Por Anton Ferreiro

CLUB DEPORTIVO AS PONTES

BALANCE DA XORNADA

         Completada a xornada desta fin de semana, os distintos equipos do CD As Pontes colleitaron seis triunfos, un empate e cinco derrotas. Sen lugar a dúbida, o resultado máis importante foi o do cadro xuvenil da liga nacional, que venceu ó Celta B (5-3). Tamén vitorias do primeiro equipo na casa do Santiago (1-3), do equipo feminino diante do Crocha (5-0) e, ¡como non!, o triunfo do equipo infantil, que goleou (11-0) ó Rápido de Neda.

         CD AS PONTES PREFERENTE: Importante vitoria en Santa Isabel diante do Santiago de Compostela (1-3), nun partido que comezaron perdendo os das Pontes ó minuto cinco de partido. Os ponteses reaccionaron e no minuto 20 empataron o encontro por medio de Adriano. Nos minutos 40 e 45 Jorge Parada estableceu o definitivo 1-3, un resultado que sitúa ó As Pontes na terceira posición con 25 puntos, a oito do Betanzos e a tres do Dorneda, ó que se enfrontará o vindeiro 8 de decembro en partido aprazado da novena xornada. O As Pontes recibe na próxima xornada ó Viveiro.

         CD AS PONTES FEMININO: Nun gran partido, o As Pontes feminino impúxose con claridade ó Crocha (5-0). As pontesas xogaron un dos mellores partidos do que vai de temporada, sendo moi superioras ás da Pobra do Caramiñal. Ben situadas no terreo de xogo, realizando un bonito fútbol e con boas combinacións crearon moitas ocasións de gol, polo que o resultado puido ser máis amplo. Marcaron os goles Patri, Paty, Alba, Carlota e Jani. Como nova, sinalar que neste grupo primeiro foi excluído da competición o Atlético Muralla por incomparencia a varios partidos, polo que os resultados deste equipo quedan anulados. Lembrar que o As Pontes gañara no campo do Poboado por 15-0.

         CD AS PONTES XUVENIL: Importante vitoria do xuvenil da liga nacional diante dun difícil rival, o Celta B. Os de Carballo saíron decididos a polos tres puntos e souberon aproveitar as súas ocasións de gol e ó final golearon (5-3) ó cadro da cidade olívica. Marcaron os goles Chus Cañizares, Cristian, Xavi, Borja e Tara. Tras esta vitoria, os ponteses saen dos postos de descensos (14º) e na vindeira xornada visitan ó lider, CD Conxo, que este sábado sufriu a primeira derrota diante do Deportivo B. Non tivo a mesma sorte o conxunto B da primeira autonómica, que se veu superado no Poboado polo Perlío polo resultado de 2-4.

         CD AS PONTES CADETE: Na categoría cadete derrota dos de Calpita en Pontedeume diante do Eume Deportivo por 4-1. O As Pontes e sexto con dezaseis puntos a once do líder, Galicia de Caranza.

         CD AS PONTES INFANTIL: O cadro infantil segue na súa racha de vitorias e nesta xornada goleou no Poboado ó Rápido de Neda (11-0). Diego Filgueiras foi autor de cinco goles, dous marcou Nahúm e un Xandro, David Rey, Brais Blanco e Álex Fernández. Os ponteses lideran a clasificación con 30 puntos seguidos do Cariño con 27.

         CD AS PONTES ALEVÍN: Derrota dos dous equipos de categoría alevín. O conxunto A perdeu na casa diante do Numancia de Ares (2-3), sendo Jose (foto) o autor dos goles do seu equipo. O alevín B perdeu pola mínima en Neda diante do Rápido (4-3). Josiño (2) e Diego foron os autores dos goles ponteses. O alevín A é colista cun punto e o B é sétimo do seu grupo con nove puntos.

         CD AS PONTES BENXAMÍN:          Nun partido moi disputado o benxamín B empatou na casa a dous goles perante o Racing San Pedro, con tantos marcados por Mateo e Alejandro. Vitoria contundente no Val do equipo A (1-8). Na clasificación, o equipo A é sétimo con 13 puntos e o B tamén ocupa a mesma posición do seu grupo con nove puntos.

         CD AS PONTES PREBENXAMÍN: Na categoría prebenxamín vitoria do equipo A en Perlío (2-4), con goles de Vicente (3) e Xoel, e derrota do B no Poboado diante do Val (0-5). Os de segundo ano teñen seis puntos e ocupan a sétima posición mentres que o conxunto ocupa o derradeiro posto sen ningún punto.

          

 

RESUME RESULTADOS

 

PREFERENTE:  SANTIAGO  CD AS PONTES  (1-3)

XUVENIL NACIONAL:  CD AS PONTES – RC CELTA B (5-3)

XUVENIL COMARCAL: CD AS PONTES – CCRD PERLÍO (2-4)

FEMININO:  CD AS PONTES – CROCHA BP  (5-0)

CADETE:  EUME DEPORTIVO – CD AS PONTES (4-1)

INFANTIL:  CD AS PONTES – RÁPIDO DE NEDA  (11-0)

ALEVIN A:  CD AS PONTES – NUMANCIA ARES (2-3)

ALEVIN B:  RÁPIDO DE NEDA – CD AS PONTES  (4-3)

BENXAMIN A:  SD O VAL – CD AS PONTES  (1-8)

BENXAMIN B:  CD AS PONTES – RACING SAN PEDRO  (2-2)

PREBENXAMIN A:  CCRD PERLÍO – CD AS PONTES  (2-4)

PREBENXAMIN B:  CD AS PONTES – SD O VAL  (0-5)

Esta entrada foi publicada en Resultados. Ligazón permanente.

Deixar un comentario