CD As Pontes Feminino

DEBUT DE O ESTEO FS NA LIGA

O equipo pontés logrou dúas vitorias a domicilio

Tras non poder debutar na casa ante o Pizarras Los Tres Cuñados hai dúas semanas, pois o equipo valdeorrés retirouse da competición, o Esteo pontés de fútbol sala tivo dúas visitas consecutivas no seu inicio de Liga.

Fíxoo ademáis con dous sensacionais triunfos a domicilio, primeiro ante  o Ventorrillo coruñés, 1-2, tantos de Héctor e Cokito, e onte ante o Sala Ourense, 4-5, con remontada incluida, goles de Cokito (2), Héctor, Troncho e Jhony.

O equipo pontés, nunha clasificación con moitos partidos aínda pendentes, é momentáneamente segundo con seis puntos, a tres do Ribeira de Piquín.

Na vindeira xornada, se non hai contratempos, estrearase na Fraga nun interesante partido ante O Parrulo B, que debuta na categoría.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 2 – POLVORÍN FC 1

Heroico triunfo dun As Pontes que consigue a súa primeira vitoria en Liga, tras gañar ao potente filial do CD Lugo, a pesar de xogar con dez toda a segunda parte

Moi importante triunfo do As Pontes na tarde de hoxe na que recibía ao Polvorín, o filial do CD Lugo, de Segunda División, equipo co que, con esa denominación, tamén consigue a súa primeira vitoria, tralas derrotas 1-0 e 1-2 na campaña 2017-18 na que o cadro lucense foi o Campión de Preferente e o As Pontes terceiro a dous puntos e a un palmo do ascenso, e o 6-0 da campaña pasada que non tivo replica no Poboado por mor do virus.

A pesar de que se puideron adiantar os visitantes por medio do ferrolán Gabarre que quedou so, pero foi outro departamental, Paco, que salvou saíndo co corpo (5´), foi o cadro local o que nuns minutos máxicos encarrilou o partido. Primeiro, tras unha falta ao borde da área maxistralmente lanzada por Óscar, que recordou a Bossa, e aínda que toca coa luva Julen, o balón acaba por colarse pola escadra (15´).

Non rematou aí o equipo local, e nunha posterior contra era Artai quen enviaba un balón con moito perigo á área e chegando só ao segundo pau lanza un forte disparo Quique no que acaba entrando o balón con certo suspense pois case saca un defensa sobre a liña axudado coa man, pero para a súa fortuna o balón xa estaba dentro (18´).

O filial lucense tirou de calidade como non podía ser doutra maneira e apretou para tentar achegarse no marcador. Destacar un disparo de Christian moi pegado ao poste (30´), un zapatazo de Manu que saca Paco (37´), ou unha falta do ferrolán Iago Novo, irmán do mítico Marcos, que Paco desvía a córner (42´).

Pero, aínda estando sensacional hoxe o cancerbeiro, tras un frouxo despexe de Paco, Alex López viuse forzado a facer un entradón que lle custou o amarelo que podía ser laranxa, e apenas un minuto máis tarde nunha entrada na que tampouco mediu recibiu outro cartón, este máis riguroso, quedando con dez os locais. Por riba, nese lanzamento de falta, Gabarre facía o 2-1 antes do descanso axustando o balón ao pau (44´).

Trala reanudación, o As Pontes tentou de defenderse como gato panza arriba, non quedaba outra, reforzando a defensa, pero tamén con mala fortuna, pois no descanso retirabase tocado Manu Moya, e na reanudación tamén se tivo que retirar mancado Pablo Fraga, que so puido aguantar quince minutos sobre o campo, agotandose os cambios, polo que nos derradeiros trinta minutos non puido entrar ningún xogador de refresco.

Seguían apretando os de Ortiz e Iago vaise moi ben de Berto na banda dereita e apenas sen ángulo lanza un forte disparo que desvía Paco (55´). Tamén tivo a súa ocasión máis clara no segundo período o equipo local, nunha contra na que Artai fai un forte disparo que marcha lamendo a cruceta (57´).

Seguían presionando os lucenses e os de Luis Santiago defendendose como podían. Iago presiona e rouballe un balón a Dani, centra, e Christian en posición inmellorable mandaa fóra (75´). Os últimos minutos foron de moito sufrimento da parroquia local, dentro da área Marcos envía o balón ao longueiro (85´), e logo era Iago o que quedaba só ante Paco e volve a estar salvador o gardamallas ferrolán (86´).

A pesar do interminable desconto non se moveu o marcador coa defensa numantina, e o As Pontes suma o seu primeiro triunfo nesta complicada Liga e sitúase con cinco puntos antes de recibir ao perigoso Bergantiños.

2 CD As Pontes. Paco, Berto, Alex López, Pajaro, Dani, Gonzalo, Óscar (Pablo Fraga 46´ Adrián 61´), Quique (Leonardo 46´), Artai, Del Río (Pita 57´), Moya (Breijo 46´).

1 Polvorín FC. Julen, Martín (Jesús 60´), Nico, Vidal, Marcos (Fidalgo 89´), Manu, Antón, Christian, Gabarre, Iago, Expo (Guitián 71´).

Goles: 1-0, Óscar Martínez (15´), 2-0, Quique (18´), 2-1, Gabarre (44´).

Árbitro: Alejandro Castro Alarcón (A Coruña). Auxiliado por Reborido Rodríguez e Gil Soriano. Amonestou a Gonzalo, Pita, Berto, Leonardo, Antón, Manu, Expo, Guitián, e ao adestrador visitante Ortiz. Expulsou por doble amarela ao local Alex López (44´), e con vermello directo por protestar ao porteiro suplente visitante Ángel Fraga (63´).

