—
DOUS XOGADORES DO ESTEO NO TORNEO DE SELECCIÓNS COMARCAIS
Disputarase este luns na Pontenova
Os xogadores do Esteo FS, Alex Montero e Sergio Cabarcos, foron convocados pola Selección de Ferrolterra Infantil de Fútbol Sala para a disputa do Campionato Galego de Seleccións Comarcais.
O torneo disputarase este luns día 4 na Pontenova, e a selección ferrolá debutará no Grupo A precisamente contra a locataria Lugo ás 09:30, e despois xogará contra Ourense ás 12:45 e o combinado da Costa ás 17:35.
No outro grupo, o B, están A Coruña, Vigo, Santiago e Pontevedra. Os campións de cada grupo disputarán a final ás 20:30. Os doce xogadores convocados son os seguintes:
O Parrulo FS: David Barcón, Pablo Campos, Pablo Feijo, Asier Martínez, Marco Cagiao, Víctor Seco
Cidade de Narón: Noel Folgueira, David López
O Esteo FS: Sergio Carbarcos Montero, Alejandro Montero Peteira
CMI Unidade de Fene: Brais Varela
SCDR Narón O Freixo: David Pardo
Nova cortesía Xose Ferreiro. Foto cortesía O Esteo FS
—
PRIMEIRA TERRITORIAL GALEGA. CR FENDETESTAS 17 – PONTEVEDRA RC 26
Derrota do equipo pontés nos últimos instantes
O Fendetestas pontés de rugbi perdeu este sábado á tarde no campo artificial por 17-26 ante o Pontevedra, polo que queda condeado a xogar a final de salvación contra o segundo clasificado da Segunda galega, probablemente o Muralla de Lugo.
Pese a adiantarse pronto no marcador cun ensaio e posterior lanzamento a paus de Senén, rápido recurtaban distancias os visitantes poñendo o 7-5, aínda que un golpe de castigo de Robert situaba o 10-5 co que se chegou ó descanso.
O popio Robert no inicio do segundo período anotaba un ensaio e acertaba entre paus situando un esperanzador 17-5 no marcador. Pero ó pouco ós do Lérez recurtaron distancias con dous ensaios, un deles de castigo, e un lanzamento do oval poñían o 17-19 no marcador.
Outro ensaio e outra transformación dos visitantes faltando cinco minutos dáballes a vitoria ós pontevedreses por 17-26 conseguindo ademais o bonus dos catro ensaios, perdendo incluso os verdes o bonus defensivo.
Quédalles unha visita de trámite ao líder de grupo, o Coretti Lalín, para rematar a liguiña. Xogaron Anxo, Antón, Andrés, Nathan, Javi, Robert, Senén, Antonio Gómez, Marco, Miguel, Roberto Río, Toño, Asier, Pablo, Víctor e despois Antonio Franco, Ángel, Ramón, Xose, Ansumana e Alejandro.
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—
RESULTADOS CD AS PONTES 1-2 MARZO
Vitoria do Prebenxamín B e empate do Xuvenil A
XUVENIL A
CD AS PONTES-CF DUMBRÍA (1-1)
Empate do Xuvenil A ante o equipo de Fisterra que se adiantou pouco antes do descanso cun tanto de Jose e na reanudación empatou Chema, conseguindo un punto que os sitúa cuartos pola cola con 19 puntos, antes de visitar ó Viveiro no derbi, equipo xa sétimo con 40.
Xogaron Brais Mariño, Fraga, David, Pablo, Breijo, Vilela, Jandro, Edgar, Brais Dovale, Chema, Jandro López e despois Miguel, Cristian, Iván e Carlos.
ALEVÍN
CD AS PONTES B-SCDR ÁNIMAS (0-2)
Derrota do Alevín B 0-2 ante o Ánimas no partido aprazado no seu día. No vindeiro encontro xogarán co outro Ánimas, o BE.
PREBENXAMÍN
CD AS PONTES B-RACING SAN PEDRO (10-2)
Goleada 10-2 do Prebenxamín B no partido aprazado no seu día, goles de Pau Jorrin (3), Daniel Peña (3), Adrián Ameneiro (2) e Daniel Corral (2). Líderes con 25 puntos, na vindeira xornada reciben ó segundo clasificado, Miño, que ten 19.
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—
IV CUP Dani Rivas 2019
Levouse a cabo este domingo no circuito pontés
Este domingo disputouse nas Pontes a cuarta edición da CUP Dani Rivas, proba en honra ao ex piloto galego falecido en Laguna Seca en 2015. No evento participaron preto de 40 mozos motociclistas, de 6 a 12 anos, nas categorías de Minimoto e Mini GP, non só chegados desde toda a xeografía española, senón tamén dende Portugal, Polonia ou Estados Unidos.
Na rolda de prensa posterior ao evento os organizadores destacaron, a pesar do forte vento deste domingo na localidade pontesa, “a calidade do circuíto, que mellorará nun futuro con algúns pequenos retoques”. Pola súa banda o edil de deportes, Chicho Tembrás, destacou a importancia para As Pontes de organizar un evento de tal magnitude, que habitualmente só se disputa en grandes cidades españolas, e lembroulles aos pilotos que se algún día gañan un Mundial lembren o seu paso pola localidade mineira.
Posteriormente foi a quenda de pilotos consagrados, como Xavi Forés, comentando o piloto catalán que esta proba facíalle lembrar os seus inicios, e recalcoulles aos nenos, que “o importante é divertirse e tomalo como un xogo, e sobre todo estudar”. Aspectos estes que corroborou o tamén ex piloto Campión Mundial de 125 cc en 2009, Julián Simón, quen fixo fincapé ademais en que para alcanzar o seu soño “os nenos teñen que traballar e adestrar, con moitas horas de sacrificio”. Tamén estivo presente Esteban García, mecánico de Maverick Viñales, terceiro clasificado do Mundial de Moto GP 2017.
O último en tomar a palabra foi o pai de Dani Rivas. No seu discurso, Willy Rivas, destacou que “os nenos teñen que ser nenos, e a través dun deporte tan nobre como o motociclismo ensinarlles a converterse en persoas”. Destacou que compartía rolda de prensa con varios dos seus mellores amigos, e que este deporte une tanto ás persoas que o seu propio neto chámase Xavi en honra a Forés.
Moi emocionado destacou a figura de Iván, un mozo en cadeira de rodas, que cando o seu fillo Dani percorreu media Galicia, recurrindo a empresas importantes, ofrecendo o seu casco por cinco mil euros, esta persoa comproullo por sete mil, simplemente “por amor ao motociclismo e a eses valores que tratamos de inculcarvos, a vosa perseveranza e o sacrificio dos vosos pais. Tedes que ser educados e estudar, e non pensar en ser campións de nada, aquí é campión do primeiro ao último. Hai que marcarse metas próximas e a curto prazo, aprender a loitar, a caer e levantarse, a ter unha lesión e superala”.
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—