CD As Pontes Feminino

PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES 3 – CF PORTOMARÍN 2

Vitoria no primeiro encontro oficial no Evaristo Puentes que pon fin a quince xornadas de sequía

O As Pontes gañou na tarde deste domingo no primeiro encontro oficial do primeiro equipo no Evaristo Puentes, vitoria sufrida e merecida 3-2 ante o Portomarín lucense (no que ata non hai moito tempo xogaba o gran Sergio Arias), que serviu para poñer fin á sequía de 15 xornadas sen gañar.

Non comezaban ben as cousas para os locais e ao pouco do inicio Jose Ángel cabeceou cara atrás, de costas á portería, collendo ao porteiro adiantado e anotando o primeiro do partido (3´).

Pese a que pouco despois, tras un pase en profundidade Tijan plantabase ante o porteiro, e batendoo por baixo situaba o empate (10´), foi nun mal pase cara atrás de Traba que lle pasa por riba a Valentín, e os visitantes marcharon con ventaxa ao descanso (35´).

Acostumado a ir a remolque, foi mellor o equipo azul na reanudación, e tras un corner Rogerio igualaba rematando so no segundo pau (58´), e logo era Alberto Leira quen anotaba o terceiro dun forte zapatazo dende fora da área (69´).

Os locais puideron conseguir algún gol máis neste segundo tempo, pero estivo moi atinado David. En definitiva, tres valiosos puntos, pois desde as xornadas da 2 a 4, Fisterra (4-1), Montañeros (1-3) e San Tirso (3-2), que o equipo azul non gañaba.

Sextos pola cola con 20 puntos, iniciase a segunda volta recibindo ao perigoso Ribadeo, décimo con 29. Xogaron Valentín, Criado, Esteban, Franco, Montes, Traba (Fernández 74´), Rogerio (Brais 58´), Alberto, Jaime (Martínez 58´), Tijan (Xoel 83´), Jandro (Luis 58´).

Nova cortesía de Xose Ferreiro

PREFERENTE NORTE. ROVIL STUDIO LAGO DVSPORT 4 – TROULA BETANZOS FS 8

Partido este sábado á tarde no Monte Caxado

Non tivo o seu día o equipo do Lago ante o segundo clasificado, o histórico Troula de Betanzos, que chegou a marchar ao descanso cun contundente 0-7.

Na segunda metade puxeronse incluso 0-8, pero o equipo local tirou de casta e orgullo e logrou reducir ata o 4-8 definitivo con dous tantos de Pelu, e un de Diego e Adrián Meizoso.

Incluso lle anularon un quinto, golazo de Rober, a poucos segundos do final.

Toca pensar no seguinte encontro, do equipo local, oitavo con 24 puntos, que visita ao Agolada, duodécimo con 20.

Xogaron Cal, Jacobo, Diego, Santi, Adrián Bellas; Pelu, Adrián Meizoso e Rober Paz.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

PINTURAS GRANDAL LAGO DVSPORT 1 – MARUXAS DE NATA O PARRULO FERROL FS 1

Unha gran Paula Baamonde rescatou un punto ante o gran equipo ferrolano, tras un arbitraxe polémico con tres expulsadas locais

Derbi este sábado á noite no Monte Caxado entre as pontesas e ferrolás, terceiras clasificadas. Na ida 6-0.

Comezaban adiantandose as locais cun gran tanto de Andrea Montero, pero o equipo ferrolán, de moita calidade, dispuxo de varias ocasións, desbaratadas por unha inconmensurable Paula Baamonde.

Foi a cinco minutos do final que empataban as departamentais cun tiro cruzado de Sara Paredes. Pero nos últimos minutos as locais vironse moi perxudicadas por un arbitraxe polémico.

Dispuxo de dous dobles penaltis o cadro visitante por sete faltas que das cinco primeiras varias eran exaxeradas, das que se pitan porque se intue que non vai chegar unha quinta. E en lugar de tratar de templar gaitas co silbato, tamén se expulsou a Paula Castro, Uxía Cupeiro e Uxía Rodríguez.

De feito os últimos 65 segundos xogaron as locais apenas con Paula Baamonde na portería e Andrea e Carol de defensas, e milagreiramente aguantaron o empate, xa que ademais Paula detivera antes os dous dobles penaltis.