Incidencias: Campo de O Poboado. Uns 125 espectadores.

 

Nova cortesía de Xose Ferreiro

TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 0 – BERGANTIÑOS CF 1

Nun polémico partido, o As Pontes mereceu máis ante un dos candidatos ao ascenso

Dolorosa derrota dun As Pontes que mereceu máis ante un dos candidatos ao ascenso, o Bergantiños do ex azulón Jose Luís Lemos, que se impuxo en O Poboado tras adiantarse no primeiro período e dedicarse a conservar a vantaxe ante un voluntarioso equipo azul que a pesar de tentalo non puido conseguir tan sequera un empate.

Comezou o partido con perigo local, pois Iñaki conseguía roubar un balón nun descoido defensivo, pero cando encaraba en solitario a portería botóuselle un defensa encima (2´), ao que replicaron os visitantes cun disparo de Yelco pegado ao pau (17´).

Eran os azuis os que xeraban maior sensación de perigo nestes primeiros minutos, pero foi nunha contra, tras unha posible falta a Pajaro en campo contrario, que chegou o gol visitante, despois de que Duque regatease a Dani e acabase batendo por baixo a Paco (25´).

Antes do descanso resaltar un cabezazo de Yelco que marcha por alto (37´), e trala continuación era Agulló quen cabeceaba preto da escadra (55´).

Pero foron os de Luis Santiago os que buscaron o empate, sobre todo trala entrada de Pardo, Óscar e Quique, e a un cabeceo fóra de Manu Moya (70´), seguiulle un remate de Adrián ao lateral da rede (79´), e sobre todo un zapatazo de Dani Pajaro desde o borde da área que rozou a escadra (85´).

O último tramo fíxoselle complicado ao colexiado pois Del Río anotou un tanto que foi anulado tras apreciar falta previa de Leonardo a un defensa (81´), e posteriormente foron os visitantes os que protestaron un tanto no que Yelco regatea a Paco e marca a porta baleira, anulándose por un dubidoso fóra de xogo (88´).

Xa á desesperada e con balóns á olla os locais reclamaron un penalti sobre Manu Moya (94´). Óscar tivo a última cunha falta pintada, pero o balón repeliuno a barreira (97´), non se moveu o marcador, e os ponteses, con cinco puntos, visitan a próxima semana ao complicado Deportivo Fabril dirixido por Valerón.

Terceira vitoria dos de Carballo en partido oficial en O Poboado, por dez empates e quince triunfos locais. Os outros triunfos caeron na 2008-09 e 2014-15.

CD As Pontes.  Paco, Berto (Óscar 62´), Pajaro, Dani, Mitogo (Pardo 62´), Artai (Quique 70´), Pita, Del Río, Moya, Adrián, Leonardo.

Bergantiños CF. Brais, Vela (Marcos 72´), Aarón, Abel, Agulló, Carlos, Duque (Carro 91´), Remeseiro, Yelco, Uzal, Concheiro (Cano 58´).

Goles: 0-1, Duque (25´).

Árbitro: Sergio Miguens Santiago. Auxiliado por Alaoui Soulimani e Gay Casal. Amarelas a Pardo, Moya, Adrián, Duque, Remeseiro, Uzal.

Incidencias. Campo de O Poboado. Unos 150 espectadores.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

SEGUNDA B. O ESTEO FS-O PARRULO B (3-3)

Empate nun derbi cun polémico final

O Esteo pontés de fútbol sala voltaba a xogar na Fraga, case nove meses despois, tras gañar 5-3 ao Albense un 22 de Febreiro, e faciao cun derbi ante O Parrulo B. Tralas súas dúas primeiras vitorias a domicilio hoxe recibía a un filial parrulo, con xente xove, pero xa con experiencia na máxima categoría, como Caeiro, Raúl ou Costi.

Adiantábanse os locais ao pouco do comezo cun golazo de Héctor de tiro cruzado pola escadra (2´). Pero preto do descanso nunha xogada embarullada dentro da área local marcaba Raúl un golazo de tacón (17´), e pouco despois nunha xogada na que Naveira cede a Borja, este marca chegando so ao segundo pau (18´). Puido empatar Héctor a continuación pero rematou ao poste.

Si o fixo o capitán na reanudación, tras recoller un bo pase en profundidade, marcharse, e marcar de tiro cruzado pegado ao poste logrando o empate (23´), e o seu quinto tanto da campaña. Tras un lanzamento ó longueiro de Alberto, era Jhony o que anotaba despois dun gran pase de Cokito (26´).

Aguantou a ventaxa o cadro local ata que preto do final viu unha moi rigurosa segunda tarxeta o porteiro Javichu, as dúas por protestar, aproveitando o regalo o cadro visitante para anotar o empate Costi faltando un minuto (39´). Os ponteses son segundos con sete puntos antes de visitar ao Leis de Pontevedra.

O ESTEO FS. Javichu, Jhony, Héctor, Cokito, Jacobo – Jesús, Aitor, Bruno, Troncho.

O PARRULO B. Ángel, Naveira, Raúl, Domingos, Costi – Borja, Noel, Diego, Dani, Marcos, Alberto.

GOLES. 1-0, Héctor (2´), 1-1, Raúl (17´), 1-2, Borja (18´). 2-2, Héctor (23´), 3-2, Jhony (26´), 3-3, Costi (39´).

Tarxetas: Aitor, Jacobo, Héctor, Jhony, Naveira, Borja, Noel, Marcos, Regueira. Expulsado por doble amarela Javichu (38´).

Incidencias: Pavillón de A Fraga. Uns 75 espectadores.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Esta entrada foi publicada en Novas equipo masculino C.D. As Pontes. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s