CD As Pontes Feminino

TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 0 – SD SILVA 3

Dura derrota do As Pontes no inicio do 2021

As Pontes e Silva iniciaban este domingo o ano e a segunda volta, e o equipo coruñés logrou unha cómoda vitoria por 0-3, o seu terceiro triunfo da tempada.

Rapidamente adiantábanse no marcador os herculinos, tras un remate de Fabio desde o borde da área que se coaba pola escadra tras pegar na cruceta (7´), e pouco despois era o mesmo xogador quen tras regatear a varios defensas locais plántase ante Paco, tira, e a pesar de desviar lixeiramente o gardameta ferrolán o balón termina entrando (14´), conseguindo o 0-2 apenas cumprido un cuarto de hora de partido.

Apenas reiniciado o duelo tralo descanso era Jacobo quen se marchaba completamente só, e ante a saída de Paco cedíalla ao seu compañeiro, o mítico dianteiro Rubén Rivera, que marcou a pracer a portería baleira (46´), logrando a sentenza con todo o segundo tempo por diante, nun encontro que foi de pleno dominio do equipo visitante, no que á marxe dos tres goles apenas cabe resaltar algunha intervención de mérito do gardameta local.

Quinto partido oficial entre ambos equipos en O Poboado, triunfos locais, 3-1 (2014-15), 1-0 (2015-16), empate 0-0 a campaña pasada, e vitorias visitantes, 0-2 (2016-17), e esta, 0-3.

O As Pontes, que apenas leva un punto dos últimos quince disputados, segue antepenúltimo con 9 puntos antes de visitar a complicada cancha do Arzúa.

0 CD As Pontes. Paco, Berto (Pardo 46´), Pajaro, Dani, Mitogo, Gonzalo, Artai (Edgar 61´), Pita (David 46´), Del Río (Quique 53´), Adrián, Iñaki (Breijo 61´).

3 SD Silva. Damián, Jacobo, Fiuza, Souto (Dye 72´), Joao (Lema 46´), Rubén Rivera (Joni 77´), Manuel, Prieto (Kata 46´), Antonio, Fabio (Geri 81´), Callón.

Goles. 0-1, Fabio (7´), 0-2, Fabio (14´). 0-3, Rubén Rivera (46´).

Árbitro: David Pereira Ferreiro (Lugo). Auxiliado por López Bermúdez e Adán Gallego. Amarelas a Dani, Adrián, Pardo, Kata e Joni.

Incidencias: Campo de O Poboado. Uns 100 espectadores en tarde moi fría.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 4 – CF AGRUPACIÓN ESTUDIANTIL 0

Goleada do As Pontes que suma o seu segundo triunfo da tempada

Goleada do As Pontes ante o último clasificado, Estudiantil, nun partido que mereceu gañar ben, pero polo menos os visitantes deberon levar algún tanto no zurrón.

Os azuis adiantábanse por medio de Mitogo, que marcou un golazo pola escadra desde o borde da área tras pase de Pardo (12´), e a continuación era o capitán Dani quen cabeceaba á rede un córner botado por Óscar e peiteado polo propio Mitogo (23´).

Entremedias, o propio Pardo puido anotar cun tiro cruzado, pero desviou Santiago a córner (16´). De aí ao descanso os da Estrada embotellaron ao cadro local e non recurtaron distancias de milagre a pesar de dispoñer de tres ocasións claras.

Tras un remate, rexeita Paco como pode e en boca de gol dispara por encima do traveseiro Elías (26´). Nun centro de banda, cabecea Vilas, e estira o xusto a manopla Paco para desviar o balón ao traveseiro (39´). Antes de marchar aos vestiarios estivo providencial Manu Moya, que lle sacou un balón inmellorable ao experimentado Jacobo Millán cando este encaraba a portería (42´).

O segundo período comezou polos mesmos derroteiros, con aproximacións visitantes, ata que nunha contra, tras un gran pase cara atrás desde liña de fondo de Artai, marca o tanque de Ortigueira cun forte disparo axustado ao primeiro pau, que pilla a contrapé ao gardameta visitante (50´).

A raíz do tanto, os visitantes viñeronse abaixo e redondeou co 4-0 Artai Miraz, que rematou chegando só ao segundo pau nun xogadón do xove Iñaki Leonardo por banda esquerda que lle serviu o balón a pracer (70´).

De aí ao final do partido, resaltar un tiro cruzado de Iñaki (85´) e un paradón de Paco nun forte disparo de Oli (91´).

Quinto encontro oficial entre ambos os equipos e quinto triunfo pontés, 1-0 e 0-3 na 2017-18, e 0-5 e 10-2 na gloriosa campaña do ascenso, 2018-19. Os de Luís Santiago visitan ao complicado Fisterra a próxima xornada.

