—
VINTE CINCO ANOS DO ÚLTIMO ASCENSO DO AS PONTES A SEGUNDA B
Onte xoves cumpriuse un cuarto de século
Onte xoves cumpríronse vinte cinco anos do segundo e último ascenso do por entón Endesa de As Pontes á Segunda División B do fútbol español.
O equipo pontés viña de disputar seis temporadas na terceira categoría do fútbol estatal (1987-93), e na 1994-95 acabou primeiro clasificado da Terceira División galega (o outro título nesta categoría data da 1986-87, con ascenso directo). Con 56 puntos, daquela na que a vitoria valía dous, e aínda deixándose levar nas últimas xornadas, queda claramente por diante de Viveiro (51), Celta B (50), e Deportivo B (48).
Aquela temporada do conxunto pontés fora moi boa, con 23 vitorias, 10 empates por tan so 5 derrotas, na casa, ante Celta B e Gran Peña, e fóra ante Deportivo B, Betanzos, e Bergantiños. Anotáronse 73 goles a favor por 28 en contra.
No Poboado gañouse 7-0 ó Viveiro, segundo clasificado, case nada, e tamén se gañou 3-0 ó Deportivo B, resultado que se repetiu co Somozas, 4-1 a Ponte Ourense, e 5-0 a Burela e Ordes. Fóra tamén se conseguiron triunfos de mérito, ante Celta B (0-1), ou a goleada ó Gran Peña (0-4).
O conxunto azulón na fase de ascenso ó Leganés B, Lealtad de Villaviciosa, e Salmantino. A competición comeza de mala maneira coa derrota na casa ante o Leganés B (0-1), pero o equipo pontés refaise e consigue empatar no terreo do complicado equipo madrileño (1-1) e, sobre todo, vencer os outros catro partidos, ante o Lealtad, 1-3 e 3-0, e o Salmantino, 2-0 en As Pontes, e 1-3 en Salamanca un glorioso 25-06-1995 no que consegue o ascenso.
O Leganés B goleou 8-1 ó Salmantino e 5-1 ó Lealtad, pero o empate a 0-0 en Castela León, o sobre todo, a sorprendente derrota en Asturias 3-0 na derradeira xornada na que o Lealtad non se xogaba nada fixeron que acabase un punto por detrás dos azuis.
O adestrador do equipo pontés era o mítico Francisco Delgado Melo, lateral esquerdo, campión intercontinental co Atlético de Madrid, ademais de gañar tres ligas e dúas copas co equipo colchoeiro, que fora axudante de Irureta nos anos gloriosos do Deportivo da Coruña. De segundo estaba Rebolo.
Na portería estaban Miguel e Suso, completando a parcela os canteiráns Criado e Reboredo. En defensa atopamos ó mítico Salido, que estivo 15 temporadas no club (1989-2004), Alberto, Franchi, Dani, Raúl, o gran Manolo García, e os prometedores canteiráns, Suso Paz e Fran Pena.
No medio do campo estaba o pulmón Ramiro, Felipe, César, o famoso Jose Luis Lemos, e os xogadores da casa, o tristemente falecido Ángel Fontao, Carlos Mieres, e Diego Seijo.
Arriba xogaban Michel, Luisito, Emilio, Chus, o canteirán Cendán, e o mítico Alfonso, ex de Castilla, Deportivo, Elche, Racing de Ferrol e a Cultural Leonesa natal. Despois o As Pontes permanecerá na Segunda B outras tres tempadas, de 1995 a 1998, completando nove campañas na división de bronce.
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—
ÚLTIMOS MOVEMENTOS NO CD AS PONTES
O clube conta xa con 15 xogadores. Dani igualará a seu irmán Chote como segundo xogador con máis temporadas no primeiro equipo
O CD As Pontes ven de contratar para esta campaña 2020-21 ao defensa central Manuel Moya, fichaxe de prestixio procedente do Somozas, e con pasado no Extremadura de Segunda División e no filial e Xuvenil do Real Betis Balompié.
Tamén estes días fíxose pública a continuidade do capitán Dani, que aos seus 32 anos, e tras un breve periplo no Viveiro, cumprirá a súa decimo terceira campaña no CD As Pontes, 2007-16 e 2017-21, igualando a seu irmán Chote, que tamén xogou trece campañas no clube.
No primeiro lugar continúa estando o mítico Javier García Salido, defensa que militou quince campañas consecutivas no Endesa de As Pontes, entre a 1989-2004, namentres que no terceiro escalón, con doce tempadas xogadas, están o ex porteiro Rebolo e o ex adestrador Marco Roca.
O CD As Pontes conta de momento con quince futbolistas, a grandes rasgos, porteiros Paco e David, laterais, dereito, Berto, esquerdo, Pita, centrais Dani, Moya e Alex López, medios Adrián Martínez, Gonzalo e David García, medias puntas Óscar Martínez e Dani Pajaro, extremo Rubén Pardo e dianteiros Quique e Artai.
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—
ACTUALIDADE DO CD AS PONTES
O clube xa contaba este domingo con 13 xogadores
Ademáis das continuidades anunciadas de Paco, Berto, Gonzalo, David García, Daniel Pajaro, Rubén Pardo e Quique, e as fichaxes de Óscar Martínez, Artai Miraz e Alex López, tres novas caras se sumaron estes días ao clube pontés, polo que este domingo xa contaba con trece xogadores.
Trátase do porteiro, ex de Bergantiños e Montañeros, David Martínez, o defensa, lateral esquerdo, procedente do xuvenil de División de Honra do Racing de Ferrol, Borja Pita, e un vello coñecido, o medio centro Adrián Martínez, que vestirá a camisola do As Pontes por terceira etapa e cuarta campaña, pois xa estivo en 2015-16, 2017-19 e para esta 2020-21.
Pola contra, outros catro xogadores serán baixa, os centrais Alex Sánchez e Marcos Caridad, o porteiro Javi Liz, e o dianteiro Juan Cambón, que ficha polo Deportivo B.
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—
PRIMEIROS MOVEMENTOS NO CD AS PONTES 2020-21
O clube conta xa con dez xogadores
Trala marcha de Marco Roca, o CD As Pontes contará para esta campaña co adestrador Luis Santiago, ex de Cerceda, Boiro, varios equipos coruñeses xuvenís e das seleccións galegas inferiores.
Continúan do ano pasado, de momento, o porteiro Paco, o lateral dereito Berto, os medios centros Gonzalo, David García e Daniel Pájaro, o extremo Rubén Pardo e o dianteiro Quique.
Ata o momento hai tres novidades, o dianteiro Artai Miraz e o defensa Alex López, ambos procedentes do Galicia de Mugardos, e tamén regresa o media Punta Óscar “La Magia” Martínez, que xa estivera no clube na campaña 2015-16.
Causan baixa o dianteiro aresán Carlos, cunha suculenta oferta do Bergantiños, o medio ofensivo viveirense Fidi, e o lateral esquerdo canteirán Alex Cabarcos, que marcha ao Somozas.
Curiosamente Luis Santiago e Alex eran vellos coñecidos, pois ambos coincidiran na Selección Galega Sub18 subcampiona de España tras perder nos penaltis ante a Comunidade Valenciana en Cataluña en 2012.
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—