—
ACTUACIÓN DE BORJA PRIETO NOS CAMPIONATOS DE ESPAÑA
O palista pontés acadou unha medalla de prata
O piragüista pontés Borja Prieto Valera obtivo uns magníficos resultados esta fin de semana nos Campionatos de España disputados en Verducido.
Borja participou en dúas probas. No K2-500 do sábado, xunto ao seu compañeiro Campión Mundial Sub23 Juan Oriyés, foron cuartos na contrareloxo, e terceiros na súa semifinal. Xa na gran final, acabaron oitavos, nunha proba gañada polo Kayak Tudense do xenial Roi Rodríguez, e Sebastián Delgado.
No K2 200 do domingo, foron segundos na súa semifinal, acadando o mesmo posto na gran final (34:19), só por detrás do Ría de Aldán do Campión Olímpico en Pekín 2008, Perucho, e Diego Dacosta (33:54), quedando terceiro o Villaralbo (34:29).
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—
O CD AS PONTES XA CONTA CON 17 XOGADORES
Novos movementos no clube pontés a poucos días da súa presentación
Nestes últimos días o CD As Pontes anunciou a fichaxe de Alex Sánchez, xove defensa coruñés con pasado no Bergantiños, Laracha, Betanzos, e as categorías inferiores do Deportivo.
Tamén se anunciou a renovación de Bossa, que seguirá unha campaña máis levando a batuta do equipo, na que será a súa novena tempada no clube.
O equipo ten a día de hoxe 17 futbolistas. Paco e Pelayo na portería, Rego, Dani, Martín, Alex Sánchez, Alex Cabarcos e Criado na defensa, Bossa, Martínez, Fidi, Toni, Ramos, Quique e Pardo no medio, e arriba Erni e Sergio.
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—
O ESTEO FS XA CONTA CON NOVE XOGADORES
O clube pontés fixo estes días catro fichaxes
O equipo pontés de fútbol sala do Esteo firmou estes días catro novas incorporacións, ademais das cinco renovacións coas que xa contaba, as do porteiro Javichu, e a dos xogadores de pista, Héctor, Rober Paz, Ayala e Dani.
A incorporación de maior renome sen dúbida é a de Alex Durán. O xogador de 23 anos estivo a campaña anterior a cabalo entre O Parrulo, de Primeira División, e o Puertollano, de Segunda, equipo que terminou xogando a fase de ascenso. Tamén se incorpora Cokito, do Cidade de Narón.
O ex xogador do CD As Pontes de 30 anos, Troncho, cambia o Campo do Poboado polo Pavillón da Fraga. O seu irmán Nené xa xogara hai anos no equipo pontés.
Tamén estará ás ordes de Óscar Vigo o xogador pontés de 17 anos Bruno Silvén, que xogara nas categorías inferiores do CD As Pontes e logo pasara polos equipos de base do Azkar Lugo e Lugo Sala, e tamén da Selección Galega.
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—
TORNEO DE TENIS FESTAS DO CARME 2018
Ao longo da semana disputouse o evento en sete categorías
Ao longo desta semana disputouse en As Pontes o Torneo de Tenis das Festas do Carme 2018.
Na final absoluta federada impúxose o local Ángel Montero (Casino Ferrolano) a Iván Sánchez (Casino Coruña), mentres que na non federada o gañador foi Carlos Pedreira, que logrou o triunfo no derradeiro partido ante Iván Justo.
Noutras categorías, en Cadete, Álvaro Rodríguez gañou a David Maceiras, en infantil federado Hugo Teijeiro impúxose a Pablo Santalla, e na mesma categoría, non federada, o local Alex Montero venceu ó tamén local Pablo Díaz.
Xa nos máis pequenos, en Alevín feminino, Alejandra Vázquez gañou a Carla Feal, o mesmo que fixo Tomás Jose González ante Diego Fernández en Benxamín.
Ó remate do evento este venres á tarde, entregaron os diversos trofeos o Concelleiro de Deportes Chicho Tembrás, e Paulino Fernández, Presidente do Club de Tenis As Pontes.
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—
DEPOR CAMPUS AS PONTES 2018
Tivo lugar esta semana nos Campos do Poboado.
Preto dunha trintena de rapaces, de 6 a 14 anos, participaron durante esta semana, de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 horas, no segundo Campus do Deportivo da Coruña levado a cabo nos Campos do Poboado.
Ó remate do evento entregáronse ós diversos cativos participantes diplomas, bufandas e entradas para ver un partido do Deportivo en Riazor. Tamén se sortearon diversos agasallos.
Estiveron presentes o Concelleiro de Deportes, Chicho Tembrás, e a xogadora pontesa do clube herculino, Raquel Béjar.
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—
MARATÓN DE FÚTBOL SALA FESTAS DO CARME 2018
Tivo lugar esta fin de semana na pista de Santa María
Esta fin de semana levouse a cabo na Pista do Colexio Santa María de As Pontes o tradicional torneo de fútbol sala das Festas do Carme.
No evento participaron dende o venres 30 equipos, 19 masculinos, 7 veteranos e 4 femininos. O domingo á tarde disputáronse as tres finais.
Na feminina gañou Miss Cafeína a Al-Ahly Diego Soto Espectáculos, por 3-1, remontando o gol inicial das rivais.
Na final de veteranos gañou Electricidad J & O 2-1 á Taberna de Michel Ub2, que recurtou distancias nos últimos minutos, pero acabaronse levando o título os amarelos.
Xa na final masculina enfrontábanse Muebles Eume e Excalibur Eventec Ub2, que se desfixeran en semifinais de Fontanería Joscar e Bar Calvo respectivamente.
Comezou gañando o equipo branco 3-0, e pese a que os alaranxados empataron 3-3, un tanto de Rober Paz situou o 4-3 definitivo.
Ao final do evento entregaron os diversos trofeos o Presidente de O Esteo FS, Fran Fernández, e o Concelleiro de Deportes, Chicho Tembrás.
Mellores xogadores foron elixidos Alex Cabarcos (Muebles Eume), Peque (Electricidad J & O) e Paula Doce (Miss Cafeína), e mellores porteiros Buxía (Muebles Eume), Harry (Electricidad J & O) e Sara Cachaza (Al-Ahly).
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—