CD AS PONTES. Paco, Berto (Artai 46´), Alex, Dani, Mitogo (Breijo 71´), Gonzalo, Óscar (Iñaki 52´), Pardo (Del Río 52´), Pita, Moya, Adrián.

AGRUPACIÓN ESTUDIANTIL. Santiago, Neira, Vázquez, Manu, Moreira (Cid 57´), Elías (Tressoldi 46´), Roca, Akisko (Tino 25´), Jacobo (Freiria 72´), Oli, Vilas.

Goles: 1-0, Mitogo (12´), 2-0, Dani (23´). 3-0, Pardo (50´), 4-0, Artai (70´).

Árbitro: Daniel Estraviz Pardo. Auxiliado por López Fernández e García Mosquera. Amarelas a Óscar, Pita, Adrián, Jacobo, Oli.

Incidencias: Campo de O Poboado. Partido a porta pechada. Minuto de silencio por Diego Armando Maradona.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 1 – VIVEIRO CF 3

Gran triunfo dun Viveiro que asaltou O Poboado

Merecido triunfo do Viveiro nun derbi bastante doloroso para a parroquia local o vivido este martes festivo. Mal bagaxe para os ponteses nos seus dous encontros consecutivos ante dous teóricos rivais polos postos baixos, e recentemente ascendidos, 2-0 en Fisterra, e 1-3 no día de hoxe.

Os de Jesús Gómez apretaron con moita intensidade tras o asubío inicial, e iso que chegaban sen o seu mellor xogador, Gerardo, e tras varias chegadas claras, salvadas por Bugy, en dúas ocasións, e Borja Pita; tras un centro desde banda esquerda, Alex Meitín rematando só dentro da área facía o primeiro (19´).

Quizais se botou de menos un David García ou un Adrián que contivese algo máis ese medio campo lucense. E puido ser peor, xa que pouco despois, tras un descoido de Alex López, perde o balón e acaba agarrando ao propio Meitín que se marchaba só a portería, no medio campo, afortunadamente castigándoo o colexiado con tarxeta amarela (26´).

Pero as poucas esperanzas locais acabaron enterradas tras unha perda de balón de Dani, que finaliza en contra dos vermellos, cun centro á área no que Alex López non despexa e cédella frouxa de cabeza cara atrás a Bugy, adiantándose moi listo Meitín que pica o balón e aínda que desvía o gardameta como pode, o esférico acaba no fondo das redes xusto antes do asubío do descanso (47´).

Colmo de males, pouco antes do intermedio retirábase Óscar con dor no ombreiro tras unha caída. Confirmou a sentenza o cadro visitante, nun dos seus múltiples córners con sensación de perigo, que cabecea Tichu e acaba entrando o balón despois de botar e pegar na cruceta interna (50´). Ante un desnortado conxunto local destacar outra salvada de Bugy e tamén Pita baixo paus.

De aí ao final apenas resaltar un polémico cabezazo de Mitogo, que sacou Cedrón moi apurado sobre a mesma liña (62´), unha rigorosa expulsión de Artai por protestar ao xuíz de liña (66´), e un auténtico golazo pola escadra de Breijo desde fóra da área (82´).

Triste quinto triunfo visitante en O Poboado, para un Viveiro que non gañaba desde a 2008-09, por catro empates e trece vitorias locais. Os lucenses son quintos con 13 puntos mentres os azuis décimos con 8, apenas por diante de Paiosaco e Estudiantil.

CD As Pontes. Bugy, Alex (Edgar 46´), Pajaro, Dani, Gonzalo (Del Río 57´), Óscar (Mitogo 46´), Pardo (Breijo 73´), Artai, Pita, Moya, Iñaki.

Viveiro CF. Cedrón, Montes, Edgar, Rolle (Moreda 73´), Jaime (Iván 48´), Meitín, Tichu (Xoel 89´), Pablo, Asier (Louzao 89´), Uriol, Facundo.

Árbitro: Miguel Castro Castro. Auxiliado por Carrillo Chekhov e Alaoui Soulimani. Amarelas a Alex, Pardo, Paco, Rolle, Jaime, Facundo. Expulsado Artai con vermella directa (66´).

Goles: 0-1, Meitín (19´), 0-2, Meitín (47´). 0-3, Tichu (50´), 1-3, Breijo (82´).

Incidencias: Campo de O Poboado. Uns 100 espectadores.

