—
DANI CASTRO SUBCAMPIÓN DE ESPAÑA
Nos Campionatos celebrados este sábado en Madrid, nos que Xaquín Mira logrou o bronce.
Este sábado disputáronse os Campionatos de España de Tiro con Arco en Madrid nas modalidades de Arco Recurvo e Composto, con tres medallas para o Clube Silex, entre elas unha sensacional prata de Dani Castro, que so foi superado por un Pablo Acha brillante no día de hoxe.
Nas tiradas previas, o mellor arqueiro dos 64 participantes foi Pablo Acha, cuns magníficos 665 puntos, seguido de Miguel Alvariño, 650, e Dani Castro, 641. A un paso de entrar nos 32 mellores quedou Daniel González Formoso, que foi 38º con 529 puntos, non alcanzando o corte de 545.
Xa nas roldas eliminatorias Miguel venceu ao tamén galego Pedro Pina (6-0) e ao vasco Yeray Ruiz (6-2). Pero nada puido facer ante o locatario Ken Sánchez Antoku, que previamente eliminara ó seu irmán Yun Sánchez Antoku, co que caeu 0-6 nos cuartos de final.
Mellor lle foi a Dani que gañou sucesivamente ao valenciano Emilio Lucha (6-0), ao madrileño Javier García (6-2), e ao aragonés Diego Guillén (6-2). Xa en semifinais vingou a Maikel, e venceu a Ken Sánchez por un rotundo 7-1. Non puido na rolda definitiva ante un gran Pablo Acha que logrou un contundente 0-6. Bronce para un histórico como Antonio “Yiyo” Fernández.
Por equipos, a Selección Galega sumou un bronce, da man de Miguel, Dani e Pedro Pina. Foron segundos na previa sumando 1838 puntos, so superados por Aragón con 1853. Xa nas eliminatorias, exentos da primeira rolda, impuxéronse por 6-0 en cuartos a Baleares, caendo nas semifinais co locatario e posterior campión Madrid por 2-6. Lograron o bronce ante o equipo de Castela e León, liderado por Pablo Acha, por 5-4, con 25-24 nas frechas de desempate.
Pola súa banda, Xaquín Mira acabou terceiro e bronce na modalidade de Composto, tras gañar aos madrileños Gonzalo Sánchez (141-138), Ramón López (141-140), e Raúl Altozano (142-130), perdendo en semis ante o andaluz Agustín Rodríguez por un axustado 139-140 e na loita polo bronce tamén gañou por un apretado 138-137 ao manchego Heliodoro Rodríguez.
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—
ÉXITO PONTÉS EN TOLEDO
Lograronse tres medallas no Gran Premio toledano
Volta á competición no Tiro con Arco esta fin de semana e o Clube Silex regresou cun botín de tres metais, un ouro, e dúas pratas, no evento disputado en Toledo. Final pontesa de luxo en Recurvo Individual na que Miguel Alvariño venceu a Dani Castro nesta última rolda.
Anteriormente Maikel gañara sucesivamente Juan Antonio Rebella (6-0), Marco Barata (6-0), Emilio Lucha (7-1), e nas semis a Ken Sánchez (7-3).
Pola súa banda, Dani superou a Ernesto García (6-0), Pedro Fernández (6-0), Jose Manuel Solera (6-4), e cun impresionante 7-1 a Pablo Acha na penúltima rolda.
Nas tiradas previas Alvariño xa dera un golpe de man ó conseguir 671 puntos, sendo o mellor dos 56 participantes, con ata 15 puntos de ventaxa sobre Pablo Acha, segundo, con 656. Dani foi terceiro con 647.
A terceira medalla chegou por equipos, xa que Miguel, Dani, e Daniel González Formoso, coa segunda marca da previa, venceron 5-1 a Villa de Valdemoro en cuartos, 6-2 a Arcosoto Sur nas semis, caendo na final por un axustado 5-4, con 28-25 nas frechas de desempate, ante Arqueros de Pozuelo.
Foto Dani Castro. Nova cortesía XF
—
FICHAXES NO CD AS PONTES
O clube conta xa con 17 xogadores
O As Pontes ampliou esta semana o seu cadro de futbolistas, e xa con 17 xogadores ten confeccionado máis ou menos o seu plantel, á falta dalgúns retoques.
Fichaxe de renome é a de Mitogo, dianteiro internacional con Guinea Ecuatorial, en tres partidos, contra Marrocos, Botswana e Serra Leona, e tamén participou coa selección sub20.
Foi xogador, entre outros, do Compostela, Somozas, Barco, Arenteiro, Ponferradina, Teruel, Bembibre, Unionistas de Salamanca, e que tamén xogou en Malta.
Tamén chega procedente do Deportivo Xuvenil, terceiro clasificado de División de Honra, o prometedor central Pablo Fraga.
O equipo pontés ten como porteiros a Paco e David, centrais Dani, Moya, Pablo, Alex López, lateral dereito Berto, esquerdo Borja, medios centros, Gonzalo, David García, Adrián Martínez, media puntas, Óscar, Dani Pájaro, extremos Pardo, Artai, e dianteiros Mitogo e Quique.
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—
NOVIDADES NO ESTEO FS
O clube xa conta con sete xogadores
O Esteo FS pontés de fútbol sala comezou a planificar a que será a campaña 2020-21, aínda no aire por mor do Covid-19.
De momento, o clube presidido por Fran Fernández e Juan Rodríguez, confirmou sete xogadores no plantel.
Continúan os porteiros Javichu e Sergio Cal, os xogadores de pista Héctor, Troncho, Cokito, Jhony, e retorna Brunito.
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—