a unha longa tempada coa vitoria na volta da promoción dos terceiros 4-1 ante o Atios de Porriño, tralo 0-0 da ida.

Pronto se poñían as cousas de cara pois Rubén Pardo internase por banda esquerda, regatea a dous defensas, ao porteiro, e acaba marcando a porta baleira (5´). Logo era Toni quen tras recibir un pase en profundidade e sen pensalo moito remata á reviravolta e marca un golazo de forte disparo cruzado axustado ó segundo pau a onde non puido chegar Vitas (28´).

Despois desa xogada foi expulsado o adestrador visitante, o longueiro evitou un gol do ex do Bouzas, Rubio (29´), e antes do descanso tiveron outra ocasión os visitantes nunha contra tras unha perda de balón de Fidi, na que o xogador visitante marcha, Martínez non chega para cubrilo e o seu remate vai a rentes do pau (41´).

Tamén puido poñer o terceiro no marcador o As Pontes tras outra nova xogada de Pardo por banda dereita, na que pica a bola pero chega o xusto Vitas para evitar que Quique cabecee a placer coa porta baleira (43´).

O As Pontes estaba botándose moito cara atrás co segundo gol e nun balón mal despexado por Toni, o equipo rival chegou á area contraria, houbo un leve toque coa perna e un xogador que caeu dentro da área, sinalando o colexiado penalti, que transformou o gran Víctor Besada (50´).

Poñíase moi emocionante a eliminatoria dado que un gol dos vermellos suponía a súa vitoria na cruce, e pese a que o gol deu ánimos ós pontevedreses puido voltar a marcar Pardo nunha xogada en que lle cedeu o balón Quique, encara á portería moi pegado á liña de córner, pero saca un zapatazo que vai ó poste (60´).

Logo é Quique o que peitea un córner botado por Bossa e para moi ben Vitas (64´). Nun regate de Ramos danlle unha patada no borde da área, e o penalti encargase de transformalo Bossa no 3-1 (70´).

Podería semellar a sentenza pero nada máis lonxe da realidade. Nun balón perdido por Bossa e nun mal pase como último defensa de Martínez, a piques estiveron de marcar Cora (81´), e Bas (86´), pero salvou providencial Paco. Ata que noutra contra co rival botado cara arriba vaise por banda Pardo, encara a Miguel e bateo por baixo situando o 4-1 definitivo (88´).

O As Pontes finaliza a tempada como quinto dos 40 equipos de Preferente, so por detrás dos catro ascendidos, Lugo B e Paiosaco do Norte e Ourense e Porriño Industrial do Sur. Dentro das poucas posibilidades só queda por agardar que o Compostela gañe a súa final polo ascenso e ver o que poida pasar con algúns equipos o 30 de Xuño.

Acaban a campaña como máximos goleadores Adrián Iglesias e Rubén Pardo con 14 tantos e con 10 o Mago de Viveiro. Antes do comezo do encontro fíxoselle un homenaxe ó Xuvenil brillante campión de Copa, subcampión de Liga e ascendido á Liga Galega. Incluso Josiño tivo uns minutos no partido.

CD As Pontes. Paco, Criado, Alex, Rego, Maroñas, Martínez, Toni (Ramos 60´), Bossa (Jandro 90´), Quique (Iglesias 69´), Fidi, Pardo (Josiño 89´).

UD Atios. Vitas (Miguel 83´), Davo (Danilo 45´), Lucas (Berto 75´), Cristian, Adri (Bas 83´), Malam, Cora, Richi, Rubio (Marcos 75´), Besada, Anxo.

Goles: 1-0, Pardo (5´), 2-0, Toni (28´). 2-1, Besada (50´), 3-1, Bossa (70´), 4-1, Pardo (88´).

Árbitro: Álvaro Valín González (Lugo). Expulsou ó adestrador visitante, Jose Tizón (29´). Amarelas a Criado, Toni, Fidi.

Campo e incidencias. Campo de O Poboado. Cerca de 300 espectadores, moitos de Porriño.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

FINAL COPA XUVENIL. EUME DEPORTIVO 1 (3) – CD AS PONTES 1 (4)

O equipo pontés consigue a Copa nos penaltis ante un gran Eume

O xuvenil pontés puxo fin na tarde deste sábado na Gándara a 31 anos sen gañar a Copa de Ferrol, dende aquel 1987 en que se gañou 2-1 ó Meirás. O clube estivo 29 campañas en categorías superiores, pero xa tocaba volvela a gañar.

Supón o título número 71 da canteira pontesa a nivel comarcal, con esta segunda Copa de Ferrol, ademáis de 6 Ligas e 2 Copas Afaco, en categoría xuvenil. Tamén 5 ligas e 5 Copas en categoría Cadete, outras 9 Ligas e 9 Copas, ademais de 4 Copas Afaco, en categoría infantil, 12 Ligas e 11 Copas en Alevín, 2 Ligas Benxamíns, 2 Ligas Prebenxamíns, e o feminino suma 1 Liga e 1 Copa Afaco.

Si ben o encontro definitivo, como se agardaba, foi moi moi complicado, e estivo costa arriba por moitos momentos. Non en van, xogábase co Campión de Liga, o Eume Deportivo, que xa gañara ós azuis por 3-1 e 3-4 na competición ligueira.

Nun primeiro tempo de maior dominio de balón do Eume, a primeira ocasión chegaba cun remate de Piñeiro, que se marcha preto do escuadro (4´), ó que respostou Óscar, con unha internada por banda dereita, pero o seu pase cara a área pasease sen atopar rematador (6´). Adiantáronse os hoxe amárelos, tras un centro dende banda esquerda, que remata de cabeza libre de marca Raúl ó fondo das mallas (24´).