 

Nova cortesía de Xose Ferreiro

TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES-UD PAIOSACO (1-1)

O As Pontes suma un punto no remate da primeira volta

O As Pontes logrou un valioso punto no encontro que pechaba o 2020 e a primeira volta. I é que os visitantes quizais fixeron méritos para levar algo máis da súa visita a O Poboado, pero lograron o seu primeiro punto nas Pontes, tralo 4-1 da 2002-03, 4-0 da 2017-18 e 3-1 da campaña pasada.

Na primeira metade resaltar dúas ocasións de Jesús, unha salvada por Paco (14´), e outra rescatada polo gardameta ferrolán cando o dianteiro visitante encaraba só a portería local (19´), e tamén un disparo de Tani que marcha moi preto do poste (22´). Por parte local apenas destacar preto do descanso unha xogada de estratexia na que a Dani con todo a favor escorréuselle o balón entre as pernas (42´).

Os visitantes seguiron polos mesmo camiño trala continuación, i é que apenas quince segundos de posto o balón en circulación, Casariego mandaba ao fondo das mallas un balón rexeitado por Paco, afortunadamente para os locais, en fóra de xogo (46´).

Tras un puntapé por detrás dun defensa sobre Rubén Pardo, Mitogo adiantaba de penalti aos locais enganando a Rama (53´), pero pouco durou a ledicia pois tras un saque de córner, Jesús Sayes remataba de cabeza sen apenas oposición logrando a igualada (57´).

Co 1-1 o encontro converteuse nun correrrúas, e aínda que, tras un saque de esquina Del Río cabeceaba ao traveseiro (68´), os verdes replicaron con tres ocasións consecutivas, un tiro moi axustado ao segundo pau de Iván Amor que Paco desvía a córner (68´), outra ocasión de Jesús Sayes que Dani salva baixo paus (70´), e era outra vez Amor quen enviaba un balón ben colocado desde fóra da área á cruceta (72´).

Incluso os visitantes tiveron a última cando tras un mal despexe de Moya, Nico completamente só na área pequena disparou fóra con todo a favor (90´). Sen tempo para máis os azuis salvaron os mobles e o colchón de puntos sobre os dous últimos, e antepenúltimos con 9 puntos, reciben na seguinte xornada, xa en Ano Novo, ao Silva, que suma 11.

1 As Pontes: Paco, Pájaro (Del Río 59´), Dani, Mitogo, Gonzalo, Pardo, Breijo (Moya 59´), Pita, Adrián, Iñaki, Edgar.

1 Paiosaco. Rama, Nico, Beto, Gamallo (Otero 78´), Pablo (Litos 44´), Juanma, Jesús, Moure, Modia (Amor 63´), Tani (Josiño 63´), Casariego (Edu 78´).

Goles: 1-0, Mitogo, de penalti (53´), 1-1, Jesús (57´).

Árbitro: Javier Pérez Prado. Auxiliado por López Bermúdez e Lago Barreiro (Lugo). Amarelas a Iñaki, Casariego, Beto, Rama, Juanma.

Incidencias. Campo de O Poboado. Máis de 100 espectadores en tarde-noite chuviosa.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

SEGUNDA B. O ESTEO FS-CIDADE DE NARÓN (2-1)

Sufrida vitoria do Esteo no derbi

Cuarto triunfo ligueiro do Esteo tras unha moi traballada vitoria, 2-1, no derbi, ante o Cidade de Narón.

Nun encontro con ocasións para ambos bandos, máis do lado local, adiantaba Cokito aos ponteses antes do descanso tras varios regates e un forte disparo dende fóra da área.

Trala reanudación, despois dunha xogada de estratexia, Jhony, libre de marca dentro da área, facía o segundo, pero os visitantes sempre venden cara a súa derrota na Fraga e Brais, de tiro cruzado moi axustado ao pau tras saque de falta, recurtaba distancias.

De aí ao final non se moveu o marcador e os locais lograban tres importantes puntos que os sitúan terceiros con 13, empatados co segundo clasificado Ventorrillo, mentres os naroneses son sextos con 7.

Uns rematan o ano visitando ao Estrada Futsal, mentres os outros farano cun derbi ante o Parrulo B.

O ESTEO FS. Javichu, Héctor, Troncho, Rubi, Jacobo – Jhony, Cokito, Aitor, Alberto.

CIDADE DE NARÓN. Niceto, Otero, Vázquez, Brais, Iván – Buján, Guillermo, Rubén.

GOLES. 1-0, Cokito (17´). 2-0, Jhony (24´), 2-1, Brais (28´).

Árbitros: Feliz Otero, Otero Mira, Fernández Dacosta (Ourense). Amarelas a Troncho, Javichu.

Incidencias: Pavillón de A Fraga. Uns 50 espectadores.

 

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Esta entrada foi publicada en Novas equipo masculino C.D. As Pontes. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s