Oitavas con 17 puntos, próxima visita ao Cinco Coruña B, que ten 18. Xogaron Paula Baamonde, Uxía Cupeiro, Paula Castro, Andrea, Carol; Natalia, Carolina, Sara, Uxía Rodríguez.

Destacar no cadro visitante o adestrador Indalecio Llago Bouza, que fora mítico xogador e goleador do primeiro Parrulo de División de Honra, finais dos 90, principios do 2000, que incluso nunha ocasión lle “discutira” un Pichichi ao mesmo Paulo Roberto.

Moi boas maneiras deixou tamén Laura Fernández, da Selección Galega Sub16.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

LIGA DE FERROL XUVENIL. CD AS PONTES 3 – SDC GALICIA DE MUGARDOS 0

Partido este sábado á tarde no Evaristo Puentes

Contundente e sufrida vitoria do Xuvenil pontés no encontro disputado na tarde deste sábado no Evaristo Puentes.

Curiosidades da climatoloxía, nunha semana na que choveu a mares, hoxe os porteiros apenas podían ver porque lles daba o sol de cara.

Na primeira metade adiantaronse os locais, tras un centro de Adrián no que nun desafortunado despexe un defensa visitante introducía o balón na súa portería.

Asi se mantivo o encontro ata o último cuarto de hora, onde os tantos de Anxo Blanco, e Adrián Piñón no desconto, daban os tres puntos aos locais.

Xogaron Joel, Adrián, Bruno, David, Fraga, Carlos, Hermida, Xandre, Anxo, Ángel, Antón, e despois Regueiro, Ramil, Jandro, Tadios e Augusto.

Os azuis son quintos con 38 puntos antes de visitar ao Narón A, tres puntos por riba.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

LIGA GALEGA BENXAMÍN GRUPO NORTE 1. HC AS PONTES 9 – HC RIAZOR 5

Terceira Vitoria do equipo pontés no partido deste domingo á mañá na Magdalena

Alegría do equipo Benxamín pontés de hockei a patíns tralo disputado triunfo 9-5 ante o Riazor herculino esta mañá no Pavillón da Magdalena.

Nun grupo moi complicado, como non pode ser doutra maneira ao compartir liga con cinco equipos da cuna coruñesa do hockei galego, empezaron os ponteses con dúas derrotas ante Liceo B (10-0), e Dominicos Rojo (1-8).

Pero nestas últimas xornadas lograron tres meritorios triunfos os rapaces dirixidos polo gran cancerbeiro Martín Barrós, pois ao triunfo de hoxe súmanse os logrados a semana pasada ante Santa María del Mar (2-12), e Oleiros Atalaya (3-6).

Moi ben todo o equipo pero especialmente Manuel Soto con cinco tantos e Sergio Balsa con catro, sumando ambos con 16 e 10 respectivamente, 26 dos 28 goles do equipo, máis outros dous de Unai Doce e Xos López.

Con nove maravillosos puntos inician a segunda volta contra o Liceo B, que hoxe no duelo de equipos con pleno de vitorias perdeu 4-2 ante o Dominicos Rojo.

Entre o numeroso público asistente ao pavillón puidose ver á gran Meri Varela, periodista dos partidos do Liceo da Coruña. Xogaron Mauro, Roi, Xulia, Manuel, Alex, Olivia, Sergio, Unai e Xos.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

LIGA DE VETERANOS AS PONTES 2022-23

La Galaxia e Estanco Mari Carmen comparten o liderato

Esta fin de semana disputabase a 12ª xornada da Liga pontesa de Veteranos e tralo empate 1-1 no partido estrella da xornada entre La Galaxia e Muebles Eume, a contundente vitoria 7-0 de Estanco Mari Carmen ante Jeycar failles compartir liderado cos galácticos.

O Bar Encanto gañou 4-0 ao Electricidad J&O, e alegría polo primeiro empate 0-0 do As Pontes 74 ante MMYPEM. La Galaxia Venus e Estanco Mari Carmen suman 27 puntos, 23 para A Cepa e 20 para Muebles Eume.

No medio, Bar Encanto Lecar 712 suma 16, por 10 de Jeycar e 9 de MMYPEM. Por abaixo Electricidad J&O ten 3 puntos e xa queda con saldo a cero o As Pontes 74. Pichichi segue Iván Ferreiro con 18 goles.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Advertisement
Esta entrada foi publicada en Novas equipo masculino C.D. As Pontes. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s