—
MALENA MIERES DEBUTA NA LIGA IBERDROLA
No encontro disputado este domingo nas instalacións de Unbe
A xogadora pontesa Malena Mieres García viviu onte un día histórico o do seu debut na Primeira División femenina aos 20 anos.
No estreo da SD Eibar nesta campaña 2020-21, o conxunto vasco venceu por 1-0 ao Real Betis Balompié, cun gol da brasileña Jujuba ao borde do descanso, nun partido no que Malena mantivo a portería a cero e con grandes intervencións.

Na vindeira xornada as eibarresas visitarán ao histórico Levante, equipo con catro Ligas, seis Copas e dúas Supercopas, e no mes de Novembro tocará recibir a Atlético, Real Madrid e FC Barcelona nin máis nin menos, pero este 4 de Outubro xa queda para o recordo de Malena.
Fotos cortesía SD Éibar. Nova cortesía XF
—
FELIZ CUMPREANOS CD AS PONTES
O equipo pontés cumpre hoxe 60 anos da súa federación
No día de hoxe, o noso querido clube faise maior, xa que cumpre 60 anos, pois foi un 28 de Setembro de 1960 cando o CD As Pontes ingresou na Federación Española de Fútbol para participar por primeira vez nunha competición oficial, concretamente na Serie A Rexional, hoxe Preferente Autonómica.
O clube xa fora fundado no verán de 1933, pero durante máis dun cuarto de século apenas xogou diferentes partidos amistosos, ata que ao fin participou na súa primeira Liga, hai xa seis décadas. Pasou por diferentes nomes, como Calvo Sotelo, Endesa, Endesa de As Pontes, ata recuperar en 2002 o nome de CD As Pontes co que foi fundado.

Atrás queda máis de medio século de vida e preto de 3000 partidos disputados, con amargas derrotas pero tamén con moitos momentos felices. Os afeccionados, poucos, pero fieis, poden recordar con orgullo a fase de Ascenso a Segunda División (1992), as nove campañas en Segunda B (1987-93, 1995-98), os dous títulos de Terceira División (1986-87, 1994-95), ou os tres ascensos á actual Terceira galega, en 1984, 2010, e o último en 2019.

Tamén quedan nas retinas a Copa de Galicia 1968, a Copa Deputación 1996, o trofeo Concepción Arenal 1992, o partido no Santiago Bernabéu (1990), as axustadas eliminatorias de Copa do Rei ante Celta de Vigo (1986 e 1995) e Deportivo da Coruña (1988), ou as dúas vitorias por 4-0 ante o Real Madrid Castilla, nunha categoría de bronce na que tamén se gañou a equipos como Getafe, Éibar, Leganés, Ponferradina, Numancia, Logroñés, Fuenlabrada, Leonesa, Lugo, Pontevedra ou Racing de Ferrol.
Clube que tamén formou a centos e centos de cativos, tendo ademáis unha prolífica canteira, con case 80 títulos de categorías inferiores na comarca de Ferrolterra, o ascenso a División de Honra Xuvenil (2007), seis convocados polas Seleccións Españolas inferiores, dous Campións de Europa, David Rochela (Sub17 2007) e Malena Mieres (Sub19 2018), tres temporadas de Adrián López no Deportivo de Primeira, incluso as once campañas na máxima categoría de Evaristo Puentes Leira.
Co emocionado recordo e agradecemento a todos aqueles xogadores, adestradores, presidentes, directivos e afeccionados que co seu traballo, sacrificio e entusiasmo puxeron o seu grao de area para que isto fose posible, hoxe dicimos FELICIDADES CD AS PONTES.
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—
NOVIDADES DO ESTEO F.S.
O clube pontés conta con 14 xogadores
O Esteo pontés de fútbol sala xa conta con 14 xogadores. Ás continuidades dos porteiros Javichu e Sergio Cal, dos xogadores de pista Héctor, Troncho, Cokito, Jhony, e o retorno de Bruno, nestas últimas fechas confirmaronse sete novos xogadores.
Nas últimas semanas apalabrouse a renovación do goleador Jacobo, e a fichaxe do gran Rubi, que retorna ao Esteo, e ás pistas, tras retirarse no Parrulo de Primeira División en 2019.
Asimesmo, a semana pasada coñecíase a volta do porteiro de Pontedeume Jesús Lourido, e a fichaxe de Alberto Piñeiro, futbolista procedente do Outeiro de Rei de Terceira División.
Por outra banda, tres xogadores xuvenís do clube, Mario Torrente, Ismael Freire e Pablo Casal, farán a pretemporada co primeiro equipo.
A entidade presidida por Fran Fernández e Juan Rodríguez, xogará no subgrupo 1B, con outros nove equipos galegos, Cidade de Narón, O Parrulo B, Xove, Ventorrilo, Leis Pontevedra, Pizarras Tres Cuñados, Sala Ourense 2014, Ribeira e A Estrada, á espera de poder iniciar a competición o 24 de Outubro.
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—
AMIGABLE. CD AS PONTES 4 – RACING DE FERROL XUVENIL 0
O As Pontes volve a xogar no Poboado xusto sete meses despois nun día infernal
O As Pontes 2020-21 estreouse este xoves co seu primeiro amigable de preparación nesta extrana pretemporada, de cara ó novo curso, que ten previsto o seu comezo para o 18 de Outubro.
Fora un 1 de Marzo o derradeiro encontro no Poboado ante o Ourense CF (2-2), antes da paralización da Liga pola pandemia, previa visita a Carballiño, e xusto sete meses despois, un 1 de Outubro, voltou a xogar o As Pontes como local, iso si, nun día para esquecer, con auga e vento por todas partes, a ceo aberto e sen graderío, un suplicio para todos os presentes.
No encontro en si, o As Pontes recibía ao Xuvenil racinguista, equipo de División de Honra. Mediado o primeiro tempo marcou de penalti Dani, o capitán, precisamente o autor do terceiro tanto o día do ascenso do Xuvenil pontés á División de Honra en 2007, contra os verdes precisamente (3-1), nun fito histórico da canteira pontesa a recordar nestes 60 anos cumpridos.
Ao borde do descanso era Mitogo quen controlaba dentro da área e marcaba de forte disparo pola escadra, e nun saque de falta lateral anotou Óscar Martínez un bello tanto no que o balón acaba pasando por riba do porteiro e colándose tamén pola escadra.
O segundo período, cun tempo aínda peor, no que os futbolistas bastante fixeron con sobrevivir ao temporal, destacar o cuarto e definitivo gol, anotado tamén por Mitogo de cabeza tras un centro desde banda esquerda.
Resaltar tamén un centro chut do propio xogador guineano ao traveseiro, e outro balón ao longueiro nun desvío dun defensa local que casi acaba en gol visitante. Destacar o debut de Jandro.
O As Pontes xogou o primeiro período con 13 Bugy, 3 Berto, 6 Dani, 7 Mitogo, 8 Gonzalo, 9 Óscar, 12 Breijo, 14 David García, 15 Pablo, 17 Artai, 22 Jandro, e no segundo, no que repetiron dous xogadores con 1 Paco, 2 Moya, 3 Berto, 4 Alex López, 5 Pajaro, 7 Mitogo, 10 Quique, 16 Vilela, 18 Pita, 20 Edgar, 21 Adrián. Non foron da partida Pardo, Dani, Chema, Mariño e De Frutos.
Nova cortesía de Xose Ferreiro
—