Tras outra internada de Jericó, en que Lino esvara e remata por alto Penedo (31´), e con unha ocasión de Óscar que lle cae un balón morto dentro da área que non agarda, e remata desviado, chegouse ao descanso (40´).

No segundo período o xogo voltouse máis alterno, pero as mellores ocasións foron dos amarelos. Penedo vaise por banda de Breijo, centra, non despexa ninguén, e Jericó remata a rentes do pau (56´). Tamén disparou moi axustado ó poste Piñeiro tras saque de falta (58´).

Si ben Dani quedou só ante o porteiro pero Kevin chega ó balón un palmo antes que o xogador pontés (59´), noutra ocasión dentro da área controla Filgueiras, e o seu remate frouxo chapao Lino (62´).

Co paso dos minutos o As Pontes foi cara arriba arriscando con todo, e tivo que saír Lino fóra da área, perdeu o balón, e despexou un defensa baixo paus (78´). Os azuis buscaban continuamente a área rival, pero non conseguían chegar con claridade, e apenas remataban a portería.

Pero cando todo parecía perdido, nunha contra sírvelle un gran balón Óscar a Cristian, recén saído, que encara á portería e marca de forte disparo (83´). Isto espoleou ós azuis, xa que Vilela fai un gran disparo e despexa Kevin a córner (86´), ou noutra das múltiples internadas de Óscar o seu centro non atopa rematador (90´).

Pero foi o Eume o que puido gañar no último minuto. Nun balón que non consigue despexar Pablo e acaba en córner, tralo saque de esquina o balón pasease pola área pontesa ata que chega ós pes de Paulino, que remata e o balón vai ó poste (93´).

Así acabou o encontro e tívose que acudir ós penaltis, non exento de polémica, xa que o primeiro intento de Peque desviouno Kevin acabando o balón no poste, pero o colexiado entendeu que se moveu o porteiro antes de lanzalo e houbo que repetilo, introducíndoo nesta segunda ocasión polo escuadro.

Polo As Pontes marcaron Josiño, Vilela e Peque, e tamén os tres primeiros lanzadores do Eume. Logo Dani mandou o balón ó longueiro, e outra vez, cando todo estaba costa arriba, Lino parou o cuarto lanzamento dos de Pontedeume, de Paulino. Breijo marcou o quinto, e a presión puidolle a Penedo no derradeiro lanzamento e enviou o balón por alto.

O As Pontes pon fin a unha magnífica campaña na que queda co ascenso á Liga Galega, a Copa de Ferrol e o subcampionato de Liga. Xogaron Lino, Carlos (Fraga 76´), David, Pablo, Breijo, Vilela, Óscar, Chema (Cristian 76´), Peque, Josiño, e Andrés (Dani 45´).

Poñen fin á súa estadía nas categorías inferiores do clube Lino, Andrés e Josiño, coa Liga Prebenxamín 2007, a Liga Alevín 2011, a Copa de Ferrol e Copa Afaco Infantil do 2013, a Copa Afaco Xuvenil 2017, e o ascenso e Copa en apenas sete días.

COPA DE FERROL 2017-18
GRUPO A

1º CD AS PONTES – 30
2º CULTURAL MANIÑOS – 24
3º CD Narón A – 22
4º CCRD Perlío – 16
5º Rápido de Neda – 15
6º Meirás CF – 14
7º SRD Portuarios B – 13
8º SDC Galicia de Mugardos – 13
9º Cedeira SD – 6
10º CF San Sadurniño – 4
11º FC Ortigueira – 4

GRUPO B

1º EUME DEPORTIVO – 24
2º SRD PORTUARIOS – 21
3º Racing San Pedro A – 20
4º Galicia de Caranza B – 17
5º Numancia de Ares CF – 16
6º CD Cariño – 9
7º EFB Amistade de Meirás – 7
8º CD Narón B – 6
9º AD Miño – 6
10º SDCR Narón O Freixo – 3

SEMIFINAIS

Cultural Maniños 0 – Eume Deportivo 3
EUME DEPORTIVO 4 – Cultural Maniños 1
SRD Portuarios 0 – As Pontes 1
AS PONTES 2 – SRD Portuarios 0

FINAL
Eume Deportivo 1 (3) – AS PONTES 1 (4)

Nova cortesía de Xose Ferreiro

FOTOS. COPA LOCAL DE FÚTBOL SALA 2018

A Cova dos Trasnos consigue o doblete

Esta fin de semana celebrouse a Copa Local de Fútbol Sala e o equipo de A Cova dos Trasnos conseguiu o doblete, pois tras resultar Campión de Liga, venceu tamén a Copa superando 4-1 na final ó Husse Barbarroja, despois de eliminar ó subcampión de Liga, Pinturas Colormix, nos cuartos de final.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

XXVII TROFEO SILEX 2018

O Clube Silex logrou catro victorias

Este sábado á tarde disputouse no Campo de Tiro do Poboado das Veigas o tradicional Trofeo Silex de Tiro con Arco, na súa 27ª edición.

Tralas tiradas previas e roldas eliminatorias disputadas durante todo o día, o equipo local do Clube Silex resultou vencedor en catro probas, pois o gañador masculino e absoluto foi Miguel Alvariño, e tamén triunfou Cristina Castro en Feminino e Daniel González en Cadete.

Os ferroláns Willy Rodríguez e Juan Dopico foron os gañadores en Composto e Veterano respectivamente.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Esta entrada foi publicada en Novas equipo masculino C.D. As Pontes. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s